Poruchik Kizhe (Prokofev)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Poruchik Kizhe
Música cinematográfica e suite orquestral de Sergei Prokofev
Kije1934.jpg
Imaxe do cartel promocional do filme, de Izrail Bograd.
Opus Op. 60 (suite)
Composición 1933–34
Duración aprox. 20 minutos (suite)
Estrea
Data 21 de decembro de 1934 (suite)
Lugar París
Director Sergei Prokofev

A música de Poruchik Kizhe (ruso: Поручик Киже, traducible ao galego como O tenente Kizhe) de Sergei Prokofev concibiuse orixinalmente como un acompañamento musical ao filme do mesmo nome, producido polos estudos Belgoskino en Leningrado entre 1933 e 1934, e estreado en marzo dese mesmo ano. Constitúe o primeiro intento de Prokofev de compoñer música cinematográfica, e o primeiro encargo que recibiu da Unión Soviética logo do seu exilio pouco despois da Revolución de Outubro de 1917. Posteriormente, Prokofev adaptou a música nunha suite orquestral, o seu Op. 60.

Nos inicios do cine sonoro, varios compositores destacados estaban a desexar introducirse no novidoso campo da música de cine, mais Prokofev non era a elección natural para este encargo. Establecido en París por case unha década, a súa música caracterizábase pola experimentación e a disonancia, calidades que non concordaban coas regras culturais predominantes do réxime soviético. Aínda así, Prokofev estaba a prepararse para regresar á súa patria, e considerou o encargo do filme como unha oportunidade para escribir música nun estilo máis popular e accesible.

Logo da exitosa estrea do filme, a suite en cinco movementos de Poruchik Kizhe, interpretouse por primeira en decembro de 1934, e de seguido converteuse nunha peza habitual do repertorio concertístico internacional. Segue a ser unha das obras máis coñecidas do compositor e ten sido gravada en numerosas ocasións. Partes da partitura foron empregadas en varios filmes posteriores, e en dúas populares cancións lanzadas durante a Guerra Fría.

Contexto[editar | editar a fonte]

Compositor expatriado[editar | editar a fonte]

Sergei Prokofev en 1918.

Oriúndo de Ucraína, Sergei Prokofev graduouse no Conservatorio de San Petersburgo en 1914, e daquela xa era coñecido como un compositor de vangarda.[1] O biógrafo Israel Nestyev afirma que o Segundo concerto para piano de 1913 foi «o billete de entrada de Prokofev aos círculos máis altos do modernismo ruso».[2]

Cando estalou a primeira guerra mundial en agosto de 1914, Prokofev esquivou o servizo militar, posiblemente porque era o único fillo dunha viúva. Durante os anos de guerra continuou compoñendo; en maio de 1918, no período de revoltas logo da Revolución de Outubro e o comezo da guerra civil, Prokofev obtivo permiso para viaxar ao estranxeiro, e partiu con destino a América.[3] Os seus biógrafos defenderon que «non fuxiu do país»; senón que se embarcou nunha xira de concertos, a cal decidiu prorrogar convencido de que lograría mellores perspectivas profesionais en América e Europa occidental.[3][4] Permaneceu en América ata marzo de 1922, cando decidiu marchar, establecéndose primeiro na pequena localidade de Ettal e posteriormente, dende outubro de 1923, en París.[5]

As autoridades soviéticas, máis que tratar a Prokofev como un fuxitivo ou un exiliado, elixiron consideralo como un embaixador xeral da cultura soviética,[6] e o compositor devolveu o favor ao rexistrarse en Francia como cidadán da recentemente creada Unión Soviética, fundada en 1922.[7] O compositor expresou o seu apoio aos desenrolos políticos da súa patria natal, e mantívose proclive a volver iniciar relacións cos seus compatriotas.[8] Foille outorgado o tratamento preferente cando realizou a súa primeira visita á Unión Soviética en 1927 con motivo dunha xira de concertos. Posteriormente realizou outras visitas, e en 1930 Prokofev instalouse nun piso en Moscova, a pesar de que París seguiu a ser a súa casa principal. Durante este período de achegamento decidiu simplificar a súa linguaxe musical conscientemente con miras a facelo compatible coa concepción oficial soviética da arte.[8]

Auxe da música cinematográfica[editar | editar a fonte]

