República Soviética Húngara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Magyarországi Tanácsköztársaság
República Soviética Húngara

1919
Bandeira Escudo
Capital Budapest
Lingua Húngaro
Goberno República de consellos obreiros, soldados e campesiños
Período histórico Entreguerras
 • Caída da República Popular de Hungría 21 de marzo de 1919
 • Invasión de Romanía 1 de agosto de 1919

A República Soviética Húngara foi un efémero réxime de ditadura do proletariado en Hungría, instaurado pola unión do Partido Socialdemócrata e o Partido Comunista na primavera de 1919, ante a grave crise interna no país. Iniciouse o 21 de marzo de 1919 e terminou o 1 de agosto do mesmo ano.[1] Incapaz de alcanzar un acordo coa Entente que mantiña o seu bloqueo económico, acosada polos países veciños por disputas territoriais e embarcada nun profundo cambio social interno, a república fracasou nos seus obxectivos e quedou abolida a comezos de agosto.

A presentación da nota Vyx tivo como consecuencia a caída do Goberno de Károlyi, para entón sen apoio significativo,[2] e a proclamación da república soviética ao día seguinte, o 21 de marzo de 1919.[3] A súa principal figura foi o comunista Béla Kun,[1] malia que a maioría do novo Goberno era socialista.[4] Aparentemente democrático,[5] o novo sistema concentraba en realidade o poder no novo Consello de Goberno, que o exerceu de xeito autoritario en nome, presuntamente, da clase traballadora.[6]

O novo réxime non conseguiu chegar a un acordo coa Entente que supuxese o levantamento do bloqueo económico, a mellora do trazado das novas fronteiras ou o recoñecemento do novo Goberno polas potencias vencedoras da guerra mundial.[7] Reorganizouse o Exército e tratouse de recuperar os territorios perdidos a mans dos países veciños, obxectivo que suscitou amplo apoio en todas as clases sociais, non só nas máis favorables ao novo réxime.[8] Pola súa banda, os países veciños utilizaron a loita contra o comunismo, primeiro contra o Goberno de Károlyi e máis tarde contra a república soviética, como xustificación das súas ambicións expansionistas.[9] Ao comezo e apoiados por razóns patrióticas por oficiais conservadores, as forzas da república avanzaron contra os checoslovacos en Eslovaquia,[10] tras sufrir unha derrota no leste a mans do Exército romanés a finais de abril, que levou a este ás beiras do Tisza.[11] A mediados de xuño proclamouse unha República Soviética Eslovaca, que durou dúas semanas, ata o repregue húngaro por esixencia da Entente.[10] O 20 de xullo a república lanzou un novo ataque contra as posicións romanesas.[12] Tras uns días de avance, os romaneses lograron deter a ofensiva,[13] romper a fronte e alcanzar a capital húngara, poucos días despois do fin da república soviética, abolida o 2 de agosto.[12][14]

Os dirixentes húngaros aplicaron medidas doutrinarias tanto en política exterior coma interior que lles fixeron perder o favor da maioría da poboación.[9] O intento do novo Goberno de cambiar profundamente o modo de vida e o sistema de valores da poboación resultou un rotundo fracaso.[15] O empeño por converter a feudal Hungría nunha utopía marxista resultou infrutuoso por unha mestura de falta de tempo, de persoal experimentado na Administración e de organización, así como de inxenuidade gobernamental, tanto política coma económica, nalgunhas das súas medidas.[15] O Goberno fracasou nos seus intentos de lograr o apoio do campesiñado e de manter a produción agrícola e abastecer as cidades, en parte pola súa propia ineptitude e en parte pola situación que impedía solucións rápidas.[16] Trala retirada de Eslovaquia, ordenou a aplicación dalgunhas medidas coas que tratou de recobrar popularidade, con escaso éxito.[17] Rescindiuse a prohibición de venda de bebidas alcohólicas, planeouse a entrega dalgunhas parcelas aos campesiños sen terra e tratouse de mellorar a situación monetaria ou o abastecemento de alimentos.[17] Incapaz de aplicar estas medidas, entre xuño e xullo a república acabou por perder o apoio da maioría da poboación, o que conduciu, xunto ás derrotas militares, á súa caída.[17]

Ao fracaso da reforma interna uniuse o da política exterior: o illamento político e económico da Entente, o fracaso militar ante os países veciños e a imposibilidade de unir forzas coas unidades soviéticas rusas provocaron o afundimento da república soviética.[18] Ao Goberno social-comunista sucedeulle un exclusivamente socialista o 1 de agosto.[4] En grave crise xa en xullo, disolveuse en agosto, e os seus dirixentes fuxiron ao estranxeiro mentres o poder volveu a mans da aristocracia feudal e nacionalista que xa o tivera no século anterior.[13][18]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Fin do imperio e establecemento da república popular[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Revolución dos Crisantemos.
Escena de Budapest durante a Revolución dos Crisantemos, que impuxo un novo Goberno que pouco despois proclamou a república popular.

Trala derrota do Imperio austrohúngaro na primeira guerra mundial o movemento revolucionario das masas conformado por obreiros, soldados e campesiños propagouse de tal forma que a policía e algunhas unidades do Exército pasaron a apoialo.[19] O triunfo desta revolución, chamada Revolución dos Crisantemos, trouxo como consecuencia o nomeamento de Mihály Károlyi como primeiro ministro o 31 de outubro co apoio do Consello Nacional,[20] formado polo Partido Socialdemócrata (PSD), o Radical Cívico Nacional e o grupo de Károlyi.[21][22] Tras insistir reiteradamente, o representante do emperador en Hungría, o arquiduque Xosé, logrou que este accedese a aceptar a proclamación da república, que o Consello Nacional esixía.[21] O novo Goberno non logrou, con todo, resolver os graves problemas do país, entre os que se contaban un crecente desemprego, unha grande inflación e a fame nas cidades,[23] e tampouco se levou a cabo a ansiada reforma agraria.[23] Malia disolver o antigo Parlamento e proclamar o sufraxio universal, non houbo finalmente novas eleccións.[22]

Regreso de soldados da fronte. A nova república popular houbo de afrontar a desmobilización de centos de miles de homes en medio dunha grave situación económica.

O 16 de novembro de 1918 proclamouse a República de Hungría con Károlyi á cabeza como presidente interino.[21][22] Desbaratada a antiga Administración e desorganizado o Exército, o Consello de Ministros tivo que apoiarse nos sindicatos para evitar que se espallase o caos no país.[24] Ao mesmo tempo tivo que enfrontarse cos diversos consellos que xurdiron, nacionais, de obreiros e soldados ou de campesiños.[24] A mediados de mes logrou restaurar parcialmente a orde mediante a promesa dunha reforma agraria e a desmobilización parcial de máis dun millón de soldados, aínda que tivo que manter a un número notable nas guarnicións urbanas para evitar a súa radicalización –estes soldados carecían de emprego e de sustento fóra das forzas armadas.[24] Enfrontado a graves problemas e antigas reivindicacións populares que non podía satisfacer na situación de crise de posguerra, o Consello de Ministros tivo que soportar as crecentes protestas, atizadas polos comunistas, que denunciaban o mantemento das desigualdades no país e animaban ás masas campesiñas e obreiras a tomar o poder.[22]

Fundación e crecemento do Partido Comunista Húngaro[editar | editar a fonte]

O 24 de novembro de 1918,[a]Béla Kun e os socialdemócratas de esquerda e socialistas revolucionarios fundaron o Partido Comunista de Hungría (PCH) de tendencia marxista-leninista.[28][29] De pequeno tamaño, o partido agrupaba a esquerda oposta ao Goberno de coalición socioliberal.[29][30][31] Insatisfeito cos resultados da primeira revolución, o partido tratou de mobilizar o proletariado húngaro para desencadear unha segunda que sentase as bases dun sistema socialista.[28] O diario principal do PCH era o Vörös Ujság (O diario vermello), que apareceu a comezos de decembro cun chamamento á revolución socialista e rexeitando o establecemento dunha asemblea constituínte e unha democracia burguesa.[32][33] Ao mesmo tempo, tratou de lograr o apoio das novas unidades militares que o Goberno de Károlyi intentou formar, con escaso éxito ante a apatía de obreiros e campesiños, que vían insuficientes as reformas do Goberno como para tomar de novo as armas.[28] Temendo que unha garda vermella quedase baixo o control do consello de soldados de Budapest, dirixido polos socialistas, o PCH decidiu armar directamente os seus partidarios adquirindo de forma clandestina armamento entregado polas forzas alemás en retirada de acordo ao armisticio de Belgrado.[34][b] O éxito dos comunistas nos seus intentos por atraer os soldados fixo que en marzo a toma do poder fose practicamente incruenta e a maioría das unidades apoiasen ó novo Goberno.[28] A axitación comunista non se limitou aos soldados, senón que estendeuse aos obreiros, ás minorías e ata ás tropas da Entente.[26]

Para finais de 1918 e comezos de 1919, a efervescencia revolucionaria estaba en aumento e era cada vez maior a influencia do PCH,[31] provocando unha polarización do país.[35] Durante a segunda metade de decembro os socialistas e comunistas comezaron a disputarse o dominio dos sindicatos.[33] O gran número de desempregados, de soldados e suboficiais desmobilizados e o enorme aumento dos traballadores sindicados –medio millón ao longo de 1918– favorecía ós comunistas.[26] En decembro o Goberno tratou en balde de arrebatarlle o control das unidades militares aos consellos militares da capital, que tivera que recoñecer legalmente poucos días antes. Estes estaban dominados polos socialistas próximos a József Pogány.[36] O 12 de decembro unha manifestación de oito mil soldados armados logrou a destitución do ministro de Defensa que ordenara a errada manobra.[37]

Radicalización popular e parálise gobernamental[editar | editar a fonte]

Discurso dun orador comunista en Hungría
Manifestación en Budapest a finais de 1918. As protestas multiplicáronse na capital, atizadas polo Partido Comunista.[22]

