Rodrigo Froilaz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Rodrigo Froilaz
Almirante de Galiza
Señor de Trasancos
Alférez do rei Afonso VII

Falecemento1133
SepulturaMosteiro de San Martiño de Xuvia
ConsorteGuncina González
DescendenciaMendo Rodríguez
Gonzalo Rodríguez
Froila Rodríguez
Aldena Rodríguez
Liñaxe / DinastíaCasa de Traba
ProxenitoresFroila Bermúdez
Elvira de Faro

Escudo de Rodrigo Froilaz

Rodrigo Froilaz (Roderici Froylaz ou Rudericus Petriz), foi un nobre galego pertencente á familia Froilaz-Traba[1], tamén chamada Petriz[2]. Foi fillo de Froila Petriz Bermúdez e irmán, entre outros, do conde Pedro Froilaz de Traba e do bispo Gonzalo de Mondoñedo. Da súa familia herdou amplos dominios territoriais nas actuais comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Casou coa nobre Guncina González (Goncina Gondisaluit)[3], matrimonio do que naceron catro fillos. Finou no ano 1133 e recibiu sepultura no panteón familiar dos Froilaz no mosteiro de San Martiño de Xuvia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Mosteiro de San Martiño de Xuvia na terra de Trasancos. Panteón familiar dos Froilaz-Traba e lugar de soterramento de Rodrigo Froilaz.

Rodrigo Froilaz foi o terceiro fillo de Froila Bermúdez e a súa esposa Elvira de Faro. Xunto ao seu irmán Pedro e outros próceres da casa de Traba, fixo parte da curia de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza. Desde 1095 o seu nome figura como confirmante nos diplomas que recollen as decisións tomadas nas xuntas de goberno[4][5][6] e, no ano 1102, foi escollido almirante dos portos de Galiza[7] co cometido de protexer as costas das incursións normandas e sarracenas[8][9].

Após da morte do conde Raimundo no ano 1107, loitou xunto ao seu clan familiar polos dereitos sucesorios do seu fillo Afonso Raimúndez, criado polos Froilaz nas terras de Trasancos[10], chegando a coroalo rei de Galiza en setembro do 1111 na Catedral de Compostela. Na cerimonia de coroación Rodrigo actuou como alférez do rei portando a súa espada, o seu escudo e a súa lanza[a][11], labor na que continuou posteriormente[12]. Esta función de armiger regis[13], encargado das mesnadas do monarca, fai probábel a súa presenza na batalla de Viadangos no outono do mesmo ano, momento no que os Froilaz en alianza co bispo Diego Xelmírez tentaron coroar a Afonso tamén na corte leonesa. Esta nova coroación tivo que ser adiada até o ano 1126, e desde o ano seguinte a figura de Rodrigo aparece na documentación histórica elevada á categoría condal[14][13].

Magnate territorial[editar | editar a fonte]

O conde Rodrigo, señor da Terra de Trasancos, foi un importante magnate territorial con extensos dominios na área noroccidental do reino galego. Ditos dominios, obtidos da herdanza familiar, foron ampliados mediante novas adquisicións nos mesmos territorios. Entre as súas extensas posesións figuran numerosas vilas e facendas en: Bezoucos; Cedeira; Pruzos na que ademais posuía a igrexa de Santa María de Castro; Nendos[15] coa igrexa de Santiago de Meangos; ou Trasancos, onde tamén tiña a propiedade das igrexas de Santa Mariña de Vilar, San Salvador de Serantes, San Andrés de Brión, San Xurxo de Meirás e Santa María de Neda[16].

Xunto á súa esposa Guncina González, realizou abondosas doazóns aos mosteiros da súa propia familia ("mosteiros nostros")[17]. Estas doazóns dos Froilaz aos seus mosteiros eran un xeito de garantir a continuidade das terras nas mans do clan familiar, e polo tanto, de manter dentro da familia todos os resortes do poder feudal[18]. En 1096, 1104, 1106 e 1110, o matrimonio doou conxuntamente herdades en Carantoña, Bezoucos e Pruzos ao mosteiro de Caaveiro. No 1114, Rodrigo Froilaz en solitario fixo unha importante doazón ao mosteiro de San Martiño de Xuvia e no 1117 dona Guncina doou as súas herdades de San Salvador de Maniños ao cenobio de Caaveiro[14].

