Provincialismo galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Provincialismo")
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Os provincialistas defendían unha única provincia para Galicia e non estaban de acordo coa división territorial de España en 1833 (por rexións), de Javier de Burgos.

O provincialismo foi un movemento político galeguista que naceu ao redor de 1840[1] e tivo en 1846 un levantamento a causa dunha insurrección militar. Tiña como obxectivo a recuperación de Galicia como única provincia que mantivese a unidade administrativa, social, cultural e económica. Esta unidade rachárase coa división provincial de 1833, que rematara co reino de Galicia.

Historia[editar | editar a fonte]

Antolín Faraldo.

Na década de 1840 iníciase un proceso que constituirá o nacemento e primeira gran manifestación do galeguismo: o provincialismo. Entre 1840 e 1846 dáse a coñecer en Galicia un grupo de mozos universitarios preocupados por diversos aspectos relacionados con Galicia. Descubriran a través da literatura a súa terra, o atraso no que estaba sumida e o desprezo co que se lles consideraba.

O provincialismo naceu arredor de Sociedade Patriótica e Acción Literaria. Reuníanse en Santiago periodicamente para realizar conferencias sobre temas como a lexitimidade da pena de morte, o socialismo de Fourier ou a emancipación da muller. Publicaban en castelán en medios creados por eles, como El Iris de Galicia, El Centinela de Galicia, El Idólatra de Galicia, El Emancipador Gallego, La Situación de Galicia, La Aurora de Galicia etc., cuxos títulos revelan cal era o seu centro de interese.

O líder máis destacado foi Antolín Faraldo. Xunto a el, Antonio Romero Ortiz, Vicente Manuel Cociña, Antonio Neira de Mosquera, Pío Rodríguez Terrazo, Francisco Añón ou José Rúa Figueroa. Anos máis tarde Manuel Murguía, que viu dende a súa xanela cando era un cativo recuar os soldados alzados cara o San Martiño, definiu aquel fito como "a Grande Obra". Os provincialistas eran conscientes do carácter diferencial de Galicia (lingua, historia, economía, folclore...), e por iso loitarán na defensa dos seus intereses económicos, políticos e culturais co obxectivo de que ocupe un lugar de maior relevancia dentro do Estado. Mais como movemento nunca tivo uns ideais claros e homoxéneos. Pretendíase unha autonomía decisoria de Galicia, nunca clara, talvez federalista, e a obtención de tributos propios.

O levantamento de Miguel Solís en Lugo o 2 de abril de 1846[1][2] non tiña un carácter rexionalista, pero os líderes provincialistas incorporáronllo ao sumarse ao movemento co fin de poñer na práctica o seu ideario. Créase a Junta Superior Provisional de Gobierno de Galicia, na que chegarán a formar parte da dirección destacados líderes provincialistas como Faraldo e Terrazo, pero finalmente o levantamento fracasa. Entre as medidas de represalia destaca o fusilamento de doce oficiais (os chamados Mártires de Carral) e o exilio dos dirixentes civís do mesmo.

O ideario galeguista prendeu axiña na intelectualidade, dando comezo ao Rexurdimento na literatura. Pouco despois, algúns mozos como Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Aurelio Aguirre encabezarán unha nova xeración que desempeñará un importante labor reivindicativo e cultural.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 López Carreira 2013, p. 220.
  2. Beramendi 1991, p. 825.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Provincialismo_galego&oldid=4752819"