A crítica situación política e económica do país, sen axuda da Entente, levou a que Károlyi dimitise da Presidencia do Goberno en xaneiro de 1919 e asumise a Presidencia da República.[2] Os sectores máis conservadores do partido de Károlyi e do radical abandonaron o Consello de Ministros e as dúas formacións sufriron escisións.[38] Tras unha grave crise gobernamental a mediados de mes na que parte dos socialistas avogaron por abandonar o Goberno para debilitar as críticas comunistas e as formacións burguesas negáronse a gobernar en solitario, formouse un novo gabinete de coalición con maior número de ministros socialistas.[39] O novo Goberno de Dénes Berinkey,[2][40] de tendencia socialdemócrata, prometeu reformas, pero isto non satisfixo os soviets; o 13 de decembro, o consello obreiro da capital tratara a reforma agraria, pero o Goberno non alcanzou unha decisión sobre o asunto ata comezos de febreiro e a súa aplicación foi tardía e lenta.[37] A comezos de xaneiro e medorento da influencia dos comunistas, o mando Aliado en Budapest probablemente suxeriu o arresto dos representantes rusos da Cruz Vermella, unha das fontes de financiamento daqueles.[41] No mesmo mes, os obreiros tomaron o control dalgunhas fábricas como reclamaban os comunistas, ante a impotencia do Goberno e os socialistas moderados.[42] No norte, o Goberno esmagou brutalmente a revolta mineira de Salgátarján, clave para o abastecemento de fábricas e ferrocarrís; houbo un centenar de mortos na rebelión atizada polo PCH.[42] A finais de xaneiro, os socialistas, malia as protestas da súa corrente radical, decidiron expulsar os comunistas do consello obreiro da capital e dos sindicatos,[43] aínda que a medida tivo escaso éxito.[40] O Goberno ordenou o rexistro da sede comunista e da súa imprenta, onde requisou exemplares do seu diario.[40]

En febreiro, calculábase que os comunistas contaban xa con entre trinta mil e cincuenta mil afiliados.[34] A súa actividade nos distintos consellos, incluídos os de campesiños, era notable, aínda que a súa influencia no de obreiros da capital, elixido o 2 de novembro, era moito menor debido ao control socialista do organismo.[34] Pola súa banda, os socialistas tiveron que radicalizar as súas posicións para frear o crecemento dos comunistas, que axitaban as tropas esixindo o control do armamento polos consellos ou a mellora das condicións de vida dos soldados.[37] A influencia socialista decaía tamén nos sindicatos.[38] No seu congreso de febreiro, os socialistas aprobaron medidas radicais[31] como a nacionalización dos medios de produción onde fose factible, a introdución de impostos para as clases privilexiadas ou o esmagamento dos focos contrarrevolucionarios.[44]

O 20 de febreiro, tras unha manifestación fronte ás oficinas do diario socialista Népszava que acabou con varios mortos e decenas de feridos,[45][c] os dirixentes do partido foron arrestados coa aquiescencia do Goberno,[45] que pretendía desta forma acougar os temores da Entente.[46][2][22][43] Esta cría que a debilidade gobernamental impedía o control das actividades dos comunistas.[2] O partido planeara un alzamento para tomar o poder seguindo o exemplo do levantamento espartaquista en Alemaña e desoíndo os consellos de Moscova, plan que finalmente resultou un fracaso.[47] A detención e o posterior maltrato en prisión dos seus dirixentes, con todo, aumentaron a súa popularidade,[46][48] e a prensa comunista seguiu aparecendo desde imprentas clandestinas.[49] O 21 de febreiro tivo lugar unha gran manifestación de apoio ao partido socialista fronte ao Parlamento,[45] pero nin este nin o Goberno aproveitaron a oportunidade para recobrar a popularidade perdida.[48] Os ministros socialistas mostráronse contrarios a reprimir os comunistas como esixía a dirección da policía e temían pola sorte da misión da Cruz Vermella húngara, formada por socialistas e arrestada en Rusia como represalia.[48] O 22 de febreiro o Goberno, a instancias dos ministros socialistas, restaurou a lei que durante a guerra permitira o internamento daqueles hostís ao Estado.[50] Mentres, as esperanzas do Goberno de obter a ansiada axuda das potencias vencedoras resultaron ilusorias.[2]

A situación de crise continuaba e a chegada do período de sementeira axitou o campo, onde os comunistas denunciaban a falta de cambios e o mantemento dos terratenentes e animaban os campesiños a tomar as terras.[50] O Goberno, sen unha forza armada leal, non puido opoñerse á crecente ocupación de terras por parte dos labradores, e as súas medidas de reforma eran escasas, afectando unicamente a dous mil setecentos terratenentes.[50] A comezos de marzo a falta de acordo coa Entente provocou que os territorios tomados polos países veciños aumentasen e a ausencia de medidas de socialización do Goberno ocasionou que a corrente radical dos socialistas aumentase o seu poder á custa dos moderados, que dominaran a formación ata entón.[51] O 3 de marzo o consello da capital volveu admitir ós comunistas, sinal da debilidade dos socialistas no organismo.[51] O Consello de Ministros atopouse impotente perante ó cada vez maior poder dos consellos en todo o país, e os consellos desobedecían as súas medidas alí onde non eran do seu agrado.[51] O 13 de marzo a policía da capital, último reduto de poder do gabinete, admitiu a autoridade do consello de soldados da cidade.[51] Con protestas case incesantes de diversos colectivos –desempregados, soldados, viúvas de guerra etc.– o Goberno tratou de reforzar a súa posición convocando finalmente eleccións para o 13 de abril, confiando no referendo popular ás súas medidas.[49]

Creación da república soviética[editar | editar a fonte]

Proclamación da república[editar | editar a fonte]

Proclamación da república soviética nas escalinatas do Parlamento húngaro. Béla Kun no centro, con camisa clara.

A mediados de marzo o Goberno perdera todo apoio significativo.[2] No canto de apoiar o Goberno de Károlyi, a Entente esixiu unha nova cesión territorial[49][43] –varias sucederanse desde o outono do ano anterior, debidas ás promesas da Entente aos países veciños realizadas durante a contenda–[52] para a creación dunha franxa neutral entre as tropas romanesas e as húngaras, parte dun errado plan de intervención na guerra civil rusa.[2] A nova fronteira coincidía fundamentalmente coa prometida a Romanía no Tratado de Bucarest polo que entrara na guerra mundial.[53][d] Trala presentación da nota Vyx ao Goberno de Károlyi o 20 de marzo de 1920 ,[3] que esixía a evacuación de novos territorios e a súa entrega a Romanía,[54] o gabinete decidiu rexeitala,[49] dimitir en pleno[53] e entregar o poder a un novo Goberno socialista[53][52] que contase coas simpatías do proletariado internacional e permitise ao país enfrontarse ás esixencias da Entente.[55][56] Károlyi admitiu que a súa política de achegamento á Entente fracasara.[53] O proxecto do gabinete era manter a Károlyi como presidente e formar un novo gabinete socialdemócrata,[56] pero mentres o Goberno deliberaba o consello de soldados aprobou apoiar ós comunistas, confiscou os vehículos dos ministros e pola tarde entregou o control da guarnición da capital aos comunistas.[57] Ante a toma do control da cidade por Pogány e a guarnición, a policía non ofreceu resistencia.[58]Sándor Garbai anunciou ante o consello de traballadores a formación dun Goberno soviético de coalición entre socialistas e comunistas,[53] e pola noite solicitouse a renuncia de Károlyi que outorgouna sen resistencia convencido da necesidade de dar paso a un gabinete de esquerda para poder opoñerse á Entente.[57] Os socialistas enviaran unha delegación á prisión para tratar cos dirixentes comunistas, que se mostraron favorables a formar un Goberno social-comunista de coalición.[59][60][53][49] Para acadar este acordo o Goberno liberou á dirección comunista, encarcerada desde febreiro.[61][58] Malia a maior forza dos socialistas, estes aceptaron as esixencias dos comunistas,[62] que incluían o establecemento dun sistema de consellos, a abolición da propiedade privada e a proclamación da ditadura do proletariado.[4]

Cartel da época con membros do novo Consello de Goberno. O groso dos máis de trinta comisarios eran socialistas, pero moitos dos vicecomisarios eran comunistas. A principal figura do Goberno era o comisario de Exteriores, o comunista Béla Kun.

O 21 de marzo de 1919,[63][61] o consello de traballadores, con novas facultades lexislativas, recibiu a noticia da unión do Partido Comunista (liderado por Béla Kun)[53][57] e do Partido Socialdemócrata e proclamou a República Soviética Húngara,[64] practicamente sen disparar nin un só tiro.[65][58] Károlyi, que non fora informado das negociacións entre socialistas e comunistas malia aconsellalas,[61] negouse en principio a dimitir, aínda que cedeu finalmente.[64]

Composición do novo Consello de Goberno[editar | editar a fonte]

Esa mesma noite Kun, liberado, reuniuse na antiga sede dos socialdemócratas para formar o novo gabinete.[64][e] Este contou con dous comisarios comunistas e, para compensar a maioría de comisarios socialistas,[52] vicecomisarios comunistas.[62] Kun quedou encargado da carteira de Exteriores,[66][67] e o outro comisario comunista ocupou o Ministerio de Agricultura. Dos trinta e tres comisarios e vicecomisarios que formaron orixinalmente o novo Consello de Goberno, catorce eran comunistas, pero doce deles eran vicecomisarios, e a maioría dos comisarios eran socialistas.[68][f] O Goberno incluíu o ministro para Rutenia, sinal da súa intención de loitar polo mantemento da unidade territorial de Hungría. Gran parte dos novos dirixentes participaran na Revolución Rusa ou convertéranse en comunistas nos campos de prisioneiros rusos.[8] Aínda que presidido oficialmente por Garbai, dirixente sindical,[67] Kun era a figura principal do Consello de Goberno da nova república.[69][52]

Unión de socialistas e comunistas[editar | editar a fonte]

A unión dos comunistas ao PSD foi criticada ata polo mesmo Lenin.[70] Este criticou tamén a imitación das tácticas rusas sen adaptación á situación húngara.[71] O novo partido, denominado nun primeiro momento Partido Socialista de Hungría,[70] pasou máis tarde a chamarse «Partido Obreiro Social-Comunista de Hungría».[72][52]

A convivencia entre ámbolos dous grupos non foi doada,[73][74] estando os socialistas máis dispostos a realizar concesións ideolóxicas, mentres que a súa fracción máis moderada, entre os que se contaba o futuro primeiro ministro Gyula Peidl, esixiu xa o 2 de maio a abolición da república soviética. Só a esquerda e o centro do partido socialista participaron activamente na coalición.[74] A principal diferenza entre ambos, con todo, non era de obxectivos, senón sobre as tácticas máis axeitadas para logralos.[75] Trala caída da república en agosto agudizáronse as diferenzas entre socialistas e comunistas pola responsabilidade do fracaso.[73][76]

Primeiras medidas[editar | editar a fonte]

Ilustración publicada na revista radical estadounidense The Liberator en maio de 1919.

