San Galo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
San Galo
St. Gallen
Saint-Gall
San Gallo
Son Gagl
Coa stgallen.svg
Sankt Gallen.jpg
Localización
Karte Gemeinde St. Gallen 2007.png
PaísSuíza Suíza 
CantónWappen St. Gallen matt.svg San Galo
DistritoSan Galo
Xeografía
Altitude675 msnm
Superficie39,41 km²
Demografía
Poboación75 481
Densidade1 900
Outros datos
Código postal9000
AlcaldeThomas Scheitlin (FDP)

San Galo ou San Gall (De-StGallen.ogg Sankt Gallen en alemán, Saint-Gall en francés, San Gallo en italiano e Sogn Gagl en romanche) é unha cidade suíza, capital do distrito e do cantón de San Galo. Segundo datos do 2016 conta con 75.481 habitantes, o que a converte na sétima cidade do país.

A cidade é o centro económico e cultural da rexión leste de Suíza. A abadía de San Galo é a maior atracción turística da cidade e está inscrita na lista do Patrimonio da Humanidade da Unesco.

Xeografía[editar | editar a fonte]

San Galo está situada na rexión nordeste de Suíza, nun val a aproximadamente 700 metros sobre o nivel do mar, o que fai que sexa unha das cidades de maior altura do país e que reciba unha grande cantidade de neve no inverno. O lugar está situado entre o lago de Constanza e os Alpes appenzellenses.

Os límites da cidade son: ao norte coas comunas de Gaiserwald, Wittenbach e Mörschwil, ao leste con Untereggen, Eggersriet e Speicher (AR), ao sur con Teufen (AR), Stein (AR) e Herisau (AR), e ao oeste con Gossau. Ademais, a cidade atópase dividida administrativamente en barrios e localidades: Bruggen, Hafnersberg, Heiligkreuz, Kräzern, Krontal, Lachen, Notkersegg, Riet, Rotmonten, Sankt Fiden, Sankt Georgen, Sittertal e Winkeln.

O centro da cidade está construído sobre un terreo inestable, os edificios do fondo do val atópanse construídos sobre pilotes. Un claro exemplo é a estación de trens e a praza adxacente.

Historia[editar | editar a fonte]

O comezo da urbanización da cidade débese ao monxe irlandés Gallus (ou Galo: *550; ?640), quen chegou como estudante do misioneiro Columbano de Lexehuil á zona do que hoxe é Suíza, para converter os alamáns ao cristianismo. Sobre o 720 o sacerdote alamán Othmar construíu unha abadía e deulle o nome de Abadía de St. Gallen. No 926, xinetes húngaros atacaron a vila e maila abadía e en 954 foi rodeada dunha muralla para protexela dos sarracenos.

Durante a Idade Media formou parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, chegando a ser unha Cidade Imperial Libre (título que o emperador concedía a algunhas vilas polo cal el gobernaba directamente sobre elas sen a mediación de ningún príncipe) en 1311. Máis tarde os gremios gañaron o control do goberno civil, ata que lle mercaron a liberdade ao emperador xermánico Sexismundo de Luxemburgo, entrando a formar parte da Antiga Confederación Suíza en 1412.

En 1526 o humanista Joachim Vadian introduciu as ideas da Reforma protestante en St. Gallen. Deste xeito, a cidade converteuse á nova relixión, mentres que a abadía permaneceu fiel á fe católica ata 1803, no marco da desaparición da República Helvética creada cinco anos antes por Napoleón ao invadir a Antiga Confedración Suíza e sancionar a fin do Antigo Réxime. O feito supuxo a creación do cantón protestante de San Galo, do que a vila foi nomeada capital, e a deportación dos monxes católicos da abadía.

San Galo foi dende o século XV un importante centro da industria téxtil, acadando o seu clímax a principios do século XVIII. A partir de mediados do mesmo século iniciouse unha depresión na produción como consecuencia da competencia estranxeira, recuperándose novamente no XIX e principios do XX. Hoxe en día, só sobrevive unha pequena industria debido á alta especialización e á produción maioritariamente mecánica, mais de recoñecida calidade.

Transporte[editar | editar a fonte]

A cidade conta cun denso sistema de transporte urbano, operado pola VBSG (Verkehrs Betriebe-Sankt Gallen). Ademais existe unha ampla rede de autobuses postais (Postauto) que conectan á cidade coa área de Appenzell. A cidade conta tamén cun sistema de trens rexionais (S-Bahn).

A estación de trens de San Galo ten unha excelente conexión coa rede de Ferrocarrís Federales Suizos. Os trens InterCity que conectan a cidade con Zúric saen cada media hora. A cidade é tamén sé dalgunhas empresas ferroviarias privadas como a Südostbahn (SOB) que conecta San Galo con Lucerna, as ferrovías de Appenzell (Appenzeller Bahnen) que a unen con Appenzell e a Trogenerbahn que a unen con Trogen.

San Galo conta co seu propio aeroporto, o aeroporto de St. Gallen-Altenrhein, que non é de gran tamaño e non recibe grandes voos comerciais. Atópase preto do lago de Constanza e recibe voos desde Viena e algúns outros destinos.

A cidade está conectada á Autoestrada A1 que a conectan con Sankt Margrethen, Zúric, Berna e Xenebra.

Cultura[editar | editar a fonte]

O interior da abadía de San Galo constitúe un dos máis importantes monumentos barrocos de Suíza.

A Universidade de San Galo (en alemán, Universität St. Gallen (Hochschule für Wirtschafts-, Rechts- und Sozialwissenschaften HSG)), creada en 1898, ofrece formacións en ciencias económicas e sociais e en dereito. Considerada como unha das mellores universidades de lingua alemá, ademais de ser recoñecida a nivel mundial pola súa formación en ciencias económicas.

De acordo con datos do ano 2000 o 44% dos habitantes de San Galo son católicos e un 27% son protestantes, mentres que un 10% non practica ningunha relixión.

A abadía de San Galo é o emblema da cidade. Declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1983, ao considerala un perfecto exemplo dos mosteiros carolinxios, data do século VIII. A súa biblioteca, unha das máis ricas do mundo en libros medievais, contén obras do século IX.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=San_Galo&oldid=4931084"