Nos primeiros anos do cine mudo, a partir da década de 1890, as películas adoitaban acompañarse con música en vivo, frecuentemente improvisada, mediante un piano ou harmonio. A principios do século XX, os cines máis grandes comezaron a empregar orquestras, que acompañaban a película con música clásica de dominio público ou, de xeito cada vez máis frecuente, bandas sonoras orixinais. A partitura da película clásica de 1916 The Birth of a Nation de Joseph Carl Breil, creada a partir de varias obras de música clásica así como de traballo propio, supuxo un fito na historia da música cinematográfica e inspirou a compositores importantes da época a compoñer música para filmes mudos. Entre eles cabe destacar a Victor Herbert e Mortimer Wilson dos Estados Unidos, a Darius Milhaud e Arthur Honegger de Francia, e Gottfried Huppertz e Edmund Meisel de Alemaña.[9]

En 1927, desenrolos posteriores na tecnoloxía do son posibilitaron a aparición das «imaxes parlantes». Ao principio, a música de acompañamento gravábase en disco de xeito separado das imaxes, mais en dous anos o sistema «Movietone» permitiu capturar o son na propia cinta do filme.[10] Xa era posible aliñar a música coa acción en pantalla seguindo un enfoque diexético. Os primeiros en empregar este método foron os alemáns Friedrich Hollaender e Karol Rathaus, que compuxeron a música para os filmes Der blaue Engel (1930) e Der Mörder Dimitri Karamasoff (1931).[9] Daquela, na Unión Soviética, Dmitri Shostakovich comezara unha prolífica carreira como compositor de bandas sonoras, cos filmes Novyy Vavilon (1929) e Odna (1931).[9][11]

En 1932 os estudios cinematográficos Belgoskino de Leningrado,[a] que se encontraban planificando o seu proxecto do filme Poruchik Kizhe, recorreron ao expatriado Prokofev para a música do filme. A elección de Prokofev foi sorprendente por varios motivos: daquela era máis coñecido no estranxeiro que dentro da Unión Soviética e a súa fama como compositor disonante precedíalle. Ademais, o seu ballet Le pas d’acier fracasara por completo na súa estrea nacional no Teatro Bolshoi en 1929.[13] A primeira reacción do compositor ruso foi a de rexeitar o encargo. Un membro da produción lembra que Prokofev «rexeitou de xeito categórico a miña proposta. Tiña gran parte do seu futuro xa programado, xamais escribira música para filmes e non sabía que "tipo de salsa" levaban».[14] Mais, atraído pola historia, Prokofev mudou rapidamente de parecer e aceptou, vendo o seu primeiro proxecto no mundo da música para longametraxes como unha oportunidade para probar a súa habilidade para gustar ao público de masas soviético.[15][16]

Filme de 1933[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Poruchik Kizhe (filme).

Orixe[editar | editar a fonte]

O filme Poruchik Kizhe foi un dos primeiros filmes sonoros producidos na Unión Soviética.[13] A orixe da historia hai que buscala no guión de 1927, obra do crítico e novelista Yury Tynyanov, para o director de cine soviético Sergei Yutkevich. Este proxecto non chegou materializarse e Tynyanov adaptou o texto nunha novela curta que publicouse en xaneiro de 1928. A comezos da década de 1930, os estudios Belgoskino de Leningrado comunicaron o seu interese en producir o filme e acudiron a Tynyanov, quen produciu un segundo guión.[17] A historia, en palabras do biógrafo de Prokofev, Harlow Robinson, é «unha sátira da estupidez da realeza e o pavor particular dos rusos de desagradar ao seu superior».[16] Prokofev considerábase a si mesmo daquela «obstinado e temeroso de caer no academicismo»;[18] un crítico posterior pensou que a historia de Kizhe era perfecta para «un compositor cun enxeño cáustico e humor agudo».[19]

Argumento[editar | editar a fonte]

O tsar Paulo I de Rusia.

No palacio imperial ruso, mentres o tsar Paulo I dorme placidamente, un flirte amoroso entre dous cortesáns culmina cun accidente que esperta ao tsar. Alporizado, exixe aos seus oficiais que atopen ao culpable baixo pena de exilio. Mentres tanto, un desliz dun funcionario mentres compilaba unha listaxe de militares, resulta na inclusión dun oficial ficticio, «o tenente Kizhe». Ao inspeccionar a listaxe ao tsar chámalle a atención este nome e demanda que o oficial acuda ante a súa presenza. Os cortesáns de palacio están demasiado aterrados como para admitir o erro e ante tal dilema deciden culpar a Kizhe dos ruídos nocturnos mentres se lles ocorre algo. O tsar, ao descubrir o culpable, decide envialo a exilio en Siberia.