O primeiro comunicado do novo Goberno, mestura de nacionalismo desesperado e marxismo,[77] fixo que numerosas persoas opostas a este último pasasen a apoiar o novo Goberno socialista.[66] Ante a alternativa de ter que aceptar o ultimato de Vyx, moitos decidiron apoiar o comunismo, tratando de conservar a unidade territorial do país.[66] Parte do apoio popular ao novo réxime proviña da esperanza de que o apoiase o Goberno comunista de Moscova, que avanzaba en Ucraína fronte aos seus inimigos internos e ás forzas da Entente.[9]

A Constitución, os consellos e o sistema de goberno[editar | editar a fonte]

Poucos días despois, o 3 de abril, o Consello de Goberno proclamou unha nova Constitución temporal, na que se recoñecía responsable ante o novo Congreso Nacional de Consellos, cúspide dun novo sistema de consellos elixidos por sufraxio case universal e equivalente a unhas Cortes.[g] A Constitución garantía dereitos civís (reunión, expresión), sociais (educación de balde) e culturais (recoñecemento da cultura e lingua das minorías).[5] Na práctica, o novo Goberno actuou de xeito autoritario, como a «ditadura dunha minoría activa, en nome do proletariado fundamentalmente pasivo».[78] O poder quedou concentrado no Consello de Goberno e algúns consellos que lle eran favorables.[6] As eleccións aos consellos que, á súa vez, elixían o Congreso Nacional, tiveron lugar o 7 de abril cunha lista única, sen presenza da oposición, malia a posibilidade legal de que esta se presentase.[78] Ó pouco tempo incluso estes consellos quedaron apartados de poder local por delegados gobernamentais, que eran os que ostentaban o poder real.[78]

Malia as limitacións nas eleccións de consellos, o Congreso Nacional, que se reuniu por primeira vez o 14 de xuño, presentoulle unhas críticas tan duras ao Consello de Goberno que este acabou disolvéndoo e entregándolle os seus poderes a un comité permanente favorable.[6]

Relacións internacionais[editar | editar a fonte]

Relacións con Moscova[editar | editar a fonte]

A república recibiu certo apoio financeiro[30] e consello de Moscova pero, considerada de interese secundario fronte a Alemaña, non recibiu a presenza de ningún destacado bolxevique ruso,[79] a diferenza desta e malia as peticións de Kun.[80][81] Budapest mantiña comunicación por telégrafo con Rusia,[80][81] pero os consellos dos comunistas rusos, con todo, a miúdo non foron atendidos polos seus correlixionarios húngaros.[68][81]

Negociacións coa Entente[editar | editar a fonte]

O xeneral surafricano Jan Smuts, representante oficioso da Entente ante o novo Goberno soviético, non logrou chegar a un acordo con este.[82][70]

Tras rexeitar unha negociación con Károlyi, a proclamación da república soviética fixo que a Entente se apresurase a enviar un representante para tratar con Kun.[83][54] A solicitude de Kun ao embaixador italiano en Iugoslavia, de paso por Budapest,[84] de tratar os desacordos territoriais de acordo co principio de autodeterminación cun representante da Entente conduciu ao envío de Jan Smuts a comezos de abril, malia a oposición francesa.[85][86] A pesar do envío de Smuts, as potencias seguiron sen recoñecer o Goberno soviético húngaro.[86]

O xeneral surafricano Jan Smuts chegou á capital húngara o 4 de abril[87][86] e invitou os comisarios do pobo ao seu tren,[7] que non abandonou durante a súa estancia na cidade. Durante as conversacións, o presidente da república, Sándor Garbai, Kun e o socialista Kunfi representaron a Hungría,[7] solicitando unha paz sen anexións nin indemnizacións e a autodeterminación das nacionalidades do país.[83] Smuts, pola súa banda, ofreceu o trazado dunha liña de demarcación máis favorable aos húngaros, no canto da imposta na nota Vyx, e a creación dunha ampla franxa neutral que ocuparían tropas da Entente.[88][86] Co novo trazado, varias cidades importantes do leste volverían a mans húngaras. Smuts engadiu que a liña non se consideraría fronteira definitiva, prometendo a fin do bloqueo ao país e a súa invitación á conferencia de paz.[87][86] Kun opúxose á retirada no leste e aduciu a falta de control gobernamental das tropas transilvanas e a impopularidade da medida para opoñerse á zona neutral.[7] Presentou ademais unha contraproposta baseada no trazado do armisticio de Belgrado,[86] que Smuts negouse a estudar.[89] A postura de Kun resultou inaceptable para Smuts,[82][70] que abandonou Budapest camiño de Praga ao día seguinte.[88] Ese mesmo día o vicecomisario de Defensa, Tibor Szamuely, ordenou que se fixese propaganda entre as tropas checoslovacas e romanesas para tratar de que non se opuxesen ao novo exército proletario, con escaso efecto.[11][87]

De regreso de Budapest, Smuts entrevistouse con mandatarios austríacos e checoslovacos e comunicoulles o fracaso das negociacións.[7] Inmediatamente, o ministro de Defensa checoslovaco ordenou atacar Hungría o 7 de abril, aínda que o mariscal Ferdinand Foch deu contraorde ao día seguinte, á vez que ordenaba ás forzas baixo mando francés no sur manter posicións defensivas e deter o seu avance cara ao norte.[7] Pola súa banda, as autoridades húngaras sopesaron a conveniencia de realizar levas ou de continuar o recrutamento voluntario, en ausencia dunha alianza militar formal co Goberno de Moscova.[90]

Enfrontamentos cos países veciños e reorganización militar[editar | editar a fonte]

A sociedade e o Exército Vermello[editar | editar a fonte]

Kun disolveu inmediatamente os consellos de soldados, a pesar do apoio que lle brindaron para chegar ao poder, e comezouse a nomear comisarios políticos e tribunais militares revolucionarios para intentar poñer orde nas desorganizadas forzas armadas, enviando batallóns obreiros e brigadas internacionais á fronte.[11] Cun gran custo o Goberno reformou o Exército, que logrou recuperar parte dos territorios perdidos durante a primavera e principios do verán.[8] Este obxectivo de recuperación territorial obtivo case a aprobación pública xeral, a diferenza das medidas de política interior.[8] A finais de marzo, emporiso, o número de tropas era aínda insuficiente: Budapest apenas contaba con dezaoito mil homes para enfrontarse a corenta mil checoslovacos, outros tantos para facer fronte a trinta e cinco mil romaneses e trece mil homes para enfrontarse no sur con setenta e dous mil franceses e serbios.[91]

Unidade de mariños partidaria da república soviética. O groso das tropas era, porén, de extracción campesiña.

Aínda que a maioría do campesiñado non reaccionou aos chamamentos de apoio do novo Goberno, si que o fixeron os campesiños refuxiados provenientes de territorios ocupados polos países veciños, en especial os oriúndos do Banato e da beira oriental do Tisza, que formaron o groso dos labradores que combateron no Exército vermello.[92] A maioría do exército estaba formado por campesiños, aínda que houbo algunhas unidades de obreiros que, aínda que combateron ben nas primeiras semanas da contenda, mostráronse indisciplinadas posteriormente.[93] Malia as proclamas internacionalistas do Goberno, a maioría dos soldados e oficiais combatían por motivos nacionalistas.[93]

Tamén se uníron ao novo Exército un número significativo de antigos oficiais do Exército austrohúngaro e refuxiados de clase media, non por simpatía pola ideoloxía do réxime, mais pola posibilidade de recuperar os territorios perdidos.[92][8][10] Os seus motivos para participar no exército soviético resumíanse en tres: ideas nacionalistas de defensa da patria, e a miúdo de recuperación dos seus propios fogares; grandes oportunidades de rápida promoción nun novo Exército no que os altos oficiais do antigo foran licenciados durante as dúas repúblicas; e necesidade de subsistencia ante a falta de emprego e de formación para outra actividade.[94] Vían a nova república como fonte de resistencia nacional fronte ao anterior pacifismo da república popular.[92] Loitaron con entusiasmo en maio e xuño, ata a evacuación de Eslovaquia forzada por Clemenceau,[10] momento no que moitos deles desertaron a algunha das organizacións contrarrevolucionarias como o Exército Nacional de Miklós Horthy ou outros destacamentos de oficiais, tratando de afastarse do Goberno de Kun.[92]

Por outra banda, o anticomunismo dos países veciños non era máis que unha escusa para xustificar a expansión territorial.[77]Iugoslavia, satisfeita coa ocupación de Baranya e enfrontada con Romanía polo repartimento do Banato, abstívose de enfrontarse ao Goberno de Budapest.[77]

Desenvolvemento dos combates[editar | editar a fonte]

Derrota transilvana en abril[editar | editar a fonte]

Propaganda cos avances do Exército vermello en Eslovaquia, 1919.

