Roberto Blanco Torres, nado en Cuntis o 18 de marzo de 1891 e finado en Entrimo o 3 de outubro de 1936, foi un xornalista e poeta galego. Deu os primeiros pasos na poesía da man das vangardas artísticas. A súa obra poética é cualificada polos críticos como dunha grande beleza e intensidade expresiva. Outra das facetas deste home de letras é a de xornalista. O seu traballo nos medios impresos foi moi extenso e variado. A sinatura de Roberto Blanco Torres nas columnas de opinión caracterizou practicamente unha época xornalística.
Ademais de ser colaborador asiduo da prensa galega dirixiu varios xornais. As súas columnas desprenden o talante combativo que caracteriza toda a súa obra. Dende Cuntis, a súa vila natal, emigrou a Cuba. Este desterro condicionou a súa personalidade, que se foi forxando pouco a pouco no transcorrer dos anos. Comprometido co seu tempo, evolucionou politicamente dende o agrarismo ata o galeguismo. Á súa figura dedicouse o Día das Letras Galegas de 1999.
Os seus pais foron Pedro Blanco Iglesias (despois chamado Pedro Blanco de Crespo)[a] sacerdote dispensado, natural de Donramiro, Lalín, e Carmen Torres Fuentes, mestra.[2] Roberto foi o menor de nove irmáns. Seu pai deulle unha sólida cultura clásica. Seguindo os pasos dos seus irmáns maiores Segismundo e Nuño, en 1906 emigrou a Cuba. Alí comeza a colaborar na prensa da comunidade galega, para o que emprega o pseudónimo de Fray Roblanto. O trato con Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas foron decisivos para a súa traxectoria ideolóxica.
En 1929 Editorial Nós publicou Orballo da media noite, colección de 31 poemas, nos que amosa o coñecemento dos recursos da poesía vangardista e futurista,[5] e en 1930 saíu do prelo De esto y de lo otro, unha escolma de 38 artigos xornalísticos.[6] Participou na creación da Asociación Galega de Escritores (1930).
A sublevación militar do 18 de xullo de 1936 sorprendeu a Blanco Torres na aldea de Amido, no concello da Peroxa, na casa familiar da súa muller; detido en setembro foi levado á prisión de Ourense, e o 3 de outubro de 1936 foi paseado polos falanxistas que o fusilaron no concello de Entrimo. Por orden xudicial, foi soterrado nunha fosa común da igrexa parroquial de San Fiz de Galez no concello de Entrimo.
Alonso Girgado; Regueiro Tenreiro e Monteagudo Cabaleiro, M.ª Teresa (1999). Roberto Blanco Torres, cronobiografía, escolma de textos, obra hemerográfica. Xunta.
Blanco Valdés, J. L. (sobriñoneto) (1999). Roberto Blanco Torres (1891-1936). Unha fotobiografía. Xerais. ISBN 84-8302-370-9.