Retallista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Posto de queixo, mel e licores na feira de Noia, Galiza.

O retallista[1] ou comerciante polo miúdo[2] é a empresa comercial ou persoa en réxime de autónomo que vende produtos ao consumidor final. Son o último elo da cadea de distribución, o que liga co mercado. Ao comercio denomínaselle venda polo miúdo[3].

Importancia[editar | editar a fonte]

Son importantes porque poden alterar, freando ou potenciando, as accións de mercadotecnia e merchandising dos fabricantes e grosistas. Son quen de influír nas vendas e resultados finais dos artigos que comercializan.

Comercio polo miúdo[editar | editar a fonte]

O comercio polo miúdo merca produtos en grandes cantidades a fabricantes o importadores, ben directamente ou a través dun grosista. Porén, vende unidades individuais ou pequenas cantidades ao público en xeral, normalmente, nun espazo físico chamado tenda. Os retallistas atópanse ao final da cadea de subministración ou fornecemento. Os responsábeis de mercadotecnia comprenden o comercio polo miúdo dentro da súa estratexia global de distribución.

As tendas poden estar en zonas residenciais, zonas comerciais ou tamén integradas en centros comerciais.

Comercio polo miúdo segundo o xeito de venda[editar | editar a fonte]

O comercio polo miúdo ou retallista pódese clasificar en: tradicional, de libre servizo, mixto e de venda sen establecemento comercial.

Comercio tradicional[editar | editar a fonte]

Caracterízase por tres elementos: mostrador, vendedor e almacén ou loxa. Entre o comprador e a mercadoría que se desexa adquirir existe un mostrador ou barra; así, a mercadoría non está ao alcance do comprador. Hai un vendedor que amosa os produtos, ponos a disposición do comprador e explica (vende ou argumenta) as características ou puntos fortes da mercadoría. O comprador coñece o artigo grazas ao vendedor. Ademais, existe un almacén ou loxa, separado do espazo dedicado á venda, onde se garda e oculta a mercadoría; o comprador non sabe se un determinado artigo está dispoñíbel ou esgotado. Son as pequenas tendas, carnizarías, chacinarías, estancos, farmacias, froitarías, mercerías, papelarías, quioscos, zapatarías etc.

Comercio de libre servizo[editar | editar a fonte]

Libraría dentro duns grandes almacéns en Taiwán.

Baséase en proporcionar ao consumidor liberdade para se mover polo espazo da tenda e para confeccionar a súa propia “cesta da compra”, elixindo entre unha ampla gama ou variado de produtos perfectamente empaquetados, etiquetados e identificados. Neste apartado, estarían incluídos hipermercados, supermercados, autoservizos etc. Tamén englobaría outros establecementos como tenda de todo a 100, tendas desconto ou tendas de conveniencia.

Comercio mixto[editar | editar a fonte]

É o establecemento que, ademais de dispor dunha sala de vendas como unha superficie de libre servizo, no que o comprador ten acceso ás mercadorías sen barreira ningunha, conta con vendedores que asesoran. Inclúe algunhas tendas especializadas, como as librarías; os grandes almacéns ou tendas por departamentos, chamadas tamén grandes superficies; as grandes superficies especializadas, chamadas tamén Category killer e os outlet.

Venda sen establecemento comercial[editar | editar a fonte]

Pode ser de varios tipos:

Venda automática ou «vending»[editar | editar a fonte]

É un dispensador ou máquina expendedora, onde o comprador selecciona un artigo, introduce o prezo e recíbeo.

Venda ambulante[editar | editar a fonte]

Feira de roupa en Bertamiráns.

Realízase en rastros, feiras e mercados, é moi semellante a un comercio tradicional. Tamén pode ser unha venda a domicilio ou nunha pequena reunión de amigos ou veciños.

Venda a distancia[editar | editar a fonte]

Emprega diversos medios de comunicación directa para conseguir vendas de produtos de todo tipo, tanto bens coma servizos. Algúns tipos de venda a distancia son: venda por correo, venda por catálogo, venda por teléfono (telemarketing), venda por televisión (televenta), venda por ordenador ou comercio electrónico.

Comercio polo miúdo segundo a súa agregación[editar | editar a fonte]

Segundo a súa organización xurídica e financeira (que afecta ao sistema de compras) pode clasificarse en: comercio independente, comercio asociado ou comercio integrado, gran distribución, franquías e cooperativas.

Comercio independente ou pequeno comercio[editar | editar a fonte]

Trátase da tradicional tenda caracterizada polas súas pequenas dimensións e polo seu sistema de venda a través de mostrador. Acostuma dedicarse a un só sector: tinturaría, téxtil, calzado, mercería etc. Funciona de xeito autónomo, independente doutros comercios do seu gremio ou da súa zona.

Comercio asociado ou comercio integrado[editar | editar a fonte]

No sistema de distribución atopamos fórmulas que facilitan a realización de todas as funcións propias da comercialización e que pretenden achegar valor ao pequeno e mediano comercio. Son fórmulas de asociación contractual ou sistemas horizontais de distribución, e as principais son: a cadea sucursalista, as cadeas franquiadas e as centrais de compra. Existen, tamén, asociacións de comercios independentes que pretenden atraer os clientes á zona con ofertas coordinadas ou con outras accións de animación (luces de Nadal etc.). Son tendas que se localizan nun mesmo local, coma os pequenos establecementos de alimentación que se agrupan en mercados ou galerías de alimentación; outro exemplo son as galerías comerciais en edificios singulares. Os centros comerciais xorden do desenvolvemento destas pequenas asociacións; en xeral, teñen un hipermercado ou gran superficie e outros comercios máis miúdos que completan a oferta ao cliente potencial da zona.

Gran distribución[editar | editar a fonte]

Hai grandes empresas que actúan ao mesmo tempo como vendedoras por xunto e retallistas, porque compran directamente a fabricantes ou produtores e venden ao consumidor. Xeralmente, son grupos multinacionais. A grande distribución desenvolveu os hipermercados e grandes superficies, xunto coas chamadas marcas brancas ou marcas do distribuidor.

Franquía[editar | editar a fonte]

Tendas que forman parte dunha cadea. Trátase de tendas que, co mesmo nome e imaxe, venden produtos semellantes en diferentes localizacións. As tendas poden pertencer a un mesmo propietario ou pode ser unha franquía do propietario que asinou un contrato co franquiado que a xestiona.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome galego en Termos esenciais de dereito civil, Nieto Alonso, A.; X. A. Rodríguez Río (coord.) (2013), Universidade de Santiago de Compostela, Dicionario da Real Academia Galega, A Coruña, RAG, 2012
  2. Tamén vendedor polo miúdo: Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC
  3. Termos esenciais de nova economía, Santiago de Compostela, Universidade, 2007

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Salén, Henrik (1994). "El nuevo contexto de la distribución comercial". Los secretos del merchandising activo. Madrid (España): Ediciones Díaz de Santos, S.A. ISBN 84-7978-124-6. 
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Retallista&oldid=4807992"