Sargo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Sargo
Sargos na praza de abastos do Grove
Distribución da especie

O sargo común (Diplodus sargus sargus, Linnaeus 1758; antes Sparus sargus) é un peixe mariño da familia dos espáridos (Sparidae), moi común no mar Mediterráneo. O nome do xénero procede do grego diplos e odous, significa dobre e dente, en referencia ós dous tipos de dentes que posúen, incisivos e molares.

Ríos Panisse só atopou a denominación popular de sargo ó longo de toda a costa galega (xunto a sargho), coas variantes sarga para os exemplares grandes e sargueta para os pequenos. En Ares matizan co nome de sargo picudo.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Presenta o corpo alto e comprimido lateralmente, como é característico da familia. A talla máxima descrita é de 45 cm cun peso máximo de 1,87 kg (FishBase), aínda que o normal é que midan 20–25 cm.

A cor é gris, máis claro ou escuro, con reflexos prateados. Os individuos novos presentan catro ou cinco bandas verticais estreitas e escuras nos flancos, que se van difuminando coa idade ata chegar a desaparecer nos exemplares máis grandes, excepto a última banda, situada no mesmo pedúnculo da cola, que é a máis grosa e escura e nunca desaparece. Na aleta caudal apréciase unha orla escura.

Unha única aleta dorsal, con 11-12 radios espiñosos e 12-15 radios brandos, e unha anal, con tres radios espiñosos soltos seguidos de 11-14 brandos. A boca é maior có diámetro do ollo, e presenta dentes incisivos planos e dentes molares, posteriores, de función trituradora.

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

A especie está distribuída por toda a costa este do océano Atlántico, ata Suráfrica, entre as latitudes 48º Norte e 36º Sur, penetrando abundantemente no Mediterráneo e no mar Negro.

Vive sobre fondos de pedra, a profundidades que oscilan entre os 2 e os 50 metros. Os xuvenís viven en grandes bancos moi próximos á costa (son frecuentes nos portos e cantís), chegando mesmo a penetrar en augas salobres. Os adultos son solitarios.

Aliméntanse de moluscos e outros pequenos invertebrados bentónicos que desenterran do sedimento. Os seus fortes dentes molares permítenlles triturar as cunchas dos moluscos.

Alcanza a madurez sexual ós dous anos de vida, cuns 17 cm, e reprodúcese entre xaneiro e marzo. Coma outros espáridos, os sargos son hermafroditas.

Interese pesqueiro e comercial[editar | editar a fonte]

O sargo é unha especie apreciada no mercado. Adoita cociñarse ó forno cando é grande, e á grella ou á prancha cando son pequenos.

Segundo datos da Plataforma Tecnolóxica de Pesca Pesca de Galicia.com [1], as capturas desta especie durante os últimos anos representaron unhas descargas nas lonxas galegas de entre 350 e 460 toneladas (449,4 en 2012).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Sargo&oldid=4821822"