Cando o culpable real confesa, Kizhe é perdoado polo tsar e reintegrado na corte imperial co rango de coronel. Os cortesáns, temerosos da reacción do tsar, vense forzados a prorrogar a farsa engadindo éxitos á súa carreira. Entón supostamente casa coa princesa Gagarina, o tsar recompénsao con terras e cartos, e finalmente é nomeado comandante da armada. Cando Paulo I exixe a presenza de Kizhe, os cortesáns síntense acurralados e míntenlle dicíndolle que, desafortunadamente, o xeneral Kizhe faleceu. Organízase un funeral no que recibe os honores militares máis distinguidos. Cando o parsimonioso tsar exixe a devolución da fortuna de Kizhe, míntenlle de novo ao dicirlle que gastara os cartos en luxo, cando de feito, roubárano eles. O tsar táchao de ladrón e degrádao postumamente de xeneral a soldado raso.

Música[editar | editar a fonte]

A pesar da súa inexperiencia na composición de música cinematográfica, Prokofev comezou a traballar na partitura de Kizhe con confianza. Posteriormente afirmou que, «de algún xeito non tiña dúbidas sobre o tipo de linguaxe musical que quería empregar para o filme».[20] Díxolles aos produtores, «para min, o importante é a época, o significado intrínseco de cada evento, a personalidade de cada heroe», e advertiulles de que non esperaran simples «ilustracións» musicais.[16] Prokofev sentiuse atraído polo corte histórico do filme; Robinson comenta que a partitura de Kizhe é unha obra que, xunto coa Sinfonía Clásica, L'Amour des trois oranges, Zolushka e Voyna i mir, mostra «a debilidade do compositor polo século XVIII».[21] A linguaxe que escolleu combinaba elementos en clave de humor e romance cunha melancolía subxacente, dado que el vía a historia máis tráxica que cómica.[16] En París en 1928, Prokofev asistiu á interpretación do Boléro de Ravel e quedouse abraiado polo emprego que o compositor francés facía do saxofón, un instrumento que rara vez era empregado en composicións orquestrais fora de Francia pero que se adaptaba como anel ao dedo ao que Prokofev quería.[22] O compositor Gerard McBurney destaca os «inesquecibles sons do saxofón tenor» que acompañan a música de Kizhe.[19]

O crítico Ernest Chapman alaba a partitura como «infaliblemente enxeñosa e melódica».[23] Comprende só 15 minutos de música, escrita como unha colección de dezaseis fragmentos curtos ou leitmotivs que se repiten no momento preciso ao longo do filme, para subliñar determinados momentos do drama.[13][24] Este enfoque afastábase dos movementos sinfónicos amplos que eran norma entón, e Daniel Jeffe, biógrafo de Prokofev descríbeo como «algo avanzado para a época, unha das bandas sonoras máis populares da época».[13]

Produción e recepción[editar | editar a fonte]

O filme, dirixido por Alexander Feinzimmer, realizouse nos estudios Belgoskino de Leningrado, e a música foi gravada baixo a dirección de Isaak Dunaievski. A estrea tivo lugar o 7 de marzo de 1934 en Moscova; e posteriormente en Londres como The Tsar Wants to Sleep e en París como Le Lieutenant Nantes.[25][24] Prokofev non valorou moi positivamente o filme, aínda que estaba satisfeito coa súa música.[26] Logo de ser estreado en Nova York en decembro dese mesmo ano, o crítico do New York Times describiu o filme como "axustado para os amantes dos detalles e atmosfera auténtica dos filmes ambientados no pasado. Mesmo a introdución de partes cómicas semella que concorda coa tradición rusa". A contribución de Prokofev ao filme non é mencionada nesta crítica.[27]

Suite[editar | editar a fonte]

Composición[editar | editar a fonte]

Pouco despois de estrearse o filme, Prokofev recibiu un encargo da Orquestra Sinfónica da Radio de Moscova para crear unha suite orquestral a partir da música para o filme Kizhe[24] —probablemente o primeiro exemplo dun arranxo a partir de banda sonora en ser adaptada a unha obra musical notable.[28] O instigador detrás deste encargo era Boris Gusman, o segundo director da orquestra do Teatro Bolshoi e un recoñecido crítico de cine. Gusman era un gran defensor da ambición de Prokofev por reintegrarse na Unión Soviética e negociou coa orquestra moscovita unha xira de concertos para resaltar o talento do compositor.[24]

