Sempre en Galiza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca

Este artigo trata sobre o libro de Castelao, para o artigo sobre programa de radio véxase Sempre en Galicia.
Sempre en Galiza
Autor/a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Orixe Galiza
Lingua Galego
Tema(s) Política
Xénero(s) Ensaio
Editorial Editorial Galaxia
Data de pub. 1ª edición, 1944
Páxinas 584 páx. (22ª edición, Galaxia)
ISBN 978-84-8288-729-6

Sempre en Galiza é un libro de ensaio político escrito por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerado a obra canónica do nacionalismo galego. A obra publicouse o 10 de marzo de 1944 en Buenos Aires e os primeiros exemplares que chegaron a Galicia fixérono de xeito clandestino.

No libro axúntanse artigos, ensaios, conferencias, discursos xunto a material pensado especificamente para a obra. O limiar da obra, Adro, comprende os artigos que dende Badaxoz escribiu para A Nosa Terra en 1935. A primeira parte escribiuna entre Valencia e Barcelona en 1937, orixinariamente publicouse na forma de artigos no xornal que os galegos exiliados publicaban en Madrid, Nueva Galicia. A segunda parte escribiuna en Nova York e durante a viaxe que o levou a Buenos Aires en 1940. O resto escribiuno en Buenos Aires entre 1942 e 1943.

Contido[editar | editar a fonte]

Adro[editar | editar a fonte]

Constituído por 14 capítulos que apareceran como artigos co título xenérico de "Verbas de chumbo" n' A Nosa Terra, teñen como eixo o posicionamento de Castelao no seo do Partido Galeguista verbo da súa orientación ideolóxica e da súa alianza co centro esquerda español, o que chocaba coa orientación do ata entón principal ideólogo do galeguismo, Vicente Risco, e que conduciría á súa marcha do PG.

Castelao realizou algunhas modificacións ó texto dos artigos, na maior parte de tipo lingüístico ou de estilo.

Libro I[editar | editar a fonte]

Escrito durante a guerra civil española, o texto apareceu no xornal Nueva Galicia entre xullo de 1937 e setembro de 1938 co título de Verbas de chumbo, agás a primeira que apareceu co título Nós. De novo publicouse en Nova Galiza de Barcelona tamén entre os anos 1937 e 1938. Castelao pensou en publicar un libro con estes textos co título de Verbas de chumbo, pero o desenvolvemento da guerra impediu que se editase. Trala derrota da república, Castelao modificou o texto para axeitalo á nova situación política.

O libro xira arredor do problema político galego e da súa resolución, a consideración de Galicia como nación e o repaso do posicionamento dos diferentes grupos políticos ante o problema nacional e analiza as vantaxes dunha república federal, a historia do galeguismo e do Estatuto.

Libro II[editar | editar a fonte]

Este libro comezouno a escribir Castelao en Nova York ó alborexar 1940. Consta de 26 capítulos que finalizou no paquebote que o levaba á Arxentina e estaba pensado como unha segunda parte do libro anterior (Verbas de chumbo) para reflectir o afastamento político de Castelao das forzas republicanas motivado pola actitude destas cara ao Estatuto de Autonomía de Galicia e a súa actitude política no exilio.

Libro III[editar | editar a fonte]

Este libro, que consta de 35 capítulos, escribiuse durante o desenvolvemento da segunda guerra mundial, entre febreiro de 1942 e abril de 1943, no que se albiscaba un triunfo dos aliados que levase á desfeita do réxime franquista e reflicte unha posición política pragmática e posibilista, de colaboración cos republicanos españois. É o libro máis ideolóxico de todos os que compoñen o Sempre en Galiza.

Libro IV[editar | editar a fonte]

Este libro non figuraba na primeira edición senón que foi engadido na segunda edición (1961) con textos escritos por Castelao entre 1947 e 1948, tralo seu paso polo goberno de José Giral e a súa volta á Arxentina desilusionado coa situación política. Os sete capítulos do libro céntranse no federalismo. No capítulo primeiro inclúe o comezo do discurso Alba de Groria pronunciado no Teatro Arxentino de Buenos Aires o 25 de xullo de 1948.

Edicións[editar | editar a fonte]

Algunhas das edicións máis coñecidas da obra son:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Esta é unha versión censurada, comenza cunha nota do director da colección, Xesús Alonso Montero titulada "Esclarecendo un pouco", na que se dí textualmente "Os leutores disimularán -i entenderán- as pequenas omisiós -non chegan a duas páxinas en total-, omisios que foron debidas a necesidade de publicar hoxe o texto -texto completo que aparecerá completo cando aquí poda aparecer completo- e que non mancan nin imprecisan ningún dos planteamentos de Castelao". A continuación reproducense os textos omitidos:
    Páxina Ubicación Texto censurado
    34 liña 11, despois de "Felipe II" para faceren esta guerra noxenta
    191 liña 6, despois de "países retrógadas!..." Non se daría nada maís risible se non eisistira un Exército regular e a Garda Civil para defender esta hipocresía, esta ficción, esta falsedade; pero xa non é risible senón indiñante, a posición suicida das "esquerdas" e do mesmo proletariado.
    195 liña 5, despois de "miliatarismo" que se consideraba ferido nos seus sentimentos patrióticos e hipotecou a independencia da patria,
    195 liña 15, despois de "en pólvora" Eles representaban o orgullo, a soberbia e a vaidade; é decir, o máis vello, máis negro e máis podre da Hespaña centralista. Veles aí van:

    MILITARISMO

    A bravura dos militares hespañoes era o medo que metía medo.

    O coartel era un convento onde se xuraba, se blasfemaba, se conspiraba contra o Goberno, se pegaban labazadas, se depelicaban patacas e se tocaba a corneta. Alí os xefes e oficiaes escollían asistentes. Os militares usaban bigotes e padecían de catarro crónico. Adobiábanse con plumas, charoles, ferros e botóns dourados, para namoraren mulleres. Gostaban máis das procesións que das batallas. Perdían as guerras —eso é verdade—; pero perdíanas groriosamente. Eran cabaleiros no Casino e arrieiros no fogar. Chegaban a xeneraes polo riguroso turno de antigüedade. Morrían de prostatitis crónica (nos militares hespañoes todo era crónico).

    Os militaristas amaban a “intanxible unidade da patria”. Creían que Isabel a Católica descobrira as Américas. Tiñan unha espiña cravada no corazón: Xibraltar. Arruináranse comprando “marcos” e seguían sendo xermanófilos.

    Por algo foron vencidos polo povo.

  2. 2,02,1 Inclúe textos de Justo G. Beramendi, Xulio Cabrera, X. Castro, I. Cochón, F. Dubert, R. Máiz, A. Mato, H. Monteagudo, Xan Moreno e Ramón Villares.
  3. Conmemora o quincuaxésimo aniversario do pasamento do autor.
  4. Edición galega en portugués adaptada polo profesor Fernando Vázquez Corredoira. Con anotacións de Fernando Vázquez Corredoira e Ernesto Vázquez Souza, e textos de Camilo Nogueira, Francisco Rodríguez, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo, Encarna Otero e Luís Gonçales Blasco ‘Foz’. Inclúe a separata 'Sempre Castelao'.
  5. Ficha de Forever in Galicia na páxina web da editorial.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Sempre_en_Galiza&oldid=4950551"