Ata finais de abril fixéronlle fronte unidades máis reducidas do novo Exército vermello ás sete divisións romanesas, que contaban con máis de cincuenta mil homes.[11] En Transilvania as autoridades romanesas recrutaran dúas divisións, a 16.ª e a 19.ª, con soldados locais, principalmente romaneses e saxóns –membros da minoría alemá da rexión– xa en febreiro, e reforzáronas trala proclamación da república soviética en Budapest.[95] En abril creáronse novas unidades: a 20.ª División e a 21.ª División.[95] A mediados de abril o mando romanés contaba con sesenta e catro rexementos de infantería, vinte e oito compañías de cabalería, cento noventa e dúas baterías de artillería, un tren blindado, tres escuadrillas de avións e dúas compañías de enxeñeiros, o que lle outorgaba superioridade numérica fronte ás forzas húngaras, formadas por trinta e cinco batallóns de infantería, vinte baterías, dúas escuadrillas de avións, tres ou catro trens blindados e unha escasa cabalería.[95] As forzas húngaras carecían de reservas e enfrontábanse ademais a unidades serbias no sur.[96]

A falta dunha ofensiva soviética rusa no Dniéster trala toma de Odesa e a formación dunha liña defensiva ao longo do leste polas tropas da Entente evacuadas desta cidade facilitaron o ataque romanés ás liñas húngaras ao quedar cuberta a retagarda.[77] O cambio de bando dalgunhas unidades soviéticas en Ucraína impediu o ataque a Romanía.[10] Incapaz de pactar coa Entente, de levantar o seu bloqueo ou de coordinar as accións militares cos rusos, o Goberno de Budapest atopábase en graves dificultades, acosado á vez polas unidades romanesas e polas checoslovacas, que avanzaban cara ao distrito mineiro de Salgótarján.[85][97]

Tras concentrar as súas forzas na zona norte da liña, os romaneses desencadearon o ataque o 16 de abril.[89][96] O 20 de abril os romaneses alcanzaron Nagyvárad e tres días máis tarde ocupaban Debrecen.[98] O 21 detivéronse para reagruparse, o que deu a equivocada sensación de que non cruzarían a liña trazada pola Entente; ese mesmo día os húngaros reorganizaron o mando da fronte para tratar de frear o embate romanés e compensar a escasa moral e disciplina das súas unidades.[99] Os comisarios políticos das unidades perderon o control das operacións militares e o xefe do Estado Maior da fronte, Aurél Stromfeld, solicitou o envío de novos oficiais e suboficiais.[99] O avance romanés, que continuou sen o permiso de París,[89] desbaratou os plans de contraofensiva do mando maxiar.[98] O 30 do mes as forzas romanesas alcanzaron o río Tisza en case toda a fronte.[97][100] Tras reforzar a fronte con novos rexementos provenientes de Budapest e doutras cidades industriais, os húngaros conseguiron rexeitar ós romaneses en Szolnok e deter o seu avance no río Tisza.[11] Aínda así, no Goberno discutiuse a posibilidade da rendición, consciente de que non contaba con forzas suficientes para deter unha acometida decidida das unidades romanesas.[101] Os rumores de que os romaneses non se detiveran e avanzaban cara á capital estendéronse o 2 de maio, aínda que carecían de fundamento.[102] En espera de reforzos,[102] contrarios a esparexer as súas tropas cando se agudizaba a ameaza rusa en Ucraína, incapaces de lograr tropas das potencias coas que dar un aspecto internacional á marcha sobre Budapest e non desexando axudar a formación dun Goberno forte en Hungría antes do trazado da fronteira común, os romaneses detiveron o seu avance entre o 2 de maio e o 19 de xullo.[103] As unidades romanesas, con todo, sufriran escasas baixas –ao redor de seiscentos mortos e cincocentos feridos– na súa ofensiva de abril que as conduciu ata o río.[100] Algunhas delas foron enviadas de inmediato ao leste.[103] Doutra banda, a esperanza do Consello de Goberno non era a de lograr unha vitoria militar sobre os países veciños, senón que o estoupido da revolución internacional (ben en Alemaña ou en Austria) ou o auxilio dos rusos lle outorgase o socorro necesario.[101]

Vitoria en Eslovaquia e posterior retirada[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: República Soviética Eslovaca.
Discurso de Béla Kun en Kassa o 10 de xuño, días despois de capturar a cidade. A retirada militar de Eslovaquia por exixencia da Entente supuxo un duro revés para a moral das tropas.

Ao mesmo tempo, no norte, detíñase tamén a ofensiva checoslovaca, que o 2 de maio chegara ata Miskolc.[97] O 10 de maio comezou unha contraofensiva húngara que rexeitou o inimigo ata o río Ipoly. O 19 de maio, as unidades húngaras tomaron Pétervására e o 21 Miskolc, vitorias que aumentaron a moral das tropas.[104] O 26 de maio os mandos comezaron a planear a seguinte fase da ofensiva, dirixida á zona de unión entre checoslovacos e romaneses, co dobre obxectivo de tratar de tomar contacto coas unidades soviéticas rusas e de tomar o control dun territorio que servise a continuación para desencadear un ataque contra as forzas romanesas en Transilvania.[104] As operacións comezaron o 29 dese mesmo mes, cun ataque ao longo de todo a fronte.[104] En xuño as unidades checoslovacas tiveron que retirarse máis aínda polo avance das tropas húngaras.[11] O 5 de xuño as forzas húngaras loitaban xa nos arredores de Košice.[105] e o mando húngaro comezou entón os preparativos para atacar no leste, sen abandonar a fronte norte. Malia as vitorias conseguidas, as unidades checoslovacas non foron destruídas, a consecuencia da liña de avance elixida polos húngaros.[105]

O 7 de xuño o primeiro ministro francés, Georges Clemenceau, esixiu a fin da ofensiva no norte contra os checoslovacos,[105][106] e o 10 Kun prometeu deter o avance,[107] un día antes da chegada de tropas francesas a Bratislava.[108][87] O 13 de xuño Clemenceau emitiu un ultimato ao Goberno húngaro,[109] anunciando o trazado da fronteira norte, esixindo a retirada das forzas húngaras ao sur desta e prometendo a cambio o repregamento das unidades romanesas no leste.[110][10][111] O 19 o Goberno aceptou a proposta de Kun de someterse ás esixencias de Parides,[112][10] malia o desexo dos mandos militares de continuar o avance cara ao noroeste.[105] O 24 ordenouse o alto o fogo e o 30 o repregamento.[109] Tras ocupar 2836 km2 de territorio inimigo, o Consello de Goberno ordenou a retirada das forzas ás liñas que sostiñan en maio.[110] A retirada de Eslovaquia desmoralizou as tropas e a numerosos oficiais,[110] que se uniron ás forzas comunistas por razóns nacionalistas.[10][113] A campaña custáralle unhas catro mil cincocentas baixas ás forzas húngaras segundo cálculos franceses.[109] Por outra banda, o avance húngaro perdera forza para entón e foille complicado manter a ofensiva.[114] A retirada produciu a dimisión de varios altos oficiais que rexeitaban o abandono de territorios con poboación maxiar, entre eles a do coronel Stromfeld.[109]

Volta aos combates no leste e derrota final[editar | editar a fonte]

As autoridades romanesas, tras dúas semanas de silencio, responderon á promesa do primeiro ministro francés esixindo a desmobilización do Exército vermello húngaro antes de retirarse dos territorios tomados en abril.[111] O 10 de xullo comezou unha nova campaña contra as forzas romanesas no leste,[115] superiores en número, disciplina e armamento ás unidades húngaras.[116][117] O 11 de xullo o Goberno húngaro esixiu que se cumprise a promesa de retirada romanesa, que Parides rexeitou o 14 de xullo considerando un incumprimento do armisticio por parte de Budapest.[118] Ao negarse Clemenceau a ordenar a retirada romanesa que esperaban as autoridades de Budapest, estas decidiron logralo pola forza.[109] O 12 declarouse o servizo militar obrigatorio e as forzas retiradas do norte empezaron a despregarse, xa en plena desintegración interna.[119]

Cartel de recrutamento da república soviética. Os intentos de reforzar as unidades militares a finais de xullo para deter o avance romanés resultaron vanos.

As operacións comezaron o 20 de xullo,[117][118] a véspera dunha manifestación sindical europea a favor do Goberno de Budapest que resultou en fracaso.[120] O Goberno contrarrevolucionario de Szeged comunicara o plan de ataque húngaro aos mandos romaneses. Malia as desvantaxes, os húngaros cruzaron o Tisza e seguiron avanzando ata o 23 de xullo,[121] contraatacando ós romaneses ao día seguinte.[117] As forzas húngaras comezaron a retirarse o 26 e ao día seguinte regresaran ás posicións que ocupaban antes do comezo da ofensiva.[121] O 30 de xullo as unidades romanesas estableceron as súas primeiras posicións máis aló do Tisza e avanzaban de xeito imparable cara á capital húngara.[116][122][117] O Goberno soviético ruso non puido deter esta vez ós romaneses, como fixera previamente en maio mediante un ultimato.[97] Os húngaros, que desbandaran algunhas unidades sen valor militar algún e enfrontábanse á desobediencia doutras, carecían de reservas.[119] As forzas do Goberno de Budapest retirábanse en desorde.[122] Ao día seguinte a situación militar tornouse desesperada co ataque romanés ao longo de toda a fronte. Os mandatarios húngaros sopesaron a posibilidade de abandonar o Goberno e de que formar outro menos radical e máis do gusto da Entente, esperando que isto obrigase ós romaneses a deter a ofensiva. Finalmente rexeitouse esta posibilidade, pero a desintegración das unidades impediu contraatacar e restablecer a liña do Tisza como se decidiu no consello de ministros.[123] Esa mesma noite a 6.ª División romanesa estaba a menos de dous quilómetros de Szolnok, punto estratéxico ao longo do Tisza,[116] mentres que outras unidades tomaban Tokaj e Tarcal no norte.[124] O Goberno ordenou unha contraofensiva malia a baixa moral das tropas, opostas a tal medida, e fixo un último chamamento ao proletariado internacional para tratar, en balde, de deter o avance romanés.[125] O 1 de agosto a maioría das unidades húngaras abandonaron a liña do río, aínda que algunhas delas reuníronse para levar a cabo unha última acometida en Szolnok retomando parte da cidade, sen que isto detivese o avance romanés no resto da fronte.[126] Ese mesmo día as unidades romanesas avanzaron trinta quilómetros, sen atopar apenas resistencia.[127]

Malia a resistencia iugoslava a participar nas operacións contra Budapest, a presión da Entente forzou finalmente a Belgrado a aceptar unirse á coalición.[12] A reactivación da fronte romanesa, a rápida derrota húngara, a efectiva folga obreira en Iugoslavia do 21 de xullo en contra da intervención e a concesión de parte do Banato a Romanía pola Entente fixeron, con todo, que Iugoslavia non participase na derrota do Goberno soviético.[12]

Medidas económicas e sociais e crise interna[editar | editar a fonte]

Empeñado na transformación inmediata da sociedade ao socialismo malia a guerra cos países veciños, o Goberno comezou a aprobar profundas reformas e medidas contra os que consideraba inimigos de clase, seguindo a miúdo cegamente o modelo ruso, polo que perdeu rapidamente o apoio inicial que tiña. Estas medidas progresistas e a súa aplicación autoritaria alienaron ás clases privilexiadas e non conseguiron as simpatías do proletariado urbano ou dos campesiños pobres.[8] O intento do novo Goberno de cambiar profundamente o modo de vida e o sistema de valores da poboación resultou un rotundo fracaso.[15] O empeño por converter a Hungría feudal nunha utopía marxista resultou infrutuoso por unha mestura de falta de tempo, de persoal experimentado na administración, de organización, e de inxenuidade política e económica gobernamental nalgunhas das súas medidas.[15] O obxectivo gobernamental era dobre: por unha banda resolver os problemas sociais desde un enfoque marxista, e por outro eliminar á vez toda posible oposición e asegurar a supervivencia da ditadura do proletariado.[15]