A tarefa de Prokofev non era nada sinxela; os quince minutos de material musical que precisaba o filme eran moi fragmentarios e estaban arranxados para unha orquestra de cámara.[24] En palabras do propio compositor, crear a suite constituíu «un traballo diabólico»,[29], e engadiu: «xeroume moito máis traballo que a banda sonora en si, xa que debía atopar unha forma musical axeitada, reorquestrar todo de novo, pulilo e mesmo combinar algúns temas entre si».[20] Quería que a suite agradara ás audiencias soviéticas que escoitaban música de concerto por primeira vez. Nun artigo en Izvestia en 1934 escribiu: «sobre todo, debe ser melodioso; ademais a melodía debe ser sinxela e comprensible sen ser repetitiva ou trivial... A simplicidade non debe ser unha simplicidade anticuada senón nova».[30] Traballou de xeito rápido e finalizou a peza o 8 de xullo de 1934.[31] A obra foi publicada como o seu Op. 60 a través do editor habitual do compositor ruso en París, que empregou no título da obra a forma transliterada ao francés de «Kijé» máis que a versión rusa «Kizhe».[24][b]

Instrumentación[editar | editar a fonte]

A suite, que conta cunha parte opcional para barítono, precisa dos seguintes instrumentos:[31][33]

Instrumentación de Poruchik Kizhe
Madeiras
2 frautas, piccolo), 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots, saxofón tenor.
Metais
4 trompas, corneta, 2 trompetas, 3 trombóns, tuba.
Percusión
Bombo, caixa, ferriños, pratos, pandeireta, axóuxeres e celesta.
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos e contrabaixos

arpa

Teclado
Piano

Estrutura[editar | editar a fonte]

Os cinco movementos da suite organízanse e titulan do seguinte xeito:

Nacemento de Kizhe[editar | editar a fonte]

Comeza cunha fanfarria distante, interpretada por unha corneta imitando un toque de clarín, seguida por unha rápida marcha militar coa caixa e o piccolo.[13]

 \relative c'' { \key d \major \numericTimeSignature \time 4/4 \tempo "Andante assai" 4=60 \clef treble a4.\p-- d8-- fis2-- | e8( cis a4) fis'( d8.) r16 | a4.-- d8-- fis2-- | e8( b cis4) d2\>~ | d1\! }

Unha pasaxe nos metais introduce un tema ou leitmotiv asociado á pantasma Kizhe que, logo dunha repetición da marcha e un crescendo en dó maior, pasa ao saxofón tenor, un instrumento relativamente novidoso nunha orquestra daquela.[34] A fanfarria na corneta pecha o movemento.[13]

 \relative c''' { \key bes \major \numericTimeSignature \time 4/4 \tempo "Andante" 4=80 \partial 4*1 bes4\p_"dolce"( | f4.) bes8( f bes f ges | aes4 ges8 f ges4 bes | f1) }

Romance[editar | editar a fonte]

O tema principal deste movemento baséase nunha antiga canción titulada ‘’A pequena pomba gris está arrulando’’, á que Prokofev facilitou unha parte de barítono opcional.[35] A canción pasa por varios instrumentos dando paso ao segundo tema no saxofón tenor. O movemento chega á súa conclusión co regreso da melodía inicial, ornamentada con trilos de aves.[34]

 \relative c' { \key g \minor \tempo "Andante" 4=68 \clef bass \time 4/4 g4\mp-- d'-- c8([bes)] a([g)] | f--[g16( a bes8) a--] g4( d) | d-- a'-- g8( a) bes-- c( | d) ees-.-- d-.-- c-.-- d4.-- r8 }

A voda de Kizhe[editar | editar a fonte]

O movemento comeza cunha melodía ampla, cerimoniosa e mesmo algo pomposa nos metais e as madeiras que regresa en varias ocasións.[13] Entre medias é interrompida por un alegre solo de corneta

 \relative c'{\clef treble \key ees \major \tempo "Allegro fastoso" 2=84 \numericTimeSignature \time 2/2 ees2->\f g4--_"pesante" aes-- | bes-- g-- c4.->^"ten." bes8 | bes4-- g-- c4.->^"ten." bes8 | bes2 }

e diversas elaboracións e variacións sobre o tema de Kizhe,[34] que combinados proporcionan unha sensación de celebración, á vez que de bulicio e sentimentalismo.[18]

 \relative c' { \clef treble \key ees \major \tempo "Più animato" 2=104 \numericTimeSignature \time 2/2 ees4--\p( g aes-- c | a-- bes) c--( ees | bes-- g) aes8--( g f4-.) | g2->( bes,4.) r8 }

Troika[editar | editar a fonte]

Unha troika, unha combinación para zorra típica rusa.