Tumbo de Xuvia. Confirmación de varios membros do clan Petriz na doazón de Rodrigo Froilaz (1114) da súa parte da igrexa de Santa María de Neda ao mosteiro.

Morte e descendencia[editar | editar a fonte]

O casamento de Rodrigo Froilaz e a aristócrata Guncina González produciuse antes do 30 de marzo de 1087, nese momento ambos adquiren varias propiedades na contorna de Ferrol figurando na escritura como matrimonio. Dos seus esponsais naceron catro descendentes: Mendo Rodríguez[19], Gonzalo Rodríguez[20], Froila Rodríguez[21] e Aldena Rodríguez. Por decisión dos seus pais e para que non se dividisen as terras do dominio familiar tiveron que posuír en común algúns dos bens da herdanza[14].

Rodrigo faleceu nunha data anterior ao 6 de abril de 1133, momento no que a súa esposa Guncina aparece como viúva nunha nova doazón ao mosteiro de Caaveiro. Esta doazón foi feita en conxunto co seu fillo Mendo Rodríguez, antes de que este partise como cruzado a Terra Santa. Foi sepultado no mosteiro de Xuvia, lugar onde os Froilaz tiñan o seu panteón familiar, xunto aos seus avós Bermudo Froilaz e Lupa Rodríguez e o seu pai Froila Bermúdez.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Algúns autores adxudican tal función a Rodrigo Pérez, fillo de Pedro Froilaz e Maior Rodríguez. O conde Pedro e dona Maior casaron no 6 de maio do ano 1105 polo que Rodrigo Pérez (sexto fillo de Pedro) contaría na altura cuns 6 anos, idade na que carecería dunha relevancia suficiente para ocupar tan importante papel e na que ademais resulta imposíbel que fose quen de soster a espada, o escudo e a lanza do rei.
Referencias
  1. "Liñaxe Froilaz-Traba". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 09/11/2018. 
  2. Pena Graña, André (1992). Narón, un concello con historia de seu. 2. Concello de Narón. p. 57. 
  3. "Liñaxe Menendiz, s. XI". www.xenealoxiasdoortegal.net. Consultado o 2018-11-12. 
  4. Barón Faraldo, Andrés (2017). Raimundo de Borgoña, Conde de Galicia. Política y relaciones de poder en el occidente penínsular (1093-1107). Glyphos Publicaciones. p. 324. ISBN 978-84-945386-8-1. 
  5. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 186. 
  6. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 289. 
  7. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 328. 
  8. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 438. 
  9. Barón Faraldo, Andrés (2011). "Magnates y nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña. Totius Gallecie Princeps (c. 1091-1107)" (PDF). Estudios Mindonienses (27): 551. 
  10. Pena Graña, Andrés (1992). Narón. Un concello con historia de seu 2. Concello de Narón. p. 88. ISBN 84-87674-32-1. 
  11. Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia compostelana. AKAL. p. 174. 
  12. López Ferreiro, Antonio (1885). D. Afonso VII, rei de Galiza, e o seu aio o conde de Traba (2006 ed.). Toxosoutos. p. 175. Rudericus Petriz Alferiz Regis conf. 
  13. 13,013,1 LÓPEZ SANGIL 2005 p. 40
  14. 14,014,114,2 "Rodrigo Froilaz - Real Academia de la Historia". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 2018-11-09. 
  15. Sánchez Pardo, José Carlos (2006). "Análisis espacial de un territorio altomedieval: Nendos (A Coruña)" (PDF). Arqueología y territorio medieval (13): 7–48. ISSN 1134-3184. 
  16. Barón Faraldo, Andrés (2006). "O grupo aristocrático dos Fróilaz nas terras do Eume" (PDF). Cátedra: revista eumesa de estudios (13): 377–381. ISSN 1133-9608. 
  17. "Vendo Ferreira por un cabalo de cor baio". www.falamedesansadurnino.org. Consultado o 2018-11-09. 
  18. Frez, Amancio Isla (1992). La sociedad gallega en la Alta Edad Media (en castelán). Editorial CSIC - CSIC Press. ISBN 9788400072155. 
  19. "Liñaxe Mandiá S.XI-XII". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 05/11/2018. 
  20. "Liñaxe González de Mandiá S.XII". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 05/11/2018. 
  21. "Liñaxe Mandiá S.XII-XIII". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 05/11/2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Rodrigo_Froilaz&oldid=5068362"