Roxelio Pérez González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Roxelio Pérez González
Nacemento18 de xuño de 1897
 Rianxo
Falecemento9 de xullo de 1963
 Pontevedra
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmestre e pedagogo
editar datos en Wikidata ]

Roxelio Pérez González, coñecido como Roxerius, nado en Rianxo o 18 de xuño de 1897 e finado en Pontevedra o 9 de xullo de 1963, foi un mestre e pedagogo galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Curmán de Manuel Antonio, participou con Rafael Dieste no grupo teatral Os Trece que fixo varias representacións en aldeas e vilas da ría de Arousa en 1915.

En 1920 rematou os estudos de maxisterio en Santiago de Compostela. Nestes anos frecuentou o centro republicano e as Irmandades da Fala. En 1919 asistiu, con Antón Villar Ponte, Fray Salvador, Sánchez Andrade e Leandro Pita Romero, á Xuntanza Escolar Nazonalista, celebrada en Santiago.

Participou na fundación do Partido Galeguista en decembro de 1931. A partir deste momento, intensificou as súas colaboracións xornalísticas diversificando a súa temática. Despois de superar por libre os cursos da Escuela Superior de Maxisterio de Madrid, obtivo a praza de inspector de ensino primario en 1932 e foi destinado a Pontevedra.

Desde o seu posto de Inspector intentou aplicar a política educativa da Segunda República adecuándoa ao contexto galego. Traballou pola galeguización do ensino, a realización de conferencias e actos culturais na Galicia rural e pola creación de bibliotecas escolares. Prestou atención á nova escola rural galega, ás escolas agrarias e á práctica dunha pedagoxía activa. Defendeu posturas monolingües respecto ao emprego do galego no ensino.

Entre 1933 e 1936 ademais de participar na política nacionalista arredor das figuras de Castelao e Bóveda (foi elixido vicepresidente da xunta directiva do PG de Pontevedra en 1934), viviu a etapa de maior proxección pública como educador: foi secretario da Casa do Mestre de Pontevedra e colaborador habitual do seu órgano de expresión, Escuela Vivida, director do padroado de Misións Pedagóxicas (1934) e coordinador da Página Pedagógica de El Pueblo Gallego.

Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi apartado do seu cargo de inspector o 12 de setembro de 1936. No proceso de depuración resultou cesado o 27 de febreiro de 1937. Nos anos corenta foi readmitido.

Obras[editar | editar a fonte]

Publicou traballos sobre temas da súa especialidade, moitos deles escritos en galego, en La Voz de Galicia (1922), Galicia (1924), El Pueblo Gallego (1926-1935) e A Nosa Terra. Colaborou co exilio americano en revistas como Lar e, a partir de 1946, en La Noche na páxina semanal "Plumas y Letras Gallegas". Tamén publicou algúns poemas en galego e castelán. Aínda que o seu pseudónimo máis habitual foi o de "Roxerius", empregou tamén o de "Xelioro".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Roxelio_Pérez_González&oldid=5160872"