A melodía principal desta sección provén dunha antiga canción dos húsares, que aparece por primeira vez de xeito lento disonante.[34] Logo disto o ritmo acelérase: o son dos axóuxeres, rápidos pizzicati nas cordas, e o piano dan a sensación dunha veloz viaxe invernal nunha troika, unha zorra dirixida por tres cabalos típica de Rusia.[13] A viaxe interrómpese a intervalos regulares polo tema principal, que leva o movemento ao seu fin logo dunha lenta repetición da súa última frase.[34]

 \relative c' { \clef bass \numericTimeSignature \time 4/4 \tempo "Allegro con brio" 4=152 \key d \major \partial 4*1 a\f | d8->([cis)] b([cis)] d4-. b-. | a-- b-- fis8-. r a4 | b8( a g4) d'-.-- cis8( d) | a2~ a8 r }

O funeral de Kizhe[editar | editar a fonte]

O último movemento é unha mestura dos temas anteriores evocando os diferentes acontecementos na vida ficticia de Kizhe.[34] A fanfarria de corneta, o leitmotiv de Kizhe,[13] así como ‘’A pequena pomba gris está arrulando’’, esta vez emparellada coa música da voda, regresan ao longo do mesmo.[34] Orrin Howard, nas notas do programa para Los Angeles Philharmonic describe o final como unha despedida emotiva cargada de anhelo que culmina cunha rendición afastada da fanfarria.[18][c]

Recepción, interpretacións e adaptacións posteriores[editar | editar a fonte]

Boston Opera House, onde se estreou a versión para ballet de 1942.

Prokofev dirixiu a estrea da suite nunha retransmisión pola radio de Mosova o 21 de decembro de 1934.[28][37] A estrea nos Estados Unidos tivo lugar o 14 de outubro de 1937, coa Orquestra Sinfónica de Boston baixo a batuta de Sergei Kusevitski;[38] esta interpretación foi o xermen da primeira gravación comercializada, que se puxo á venda ao ano seguinte.[39] Mentres Prokofev estaba nos Estados Unidos para a estrea de Boston, recibiu numerosos encargos de produtores de filmes, mais aínda que se sentiu alagado e atraído polas súas ofertas non comporía música para unha produción de Hollywood.[40] A suite fíxose popular con rapidez, especialmente nos Estados Unidos; o coreógrafo Michel Fokine empregou a súa música para o seu ballet Russkii soldat (en ruso Русский солдат, traducible ao galego como Soldado ruso), interpretado na Boston Opera House o 23 de xaneiro de 1942.[41] Outra versión posterior de Poruchik Kizhe ideouse para o Ballet do Bolshoi de Moscova en 1963, por Alexander Lapauri e Olga Tarasova, con Raissa Struchkova nun papel principal.[42]

O crítico musical David Gutman calificou a suite como «unha das composicións máis populares (de Prokofev) actualmente e unha das máis logradas».[43] Robinson opina que a suite de Kizhe é unha das súas mellores composicións, xunto con Romeo i Dzhuletta e o Concerto para violín n.º 2 como «accesible, simple e melódica».[44] No libro Essential Canon of Classical Music (2001), David Dubal recalca como a música de Kizhe calou na cultura popular: «Partes e anacos empréganse por doquier».[45] A súa andaina como banda sonora comeza na década de 1930, posteriormente empregáronse partes da suite noutros filmes como a británica The Horse's Mouth (1958),[46] e en Love and Death, unha parodia de Woody Allen de 1975 sobre a literatura rusa.[47] No mundo da música pop, a Troika adaptouse en varias ocasións, comezando en 1958 como "Midnight Sleighride", un arranxo para banda de jazz de Eddie Sauter e Bill Finegan.[48] En 1975 a Troika serviu de base para unha exitosa canción, I Believe in Father Christmas de Greg Lake,[13] e en 1985 Sting empregou o tema principal do movemento «Romance» na súa canción pacifista Russians.[49]

Gravacións[editar | editar a fonte]