A diferenza da política exterior da república, dominada por Kun, foi a maioría socialista do Consello de Goberno a que decidiu gran parte das medidas de política interior.[72][128] Porén, co tempo a corrupción cada vez máis estendida desbaratou gran parte das medidas oficiais e dos intentos de reforma.[129] O propio Goberno tivo que admitir a baixada da moral pública e privada, a falta de escrúpulos en conseguir unha vida mellor e o cada vez maior nepotismo, favoritismo, abuso de autoridade e os casos de roubo.[129]

Fomento da cultura e control da prensa[editar | editar a fonte]

Realizouse un intenso esforzo por mellorar o nivel cultural da poboación. Nacionalizáronse os teatros e a maioría das súas entradas quedaron controladas pola Comisaría de Educación, encargada de entregalas aos obreiros a prezos reducidos.[130] O mesmo sucedeu cos cines e museos, que foron socializados.[130] A estatalización de artistas, escritores e dos negocios artísticos, con todo, deu pé a críticas de malgasto e mala xestión.[130] A mediados de xuño o ambicioso plan cultural gobernamental viuse envolto nunha crise, criticado no campo e en risco pola crise financeira do país.[131]

O Goberno restrinxiu severamente a liberdade de prensa e clausurou por motivos políticos gran número de publicacións, que quedaron tamén limitadas a finais da primavera pola escaseza de papel,[132] e os conflitos co sindicato de xornalistas deu lugar a súa disolución por orde do Goberno.[133]

Medidas para a mocidade[editar | editar a fonte]

As súas medidas cara á mocidade, por outra banda, apenas recibiron críticas e baseáronse en modernas publicacións pedagóxicas.[130] Eliminouse o estigma dos fillos bastardos, aprobáronse revisións médicas gratuítas para os nenos, fomentouse a hixiene e instaurouse un programa de baños para os escolares nos baños públicos e balnearios nacionalizados, que se estendeu aos baños privados.[131] Creouse un programa de estancias no campo para nenos de familias humildes da cidade e encargouse aos consellos a supervisión da súa saúde.[134] Instaurouse un programa de titores especializados para nenos discapacitados para as escolas e institucións modernas para o tratamento daqueles con problemas mentais.[134] Tamén se planeou un amplo plan de rexeneración de menores asociais, que finalmente non se levou á práctica por falta de tempo.[134]

Educación e relixión[editar | editar a fonte]

As institucións educativas quedaron nacionalizadas o 29 de marzo e centralizáronse co obxectivo de mellorar a súa utilización mediante a planificación.[135] Púxose en marcha un programa de modernización e reestruturación do currículo escolar e de mellora do uso das instalacións dispoñibles.[136][135] Dedicáronse partidas notables á impresión de novos manuais, en parte propagandísticos, e á mellora das condicións do profesorado.[136] Este comezou ademais un programa de adoutrinamento marxista que non chegou a rematarse por mor da caída da república soviética.[137] Malia a preocupación gobernamental polo profesorado, este mostrouse xeralmente hostil ou pasivo cara ao novo réxime.[137] A Comisaría de Educación tivo que abolir os consellos de estudantes, que provocaran notables confrontamentos co profesorado nas súas actividades revolucionarias, e a nova formación sexual, introducida de forma apresudrada.[138]

A relixión resultou outro importante problema para o Goberno.[138] A nacionalización das escolas privadas e relixiosas (o 70 % das do país) e a supresión de símbolos e actividades relixiosas nas escolas acentuou o rexeitamento dos profesores destas cara ao Consello de Goberno.[138] Malia a defensa gobernamental do dereito privado á liberdade de culto e da propiedade da Igrexa, a controversia, cunha imaxe baseada nos casos de excesos, foi negativa para o Goberno.[132]

Reformas sociais e sanitarias[editar | editar a fonte]

Cartel de propaganda, característico do grande esforzo gobernamental por dar a coñecer as súas medidas.[139]

O programa social do Goberno caracterizouse polo mesmo que o seu programa cultural: unha grande ambición nos seus obxectivos, intentos de cambiar problemas enraizados, a escaseza de persoal e medios para levalo a cabo, o notable custo e falta de realismo nunha situación de grave crise de posguerra.[133]

Abolíronse os títulos nobiliarios,[140] proclamouse a obrigación de traballar e instituíuse un sistema de asistencia social para os desempregados, que levou o Estado á quebra.[140] O Goberno tratou, con entusiasmo pero escaso éxito e gran custo, de loitar contra o grave problema do desemprego.[140] O Goberno aprobou medidas humanitarias e de mellora social,[15] propagadas tanto na prensa –obrigada a iso– como nunha campaña de publicidade en forma de carteis na que participaron destacados artistas da época.[139] Prohibiuse temporalmente a venda e consumo de alcohol, considerado prexudicial, pero a presión do campo obrigou a suavizar esta medida o 23 de xullo.[130] Tratouse de eliminar así mesmo a prostitución,[140] facilitouse o divorcio e proclamouse a igualdade legal das mulleres.[140] A propaganda contrarrevolucionaria utilizou con grande éxito no campo a acusación, falsa, de que o Goberno pretendía «socializar as mulleres».[140]

Levouse a cabo un ambicioso programa de mellora da sanidade que recibiu unha notable cooperación por parte dos médicos, cortexados polo Consello de Goberno.[140] Os hospitais, todos eles nacionalizados xunto coas industrias farmacéuticas, permaneceron baixo control médico malia os intentos de transferir a súa xestión á representes políticos, rexeitados polo Goberno.[141] Aboliuse o trato distinto por clases sociais nos hospitais e as salas privadas pasaron a aloxar os enfermos máis graves.[141] Prohibiuse a diferenza de enterramento e o seu custo uniformouse para todos os cidadáns.[141]

A medida máis rexeitada nas cidades e que causou maior corrupción foi a da socialización da vivenda.[141] Ante o grave problema de vivenda –apenas se construíu ningunha durante a guerra– o Goberno tratou de utilizar as dispoñibles para aloxar a poboación.[141] Creouse un imposto para os propietarios non traballadores, cuxas casas e mobiliario quedaron nacionalizados –non así os dos traballadores.[141] Cunha normativa confusa, a comisión para a vivenda resultou un fracaso que se reformou a comezos de abril.[142] Malia os duros métodos de Tibor Szamuely para tratar de reformar a comisión, incluíndo as ameazas de morte ou a deportación de duascentas mil persoas da capital, acabar cos abusos e a corrupción e levar a cabo a reforma, fracasou nos seus intentos.[142] En xullo o sistema resultaba xa demasiado caro e non serviu para acabar co problema de vivenda na capital.[143]

Política laboral e impositiva[editar | editar a fonte]

A actitude gobernamental cara aos salarios dos traballadores, que tiñan o seu posto garantido polo Estado, pasou de intentar aplicar antigas aspiracións sindicais a ter que axustarse á realidade dunha produción diminuínte e unha poboación activa sen incentivos para traballar.[143] O Goberno aboliu o traballo arreo, instaurou unha xornada laboral de corenta e oito horas semanais, aumentou os salarios, implantou seguros sociais obrigatorios e comprometeuse a garantir un posto de traballo para cada traballador.[143] As reformas sociais, como a aprobación da xornada laboral de oito horas, a gratuidade dos servizos médicos, a baixada dos alugueiros ou a subida dos salarios non tranquilizaron á poboación.[144][145] Estas medidas, ansiadas polos traballadores, tiveron efectos contraproducentes na produción que decaeu. Cun traballo asegurado, un soldo independente da produción, membro xa da clase dirixente segundo a propaganda gobernamental, o traballador húngaro deixou de producir ao máximo.[143] En pouco tempo a inflación anulou os aumentos salariais e a grande inflación conduciu á escaseza de artigos, mentres que o Goberno reaccionou tratando de restaurar vellas prácticas mal vistas polos traballadores para intentar reactivar a produción, provocando o seu malestar.[146] As táboas salariais establecidas para os traballadores do campo colocábanos en desvantaxe fronte aos urbanos; a inflación e a escaseza de produtos manufacturados facían que, aínda que os campesiños gozaban de ingresos superiores a calquera outro momento da historia, estes non lles servisen para adquirir máis produtos que antes, senón menos.[147]

Malia a mellora das condicións dos seguros sociais dos traballadores, a aplicación das medidas gobernamentais resultou desordenada e, en ocasións, contraditoria durante todo o período da república soviética, con continuos cambios.[148] O Goberno regulou así mesmo os prezos, substituíndo os posibles ingresos por impostos directos por un imposto indirecto nos prezos dos artigos.[148] Os seus intentos por organizar os prezos –excesivamente baixos–[149] resultaron, emporiso, un fracaso debido á inflación, á reducida produción, ao mercado negro e ao bloqueo da Entente, que limitaba a cantidade de materias primas dispoñibles.[148]

Nacionalizacións e política económica[editar | editar a fonte]

O Goberno soviético nacionalizou os bancos,[145] as industrias, minas e empresas de transporte con máis de vinte traballadores,[149] que quedaron administradas por comisarios elixidos polo Estado e os consellos,[149] xunto coas empresas estranxeiras, os edificios de apartamentos,[150] os grandes almacéns ou as granxas maiores de 57 hectáreas, o que provocou un caos económico.[144] As tendas de máis de dez traballadores nacionalizáronse dous días máis tarde, o 22 de marzo.[149] Tamén foron nacionalizados os hoteis e balnearios, así como as compañías de seguros.[149] Os apartamentos quedaron socializados o 26 de marzo, o mesmo día que se expropiaban os bancos.[149] Requisáronse os depósitos de ouro, xoias a partir de certo valor e divisas, e limitouse a cantidade de diñeiro que se podía retirar diariamente das contas bancarias.[149] En pouco tempo a maioría das empresas privadas quedaron en mans do Estado.[149] Os comisarios encargados da dirección das fábricas nacionalizadas, inexpertos, non conseguiron evitar que a produción minguase rapidamente, ao igual que nas minas.[151] A finais de abril, o servizo ferroviario viuse reducido aínda máis por mor da escaseza de carbón,[151] e o goberno viuse na obriga de racionar varios alimentos básicos.[144]

