Quarquernos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Localización aproximada da pobo dos Quarquerni ou Quarquenos na provincia romana da Gallaecia.

Os quarquernos (latín: quarquerni) eran un pobo galaico da Gallaecia, sito dentro do Convento xurídico bracarense, cuxo territorio actual pode reducirse á comarca da Baixa Limia, centrados en torno aos Baños (Bande, provincia de Ourense), e nas beiras do curso medio do río Limia.

Fontes e problemas de denominación[editar | editar a fonte]

Son citados por Plinio, N. H., III, 28, como querquerni, despois dos límicos; entanto Claudio Tolomeo, II, 6, 46, os denomina kuakernoi, designándolles por capital Hydata Kuakernon (que vén sendo traducida ao latín como Aquae Cuacernorum), citándoos entre os luancos e os lubenos. No Padrón dos pobos (CIL, II, 2477) aparecen grafados como quarquerni. No Itinerario de Antonino figura a mansión de Aquis Quarquennis; que a súa vez é mencionada nas Táboas Peutingerianas como Aquis Cercenis.

Nós aquí adoptamos a escrita quarquerni consonte o Padrón dos Pobos, que segue A. Tranoy no seu mapa da Gallaecia, e máis recentemente Felipe Arias Vilas.

Unha ala militar romana quarquerna[editar | editar a fonte]

Fóra das fontes indicadas, hai diversos achados epigráficos, como a cita dunha Ala I Hispanorum Asturum et Quarquernorum (CIL, III, páx. XXX), do ano 124 d.C., ou un exvoto aos deuses Hércules e Silvano por parte dun individuo deste pobo, encontrada en West Cumberland, Inglaterra, que cita Rodríguez Colmenero.

Redución xeográfica[editar | editar a fonte]

O Itinerario de Antonino permite, ao asignar as distancias entre as estación intermedias ou mansións, a contar desde Braga (Brácara Augusta), na Vía Nova ou Vía XVIII, calcular con aproximación a situación das Aquis Quarquennis, que é posíbel identificar coa capital do pobo indicada por Tolomeo. A efecto indícanse as mansións seguintes:

Isto fai que os especialistas teñan identificado a primeira mansión con Portela do Homem, a segunda con Baños de Riocaldo, e asignen as Aquis Quarquennis. Esta equivalencia ten xa unha certa tradición, que remonta a finais do século XIX (Aureliano Fernández Guerra).

Porén, isto foi complementado con datos arqueolóxicos, sendo emprendida unha primeira exploración por Florentino López Cuevillas, en 1922, na que se observaran restos de murallas. En 1975, Rodríguez Colmenero observou os restos de murallas e de edificacións, xuntos con outros de orixe romana, como tégulas, cerámica e máis epígrafes, que o levaran a identificalos, sen dúbidas, coa mansión viaria citada. Posteriores escavacións mostrarían a existencia dun campamento romano, o que fai do lugar á vez cuartel, mansión, castella e estación termal. O lugar era coñecido entre os habitantes da zona como A Cidá.

Unidades menores[editar | editar a fonte]

A catro quilómetros ao Norte das Aquis Querquennis fora atopada unha inscrición que menciona un novo grupo, os Ancondei, e un posíbel poboamento, o Castello Meidunio, o que levou a pensar aos investigadores, nunha subdivión étnica dos quarquernos, con un castro, cuxo nome se adscribe ao Castro de Rubiás, preto de Bande.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fernández Guerra, Aureliano, Las diez ciudades bracarenses de la inscrición de Chaves, in Revista de Arqueologia. Lisboa. 1882.
  • López-Cuevillas, Florentino A., A mansión Aquis Quaerquernis, in rev. Nós, nº 9, xaneiro de 1922.
  • Rodríguez Colmenero, Antonio, Galicia meridional romana. Universidad de Deusto. 1977.
  • Arias Vilas, Felipe, A romanización de Galicia. Vigo. Edicións A Nosa Terra. 1992.


Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Quarquernos&oldid=4155878"