A interpretación da suite en 1938 por Koussevitski e a Orquestra Sinfónica de Boston, gravada en discos de 78rpm,[39] foi a única gravación dispoñible comercialmente ata a chegada dos LPs na década de 1950;[50] unha realización da Orquestra Sinfónica de Cleveland baixo a batuta de Fritz Reiner en decembro de 1945 non foi lanzada ata moitos anos máis tarde.[51] En 1951 Capitol publicou a gravación de Hermann Scherchen coa Orquestra Sinfónica de Viena,[52] e dende aquela publicáronse moitas gravacións da obra baixo diversos selos. A edición de 2008 do estudo de gravacións Muze lista dezanove versións dispoñibles procedentes de orquestras de toda Europa, Asia e os Estados Unidos.[53] A versión con barítono apenas foi gravada en disco; Vladímir Áshkenazi coa Orquestra Sinfónica de Sydney e Andréi Laptev (2010) constitúe un exemplo recente.[54] En 2007 publicouse unha produción do Ballet do Bolshoi en formato DVD, con Raisa Struchkova e Vladimir Vasiliev.[55]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Os estudios Belgoskino trasladáronse a Minsk en 1938 e foron renomeados como Belarusfilm.[12]
  2. Prokofev non asignou un número de opus á partitura orixinal do filme, xa que non chegou a publicarse.[32]
  3. Prokofev arranxou "A pequena pomba gris" e "Troika" para voz solista e piano, publicadas xuntas como o seu Op. 60-bis en 1934.[32][36]
Referencias
  1. Steen 2009, p. 841.
  2. Nestyev 1960, p. 75.
  3. 3,03,1 Hicks: Grove biography, "USA, 1918–22" 2007.
  4. Emerson 2004, p. 155.
  5. Hicks: Grove biography, "Europe, 1922–36" 2007.
  6. Morrison 2009, pp. 1–2.
  7. This Day in History 30 December 1922.
  8. 8,08,1 Hicks: Grove biography: "Contacts with the Soviet Union" 2007.
  9. 9,09,19,2 Cooke: "Film Music" 2007.
  10. Hanson 1998.
  11. Soviet era music: Shostakovich.
  12. Belarus Cinema.
  13. 13,013,113,213,313,413,513,613,713,813,9 Jaffé 2014.
  14. Robinson 1998, p. 268.
  15. Jaffé 1998, pp. 129–32.
  16. 16,016,116,216,3 Robinson 1998, p. 278.
  17. Yampolski 1998, p. 193.
  18. 18,018,118,2 Howard 2015.
  19. 19,019,1 McBurney 2015.
  20. 20,020,1 Shilfstein 2000, p. 83.
  21. Robinson 1998, p. 131.
  22. Shilfstein 2000, p. 108–09.
  23. Chapman 1964, pp. 26–29.
  24. 24,024,124,224,324,424,5 Bartig 2007.
  25. Nice 2003, p. 305.
  26. Gallez 1978, p. 14.
  27. New York Times 10 de ecembro de 1934.
  28. 28,028,1 MacDonald 2013, p. 35.
  29. Nestyev 1960, p. 353.
  30. Jaffé 1998, pp. 132-133.
  31. 31,031,1 Lee 2002, p. 300.
  32. 32,032,1 Shilfstein 2000, p. 294.
  33. Prokófiev 1943, p. 1.
  34. 34,034,134,234,334,434,534,6 Hazlewood, BBC 2014.
  35. Lee 2002, p. 301.
  36. Robinson 1998, pp. 278–79.
  37. Oxford Music Online.
  38. Steinberg 2015.
  39. 39,039,1 McNaught 1942, p. 16.
  40. Robisnon 1998, p. 344.
  41. American Ballet Theatre.
  42. Struchkova obituary 2005.
  43. Gutman 1988, p. 110.
  44. Robinson 1998, p. 266.
  45. Dubal 2001, p. 388.
  46. Bartig 2013, p. 34.
  47. Harvey 2007, p. 75.
  48. AllMusic: New Directions in Music.
  49. Gable 2009, p. 25.
  50. F.F.C. and G.I.C.: Prokofieff on Records 1949.
  51. Morgan, CD notes: "The Art of Fritz Reiner, Vol 1".
  52. Myers 1952, p. 265.
  53. Muze 2007, p. 709.
  54. WorldCat: CD Naxos 2010.
  55. WorldCat: DVD 2007.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Libros
Xornais e publicacións
Recursos na rede

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Poruchik_Kizhe_(Prokofev)&oldid=4478401"