Malia que as amplas medidas de nacionalización outorgaron grandes ingresos ao novo Goberno, este fracasou na súa administración.[152] Creouse unha vasta burocracia para xestionar os recursos nacionalizados que, por falta de tempo, non logrou aplicalos para mellorar a produción nacional.[152] A produción industrial nas desabastecidas cidades descendeu entre un 25 % e un 75 %.[113] A corrupción dun réxime en disolución, os problemas monetarios e o fracaso da política agraria contribuíron tamén ao fracaso da xestión económica soviética,[152] e o bloqueo da Entente xunto a mala xestión comunista acabaron de afundir a economía.[113]

Política agraria[editar | editar a fonte]

O Consello de Goberno enfrontouse en balde ao dilema da cuestión agraria: o parcelamento das grandes leiras conseguiríalle o apoio da maioría do campesiñado, pero levaríao ao mesmo tempo a unha caída da produción agrícola necesaria para abastecer ás cidades, onde se tiña a súa base de apoio.[153][154] Finalmente decidiuse non distribuír as facendas,[122] senón convertelas en cooperativas nacionalizadas para os campesiños sen terra.[155][153] Esta decisión debeuse tanto a motivos ideolóxicos –o temor a crear un campesiñado propietario hostil ao comunismo–[16] coma ao desexo e necesidade de manter a produción agrícola.[156] Esta reforma burocratizada, ineficaz e que non tivo apoio dos campesiños, fracasou finalmente e restou moito apoio ao novo réxime entre a poboación rural.[155][122]

O mantemento dos terreos de pequeno tamaño en mans privadas mentres as grandes leiras convertíanse en cooperativas non satisfixo ós distintos sectores do campesiñado: os máis ricos desexaban comprar máis terras co diñeiro acumulado durante a guerra, posibilidade frustrada pola decisión gobernamental –isto conduciu á súa aversión cara ao réxime e a que tendesen a gardar os seus aforros e produtos en espera da súa caída–; os campesiños sen terra atopáronse convertidos en empregados estatais con ingresos que non lograban afrontar a inflación e a escaseza de bens, dispostos a aceptar soamente a antiga divisa imperial, cada vez máis escasa.[156] Os intentos estatais de aliviar a situación mediante o troco de produtos manufacturados por outros agrícolas favoreceron ós campesiños máis acomodados –aqueles con excedentes que cambiar– o que levou á desilusión e antipatía dos campesiños pobres cara ao Goberno.[156]

A supresión do imposto sobre as parcelas de pequeno tamaño, promulgada para atraer ó pequeno campesiñado e favorecer a súa cooperación no abastecemento urbano, resultou contraproducente. Este tomouse a medida como un paso previo á nacionalización destas propiedades e coma un sinal de debilidade gobernamental.[16] A medida provocou tamén o debilitamento dos consellos no campo, privados de fondos e obrigados a acudir a Budapest para financiar as súas actividades.[157] Outra medida mal vista no agro foi o mantemento dos antigos capataces e terratenentes como asesores técnicos –os únicos dispoñibles– das novas cooperativas.[157] Para os campesiños, o novo réxime obrigáballes a traballar para os seus antigos amos e non houbo intentos de trasladar a estes a rexións onde non se lles identificase coas antigas prácticas.[157] O persoal enviado pola Comisaría de Agricultura ás zonas rurais tamén resultou moi pouco eficiente, pouco familiarizado coa cultura campesiña e a miúdo corrupto e ignorante en cuestións agrarias.[157] O ataque contra igrexas e párrocos nalgunhas localidades ou a implantación dunha nova moeda –o «papel branco», por imprimirse só por unha cara do billete– aumentaron o descontento no agro, que chegou a rebelarse nalgunhas zonas.[150]

Unha última medida, o uso da forza e en ocasións do terror para suprimir actividades contrarrevolucionarias no campo, acabou por eliminar calquera simpatía polo réxime soviético no agro húngaro e aumentaron o descontento dos campesiños.[122][157] Ante a falta de abastecemento de alimentos nas cidades,[113] o Goberno ordenou requisas masivas de colleitas nas zonas rurais,[122][150] usando para iso bandas de militantes comunistas moi novos organizados nos centros urbanos, os chamados «Mozos de Lenin». As bandas de Szamuely, en ocasións incontroladas a pesar do celo deste, causaron pavor e hostilidade coas súas exaccións en rexións onde se detectou oposición.[158] Os intentos do Goberno e do Exército por eliminar os desmandos destas bandas terroristas foron infrutuosos.[158]

En conxunto, o non repartir as facendas entre o campesiñado, as requisicións e a restauración das levas converteron o campesiñado en hostil á nova república,[122] que tivo que enfrontarse a revoltas continuas na campiña.[155] Aos erros gobernamentais uniuse a situación de analfabetismo, brutalidade e ignorancia predominante no campo tras séculos de goberno aristocrático e da influencia da Igrexa católica, que fomentou a hostilidade cara ao novo réxime.[158] A distancia entre un réxime fundamentalmente cosmopolita e urbano e un campesiñado tradicionalmente hostil á cidade tampouco favoreceu a república soviética.[158]

A poboación ante a república soviética[editar | editar a fonte]

O campesiñado[editar | editar a fonte]

A comezos do século XX, Hungría era unha rexión fundamentalmente agrícola e subdesenvolvida, na que o 60% da poboación era campesiña.[159] Ao redor do 15% da poboación tiña terras aínda que non vivise delas e outro 20% eran traballadores urbanos, preto da metade mineiros e obreiros fabrís, mentres que a outra metade traballaba no sector dos servizos, incluíndo o servizo doméstico e os xornaleiros.[159]

A relación do campesiñado coa república dependeu da cuestión da terra.[160] Un decreto do 3 de abril nacionalizou as grandes e medianas propiedades (parcelas de setenta e cinco acres ou máis). Estas terras convertéronse en cooperativas ou granxas estatais e non se repartiron entre os campesiños.[160] A reacción a esta medida foi diversa: os escasos propietarios de leiras afectadas pola expropiación, entre un 2 e un 3 % da poboación rural, opuxéronse á república; o terzo de pequenos e medianos propietarios, aínda que non resultou afectado pola reforma, temeu posibles medidas posteriores e viu con malos ollos o anticlericalismo oficial que conduciu á secularización das escolas, a disolución das ordes relixiosas ou a supresión da educación relixiosa nos colexios, pero uniuse ás organizacións revolucionarias locais para moderar as súas medidas; os dous terzos de campesiños pobres ou xornaleiros, preto dun terzo da poboación do país, estaban divididos entre propietarios de exiguas facendas –dous quintos–, traballadores das facendas dos terratenentes –un quinto– e xornaleiros –os dous quintos restantes.[161] Deste último grupo os poucos organizados e próximos aos socialistas apoiaron a república e participaron activamente nas institucións revolucionarias no campo e no exército.[161] Neste tamén se contaron numerosos campesiños das zonas transilvanas ocupadas por Romanía.[161] Para moitos outros, con todo, a decisión de non repartir as terras expropiadas provocou a desilusión co réxime soviético.[161]

Esta desilusión e hostilidade medrou co tempo, e a falta de produtos industriais trouxo a crise do comercio de produtos agrícolas durante o verán.[162] A necesidade de abastecemento das cidades e das tropas obrigou ó Goberno a aplicar requisicións de alimentos, que chocaron coa resistencia campesiña.[162] Entre os campesiños máis acomodados creceu o apoio á contrarrevolución, en parte pola súa expulsión dos órganos de Goberno local en maio.[162]

Os traballadores urbanos[editar | editar a fonte]

Budapest durante as celebracións do Primeiro de maio, no que tiveron lugar grandes manifestacións.

Os traballadores das cidades supuxeron o principal sostén da república.[163] A súa concentración nas cidades e a súa relativa organización conferíanlles unha forza maior da simplemente numérica.[163] O número de traballadores sindicados creceu sen parar desde finais de 1918, e mentres que os socialistas atraían principalmente os obreiros cualificados, os comunistas facíano cos non cualificados e máis marxinais.[163] A unión dos partidos reforzou o movemento obreiro e aparcou temporalmente as disputas entre as dúas formacións.[163]

A pequena burguesía[editar | editar a fonte]

Aínda que legalmente só as empresas de máis de vinte traballadores foran nacionalizadas, en numerosas ocasións non se respectou este límite e nacionalizaronse tamén pequenas empresas con poucos traballadores.[163] Isto, unido á nacionalización de bancos, fábricas, hoteis, farmacias ou cines e ó control estatal das tendas, aumentou a hostilidade dos pequenos e medianos propietarios cara á república.[163] A estas medidas uníronse outras como a confiscación de xoias ou o aloxamento de familias obreiras en casas de clase media, o que reforzou a animosidade desta última cara ao novo réxime.[164]

Pola contra, no campo, en rexións onde se respectaron as leis de nacionalización, algúns pequenos propietarios, artesáns e comerciantes mostráronse favorables á república.[164] A intelectualidade progresista, artistas ou científicos, os profesores rurais e os funcionarios de sindicatos e seguros sanitarios mostráronse polo xeral favorables tamén.[164]

Pola contra, os funcionarios veteranos, policías e xendarmes, así como os sacerdotes das diversas relixións, apoiaron a contrarrevolución desde o comezo.[164] Os oficiais foron un grupo especialmente destacado na oposición ao réxime comunista e á vez nas súas forzas armadas. Decididos a defender as antigas fronteiras húngaras, moitos serviron nas unidades republicanas malia a súa oposición ideolóxica ao Goberno.[164]

Terratenentes e capitalistas[editar | editar a fonte]

A antiga elite dirixente, formada por terratenentes e capitalistas industriais e comerciais, opúxose desde un primeiro momento á república soviética.[159] Os seus principais representantes abandonaron o país nos primeiros días da república e a mediados de abril fundaron o Comité Antibolxevique en Viena, tamén coñecido como Comité Nacional Húngaro.[159] A organización agrupaba a representantes dos partidos políticos tradicionais, incluíndo o do dimitido Mihály Károlyi, e máis do 80% dos seus dirixentes eran aristócratas.[159] Doutra banda, primeiro en Arade e máis tarde en Szeged, o tamén aristócrata e gran terratenente Gyula Károlyi formou a comezos de maio un Goberno rival do de Budapest.[159] Ámbolos dous centros contrarrevolucionarios trataron de gañarse o favor da Entente.[159]

Oposición e represión[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Contrarrevolución húngara (1918-1920).
József Cserny e algúns dos seus «mozos de Lenin», unha banda de case douscentos homes armados, sen control do Goberno, que estenderon o terror polo país, causando o desprestixio da república soviética entre parte da poboación.[158]

Ao considerar a toda a poboación –menos á minoría radical– inimiga de clase, o Goberno puxo en marcha unha serie de medidas para sometela: a toma de reféns; a formación da «Oficina de Investigación Política» encabezada por Ottó Korvin, que levou a cabo numerosos arrestos, descubriu algunhas tramas contra o Goberno e executou a algúns conspiradores; a vixilancia en lugares públicos; ou a tolerancia de bandas armadas descontroladas como a do mariño József Cerny, formada por criminais, oportunistas e partidarios do Goberno, dedicada á extorsión e ao asasinato.[145] O Goberno formou unidades terroristas, que percorreron o país en trens blindados para opoñerse aos elementos opositores, cada vez máis activos.[144] As medidas de coerción, con todo, non serviron para fortalecer o Goberno senón que, pola contra, priváronlle do apoio da clase media e de parte do proletariado.[145] Tres días despois da proclamación da república proclamouse a lei marcial e a pena de morte para os opositores aos consellos.[165] Estableceuse un sistema de tribunais revolucionarios de competencias vagas, presuntamente formado para xulgar a oposición á república.[165] Unha lei posterior de mediados de maio permitía os xuízos sumarios nas zonas de combate, na práctica todo o país, o que permitiu a acción das bandas de Szamuely no campo.[166]

Os elementos máis hostís á república soviética abandonaron o territorio controlado por ela, trasladándose a Austria ou á zona baixo control militar francés ao sur do país, mudaron ás súas facendas (no caso da nobreza) ou pasaron á clandestinidade. Foron incapaces, porén, de solicitar un apoio o suficientemente forte para enfrontarse ao Goberno de Kun.[167] En Viena formouse o Comité Antibolxevique, que solicitou repetidamente, pero en balde, a invasión de Hungría por parte das tropas da Entente.[97] O 5 de maio formouse no sur un Goberno contrarrevolucionario en Arade, que pronto se trasladou a Szeged –baixo protección francesa–[13] por esixencia das autoridades romanesas, que vían con malos ollos o seu irredentismo.[97]

As revoltas sucedéronse en abril e comezos de maio, coincidindo con varias vitorias romanesas na fronte e unha folga de ferroviarios, que solicitaban que se lles librase do servizo militar e que se formase un Goberno exclusivamente socialista, desbaratando as comunicacións e illando a capital.[150] Desde mediados de maio a mediados de xuño o número de revoltas contrarrevolucionarias duplicouse respecto aos meses anteriores e o seu tamaño creceu notablemente.[162] O Goberno, con todo, logrou sobrevivir e deter a ofensiva romanesa o 27 de abril pasando ao ataque, malia os alzamentos campesiños nuns setenta pobos nos que os labradores trataron de facerse co poder e acabar coas requisicións.[150]

Tropas fieis ao Goberno enfrontándose aos rebeldes durante o intento de golpe de Estado do 24 de xuño de 1919 , esmagado en poucas horas.

O 21 de abril creouse o «Tribunal de Xustiza Sumaria», presidido por Szamuely que, xunto con destacamentos armados, percorreu o territorio sufocando as revoltas, en moitas ocasións sen atopar resistencia dos campesiños alzados agás alí onde os oficiais tomaran o mando das rebelións.[168] Das cincocentas ou seiscentas persoas asasinadas ou executadas durante o período soviético en Hungría,[h] o 73% foron campesiños, o 9,9% oficiais, o 8,2% burgueses e o 7,8% terratenentes, sen contarse aristócratas entre as vítimas.[168]

O 5 de xuño catro mil campesiños marcharon sobre Sopron, pero foron rexeitados con notables baixas pola guarnición da cidade.[120] O 24 de xuño producíronse levantamentos contra o Goberno tanto na capital, por parte de cadetes dunha academia militar,[170] coma nas provincias, que foron rapidamente sufocados.[151][168][120] Estes apenas contaron con apoio obreiro ou do campesiñado máis pobre.[17] O do 24 de xuño foi o único intento serio de derrocar o Goberno de Kun desde o interior. Mal planeada, mal coordinada e cunha falta de apoios, a tentativa fracasou. Orixinalmente o golpe debía contar co apoio dos socialdemócratas e da guarnición da capital que controlaban, e que os contrarrevolucionarios desexaban utilizar contra o Goberno para máis tarde levar a cabo unha contrarrevolución completa. No último momento, faltou o concurso socialista e a maioría dos conxurados negouse a alzarse sen este. As exiguas unidades que finalmente se puxeron en marcha non puideron cumprir os seus obxectivos e foron avasaladas en poucas horas. Como consecuencia do levantamento varios socialistas abandonaron o Goberno, que se reduciu de trinta e seis comisarios a once.[120]

Mentres tanto os representantes Aliados en Viena, sen o apoio dos seus respectivos Gobernos, trataron de derrocar a Kun e substituílo por un novo gabinete socialista con Gyula Peidl á fronte.[171]

Derrota e fin da república soviética[editar | editar a fonte]

Uníndose á derrota militar no leste, había tempo que o Goberno perdera o apoio dos sindicatos.[172] O 31 de xullo, unha reunión da Xunta de Sindicatos con corenta e seis dirixentes sindicais presentes votou de xeito abafador en contra de manter o sistema soviético –só houbo tres votos favorables.[173] O resultado comunicouse de inmediato a Kun,[173] que o día anterior negárase a dimitir e afirmara que o Exército podería soster a fronte.[174] O Consello de Goberno convocou entón unha reunión extraordinaria do Consello de Obreiros e Soldados de Budapest para o día seguinte.[173]

Tropas romanesas entrando en Budapest a comezos de agosto, poucos días despois da abolición da república soviética.[127][175]

O 1 de agosto o gabinete cedeu o poder a un novo Goberno formado por dirixentes sindicais moderados durante a sesión do consello central de traballadores.[124][126][113][118][13]Gyula Peidl, o novo primeiro ministro,[118] negouse a aparecer ante o consello, sinal do seu rexeitamento ao sistema soviético no que non participara activamente.[173] Inmediatamente despois da dimisión, algúns dos dirixentes comunistas máis destacados pasaron á clandestinidade.[176] Esa mesma noite, Kun recibiu confirmación de que o Goberno austríaco estaba disposto a concederlle asilo a el e a algúns dos seus seguidores. Xunto con algúns dos antigos comisarios abandonou Budapest en dous trens,[122][127][13] chegando a Viena a primeiras horas do 2 de agosto[113] tras ser acosados por multitudes anticomunistas camiño da estación na capital húngara.[177]

O novo Goberno de Gyula Peidl,[113] controlado por socialdemócratas, herdou catro comisarios do anterior gabinete de Kun, que volveron transformarse oficialmente en socialistas.[177][127][178] O 2 de agosto, na primeira reunión do gabinete, aboliuse oficialmente a república soviética e restaurouse a república popular, entre outras medidas que comezaron a desmantelar a herdanza soviética.[179][178] A noite do día 2 as forzas romanesas atopábanse xa a só 20 km da capital e a tarde seguinte[13] as primeiras unidades entraron en Budapest.[127] Privado do control efectivo das poucas unidades que quedaban en pé, o novo Goberno non puido impedir a entrada do groso das tropas romanesas na capital o día 4, sen que tivesen lugar combates.[127][175] Romanía tratou de solicitar en balde o beneplácito de Iugoslavia e Checoslovaquia para formar un Goberno satélite en Budapest trala derrota dos comunistas.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Völgyes indica dúas datas posibles: o 22 ou o 24 de novembro.[25] Zsuppán indica que se creou ao redor do 20,[26] e Janos confirma a data do 20 como a da reunión entre comunistas, socialistas radicais e outros na que volveu a fundar o partido.[27]
  2. En marzo, os arsenais secretos do partido contaban con 35 000 rifles.[34]
  3. Sete policías mortos e ao redor de oitenta feridos. Os dirixentes comunistas coñecían a intención gobernamental de arrestalos tralo choque pero decidiron non pasar á clandestinidade. Setenta e seis deles foron detidos entre o 20 e o 26 de febreiro e o 3 de marzo.[45]
  4. A franxa neutral debía ademais asegurar a retagarda romanesa e outorgar o control da principal liña férrea da rexión á Entente, importante para a campaña planeada.[53]
  5. Garbai, principal portavoz dos socialistas, explicou a necesidade de achegarse á Rusia comunista: "De Occidente non podemos esperar máis que unha paz imposta, que nos obriga a abandonar as eleccións libres. Non alternativa a aceptar unha nova forma de ditadura. A Entente levounos a adoptar un novo rumbo que nos asegurará en Oriente o que Occidente nos negou..."[61]
  6. Outros mencionan unha cifra algo maior, trinta e seis comisarios, dos que vinte e cinco eran xudeus.[67]
  7. A Constitución privaba do dereito ao voto –recoñecido a homes e mulleres traballadores maiores de dezaoito anos– a sacerdotes, opositores políticos, antigos explotadores e criminais.[5]
  8. Janos e Slottman indican estimacións de 370 a 587 vítimas.[169]
Referencias
  1. 1,01,1 Völgyes 1970, p. 58.
  2. 2,02,12,22,32,42,52,62,7 Juhász 1979, p. 18.
  3. 3,03,1 Király & Pastor 1988, p. 92.
  4. 4,04,14,2 Balogh 1976, p. 15.
  5. 5,05,15,2 Janos 1981, p. 193.
  6. 6,06,16,2 Janos 1981, p. 195.
  7. 7,07,17,27,37,47,5 Király & Pastor 1988, p. 34.
  8. 8,08,18,28,38,48,5 Bodo 2010, p. 703.
  9. 9,09,19,2 Király & Pastor 1988, p. 4.
  10. 10,010,110,210,310,410,510,610,7 Király & Pastor 1988, p. 6.
  11. 11,011,111,211,311,411,5 Szilassy 1971, p. 37.
  12. 12,012,112,212,3 Király & Pastor 1988, p. 226.
  13. 13,013,113,213,313,413,5 Janos 1981, p. 201.
  14. 14,014,1 Balogh 1975, p. 298.
  15. 15,015,115,215,315,415,5 Völgyes 1971, p. 61.
  16. 16,016,116,2 Völgyes 1971, p. 84.
  17. 17,017,117,217,3 Király & Pastor 1988, p. 166.
  18. 18,018,1 Völgyes 1971, p. 88.
  19. Pastor 1976, p. 37.
  20. Zsuppán 1965, p. 314.
  21. 21,021,121,2 Szilassy 1969, p. 96.
  22. 22,022,122,222,322,422,5 Janos 1981, p. 191.
  23. 23,023,1 Szilassy 1969, p. 97.
  24. 24,024,124,2 Zsuppán 1965, p. 315.
  25. Völgyes 1971, p. 161.
  26. 26,026,126,2 Zsuppán 1965, p. 317.
  27. Janos 1981, p. 189.
  28. 28,028,128,228,3 Király & Pastor 1988, p. 29.
  29. 29,029,1 Völgyes 1970, p. 62.
  30. 30,030,1 Völgyes 1971, p. 162.
  31. 31,031,131,2 Janos e Slottman 1971, p. 66.
  32. Janos 1981, p. 190.
  33. 33,033,1 Zsuppán 1965, p. 321.
  34. 34,034,134,234,3 Zsuppán 1965, p. 320.
  35. Király & Pastor 1988, p. 127.
  36. Zsuppán 1965, p. 322.
  37. 37,037,137,2 Zsuppán 1965, p. 323.
  38. 38,038,1 Zsuppán 1965, p. 325.
  39. Zsuppán 1965, p. 326.
  40. 40,040,140,2 Zsuppán 1965, p. 327.
  41. Zsuppán 1965, p. 319.
  42. 42,042,1 Zsuppán 1965, p. 324.
  43. 43,043,143,2 Janos e Slottman 1971, p. 67.
  44. Zsuppán 1965, p. 328.
  45. 45,045,145,245,3 Zsuppán 1965, p. 329.
  46. 46,046,1 Király & Pastor 1988, p. 129.
  47. Völgyes 1971, p. 164.
  48. 48,048,148,2 Zsuppán 1965, p. 330.
  49. 49,049,149,249,349,4 Zsuppán 1965, p. 333.
  50. 50,050,150,2 Zsuppán 1965, p. 331.
  51. 51,051,151,251,3 Zsuppán 1965, p. 332.
  52. 52,052,152,252,352,4 Janos 1981, p. 192.
  53. 53,053,153,253,353,453,553,653,7 Juhász 1979, p. 19.
  54. 54,054,1 Szilassy 1969, p. 98.
  55. Szilassy 1971, p. 32.
  56. 56,056,1 Pastor 1976, p. 140.
  57. 57,057,157,2 Szilassy 1971, p. 33.
  58. 58,058,158,2 Zsuppán 1965, p. 334.
  59. Pastor 1976, p. 141.
  60. Völgyes 1970, p. 64.
  61. 61,061,161,261,3 Király & Pastor 1988, p. 259.
  62. 62,062,1 Janos e Slottman 1971, p. 68.
  63. Bodo 2010, p. 708.
  64. 64,064,164,2 Pastor 1976, p. 143.
  65. Király & Pastor 1988, p. 272.
  66. 66,066,166,2 Pastor 1976, p. 144.
  67. 67,067,167,2 Király & Pastor 1988, p. 245.
  68. 68,068,1 Völgyes 1970, p. 65.
  69. Király & Pastor 1988, p. 31.
  70. 70,070,170,270,3 Völgyes 1970, p. 66.
  71. Szilassy 1971, p. 39.
  72. 72,072,1 Völgyes 1970, p. 68.
  73. 73,073,1 Balogh 1976, p. 16.
  74. 74,074,1 Janos e Slottman 1971, p. 61.
  75. Balogh 1976, p. 23.
  76. Janos e Slottman 1971, p. 64.
  77. 77,077,177,277,3 Király & Pastor 1988, p. 5.
  78. 78,078,178,2 Janos 1981, p. 194.
  79. Völgyes 1970, p. 61.
  80. 80,080,1 Völgyes 1970, p. 63.
  81. 81,081,181,2 Völgyes 1971, p. 163.
  82. 82,082,1 Völgyes 1971, p. 166.
  83. 83,083,1 Szilassy 1971, p. 35.
  84. Juhász 1979, p. 20.
  85. 85,085,1 Király & Pastor 1988, p. 237.
  86. 86,086,186,286,386,486,5 Juhász 1979, p. 21.
  87. 87,087,187,287,3 Szilassy 1969, p. 99.
  88. 88,088,1 Szilassy 1971, p. 36.
  89. 89,089,189,2 Juhász 1979, p. 22.
  90. Király & Pastor 1988, p. 35.
  91. Völgyes 1970, p. 93.
  92. 92,092,192,292,3 Mocsy 1983, p. 98.
  93. 93,093,1 Király & Pastor 1988, p. 76.
  94. Király & Pastor 1988, p. 172.
  95. 95,095,195,2 Király & Pastor 1988, p. 36.
  96. 96,096,1 Király & Pastor 1988, p. 37.
  97. 97,097,197,297,397,497,5 Juhász 1979, p. 23.
  98. 98,098,1 Király & Pastor 1988, p. 43.
  99. 99,099,1 Király & Pastor 1988, p. 42.
  100. 100,0100,1 Király & Pastor 1988, p. 49.
  101. 101,0101,1 Király & Pastor 1988, p. 65.
  102. 102,0102,1 Király & Pastor 1988, p. 50.
  103. 103,0103,1 Király & Pastor 1988, p. 309.
  104. 104,0104,1104,2 Király & Pastor 1988, p. 58.
  105. 105,0105,1105,2105,3 Király & Pastor 1988, p. 59.
  106. Juhász 1979, p. 2.
  107. Juhász 1979, p. 24.
  108. Szilassy 1971, p. 42.
  109. 109,0109,1109,2109,3109,4 Király & Pastor 1988, p. 81.
  110. 110,0110,1110,2 Király & Pastor 1988, p. 69.
  111. 111,0111,1 Juhász 1979, p. 25.
  112. Janos e Slottman 1971, p. 82.
  113. 113,0113,1113,2113,3113,4113,5113,6 Szilassy 1969, p. 100.
  114. Király & Pastor 1988, p. 7.
  115. Balogh 1976, p. 29.
  116. 116,0116,1116,2 Szilassy 1971, p. 45.
  117. 117,0117,1117,2117,3 Király & Pastor 1988, p. 72.
  118. 118,0118,1118,2118,3 Juhász 1979, p. 26.
  119. 119,0119,1 Király & Pastor 1988, p. 71.
  120. 120,0120,1120,2120,3 Király & Pastor 1988, p. 82.
  121. 121,0121,1 Király & Pastor 1988, p. 83.
  122. 122,0122,1122,2122,3122,4122,5122,6122,7 Bodo 2010, p. 704.
  123. Király & Pastor 1988, p. 73.
  124. 124,0124,1 Szilassy 1971, p. 46.
  125. Szilassy 1971, p. 48.
  126. 126,0126,1 Király & Pastor 1988, p. 74.
  127. 127,0127,1127,2127,3127,4127,5 Király & Pastor 1988, p. 84.
  128. Völgyes 1971, p. 167.
  129. 129,0129,1 Völgyes 1971, p. 87.
  130. 130,0130,1130,2130,3130,4 Völgyes 1971, p. 63.
  131. 131,0131,1 Völgyes 1971, p. 64.
  132. 132,0132,1 Völgyes 1971, p. 70.
  133. 133,0133,1 Völgyes 1971, p. 71.
  134. 134,0134,1134,2 Völgyes 1971, p. 65.
  135. 135,0135,1 Völgyes 1971, p. 66.
  136. 136,0136,1 Völgyes 1971, p. 67.
  137. 137,0137,1 Völgyes 1971, p. 68.
  138. 138,0138,1138,2 Völgyes 1971, p. 69.
  139. 139,0139,1 Völgyes 1971, p. 62.
  140. 140,0140,1140,2140,3140,4140,5140,6 Völgyes 1971, p. 72.
  141. 141,0141,1141,2141,3141,4141,5 Völgyes 1971, p. 73.
  142. 142,0142,1 Völgyes 1971, p. 74.
  143. 143,0143,1143,2143,3 Völgyes 1971, p. 75.
  144. 144,0144,1144,2144,3 Szilassy 1971, p. 38.
  145. 145,0145,1145,2145,3 Mocsy 1983, p. 99.
  146. Völgyes 1971, p. 76.
  147. Völgyes 1971, p. 78.
  148. 148,0148,1148,2 Völgyes 1971, p. 79.
  149. 149,0149,1149,2149,3149,4149,5149,6149,7 Völgyes 1971, p. 80.
  150. 150,0150,1150,2150,3150,4 Mocsy 1983, p. 101.
  151. 151,0151,1151,2 Szilassy 1971, p. 43.
  152. 152,0152,1152,2 Völgyes 1971, p. 81.
  153. 153,0153,1 Völgyes 1971, p. 82.
  154. Janos e Slottman 1971, p. 79.
  155. 155,0155,1155,2 Völgyes 1970, p. 70.
  156. 156,0156,1156,2 Völgyes 1971, p. 83.
  157. 157,0157,1157,2157,3157,4 Völgyes 1971, p. 85.
  158. 158,0158,1158,2158,3158,4 Völgyes 1971, p. 86.
  159. 159,0159,1159,2159,3159,4159,5159,6 Király & Pastor 1988, p. 157.
  160. 160,0160,1 Király & Pastor 1988, p. 160.
  161. 161,0161,1161,2161,3 Király & Pastor 1988, p. 161.
  162. 162,0162,1162,2162,3 Király & Pastor 1988, p. 164.
  163. 163,0163,1163,2163,3163,4163,5 Király & Pastor 1988, p. 158.
  164. 164,0164,1164,2164,3164,4 Király & Pastor 1988, p. 159.
  165. 165,0165,1 Janos 1981, p. 196.
  166. Janos 1981, p. 197.
  167. Mocsy 1983, p. 100.
  168. 168,0168,1168,2 Mocsy 1983, p. 102.
  169. Janos & Slottman 1971, p. 197.
  170. Mocsy 1983, p. 103.
  171. Balogh 1975, p. 299.
  172. Balogh 1976, p. 26.
  173. 173,0173,1173,2173,3 Balogh 1976, p. 34.
  174. Balogh 1976, p. 33.
  175. 175,0175,1 Király & Pastor 1988, p. 75.
  176. Szilassy 1971, p. 47.
  177. 177,0177,1 Szilassy 1971, p. 49.
  178. 178,0178,1 Szilassy 1969, p. 101.
  179. Szilassy 1971, p. 52.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

GL-QR República Soviética Húngara.png

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=República_Soviética_Húngara&oldid=4379866"