Sexismundo III de Polonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sexismundo III de Polonia
Zygmunt III Waza.jpg
Nacemento20 de xuño de 1566 e 20 de xuño de 1566
 Castelo Gripsholm
Falecemento30 de abril de 1632 e 19 de abril de 1632
 Varsovia
CausaIctus
SoterradoCatedral de Wawel
NacionalidadeGran Ducado de Lituania
Relixióncatolicismo
Ocupaciónmecenas
PaiJoão III da Suécia
NaiCatarina Jagelão
CónxuxeAna de Áustria e Constança de Habsburgo
FillosVladislau IV Vasa, João II Casimiro Vasa, John Albert Vasa, Karol Ferdynand Vasa, Alexander Charles Vasa, Anna Katarzyna Konstancja e Anne Marie Vasa
IrmánsJohn, Duke of Östergötland, Isabella Johansdotter, Anna Vasa of Sweden e Sofia Johansdotter Gyllenhielm
PremiosCabaleiro da Orde do Vélaro de Ouro
Sigismundus III Rex - signature.png
editar datos en Wikidata ]

Sexismundo III Vasa, nado en Mariefred (Suecia) o 20 de xuño de 1566 e finado en Varsovia (Polonia) o 30 de abril de 1632, foi rei de Polonia de 1587 até 1632, co nome de Sexismundo III e rei de Suecia de 1592 a 1599, co nome de Sexismundo I. Era fillo do rei Xoán III e de Catarina Jagiellon.

Sexismundo alcanzou a autoridade real de dous reinos: Polonia e Suecia. Foi un fervente católico e un monarca de visión expansionista. O seu goberno levouno a cabo principalmente en Polonia, dende onde tentou gobernar Suecia. A súa impopularidade ocasionou que fose derrocado en Suecia e que ocorresen levantamentos en Polonia, así como o fracaso da súa expansión no tsarato ruso. No entanto, a República das Dúas Nacións comezou con el un período de fortaleza e influencia política.

Herdeiro de Suecia e candidato a rei de Polonia-Lituania[editar | editar a fonte]

Sexismundo naceu o 20 de xuño de 1566 no castelo de Gripsholm, en Mariefred, Suecia, onde os seus pais atopábanse prisioneiros por ordes do rei Erico XIV.[1] O seu pai era o duque Xoán de Finlandia (posteriormente Xoán III de Suecia), fillo de Gustavo Vasa, e a súa nai a princesa polaca Catarina Jagiellon, filla á súa vez do rei polaco Sexismundo I e Bona Sforza.[1] Cando o seu pai se converteu en rei, Sexismundo á súa vez foi elevado a herdeiro á coroa sueca. Por outra banda, tamén foi nomeado herdeiro da coroa de Lituania, pero en 1569 creouse a Unión de Lublin e Polonia e Lituania formaron unha confederación, que a partir de entón tivo unha monarquía única de tipo electiva.

Para que Sexismundo puidese gañar adeptos no electorado polaco, Xoán III deulle unha educación no catolicismo, que era a relixión das realezas polaca e lituana, aínda que os seus primeiros profesores foron protestantes. Precisamente por estes plans do seu pai, rexeitouse a posibilidade de que Sexismundo casase con Cristina de Holstein-Gottorp, de convicción protestante. A esmerada educación do intelixente Sexismundo quedou en mans das xesuítas, que fixeron del un ardente católico.[1] Adquiriu deles gran cultura e aprendeu varios idiomas: falaba sueco, polaco, alemán, italiano e latín.[1] Era ademais bo músico, pintor, ourive e alquimista.[1]

Cando faleceu o rei Estevo I de Polonia (o conde húngaro Estevo Báthory), monarca da Confederación Polaco-Lituana, a candidatura de Sexismundo enfrontouse coa do arquiduque Maximiliano III de Austria.[2] Sexismundo contou co apoio do chanceler Xoán Zamoyski[2] e da viúva de Batory, a súa tía Ana Jagiellon de Polonia. Os delegados polaco-lituanos esixiron a Suecia que cedese Livonia oriental (aproximadamente a actual Estonia) á Confederación Polaco-Lituana para aceptar a Sexismundo, pero acabaron por facelo mesmo cando este se negou a entregar o territorio.[3] Sexismundo triunfou nas eleccións o 19 de agosto de 1587, pero un sector apoiou a Maximiliano, e librouse unha guerra civil de curta duración que finalizou en xaneiro de 1588, coa derrota e encarceramento do arquiduque.[3]

Rei da Confederación Polaco-Lituana[editar | editar a fonte]

Sexismundo partiu de Suecia rumbo a Polonia, a ocupar o cargo que gañara, en setembro de 1587. A súa coroación levouse a cabo en Cracovia en decembro dese mesmo ano e Sexismundo non puido resolver a cuestión da cesión de Estonia por parte de Suecia, o que decepcionou os nobres polacos, incluído Zamoyski. Sexismundo decidiu aprazar a cuestión ata que tomase posesión da coroa sueca.[3] Pouco despois de chegar a Polonia, Sexismundo reuniuse co seu pai en Revel; este, medorento de que o seu fillo insistise en obter Estonia e permitise que Carlos (irmán de Xoán e duque de Soderman) lle arrebatase o cetro sueco, tratou de persuadilo para que renunciase á coroa polaco-lituana a cambio dun substancioso donativo, desposase unha princesa Habsburgo e se retirase a un ducado italiano.[4] Sexismundo rexeitou a proposta, pero a oferta desagradou a parte da nobreza, que lembraba a marcha de Henrique de Valois.[4]

Relación coa nobreza e o Parlamento[editar | editar a fonte]

O longo reinado de Sexismundo empezou con mal pé, pois o seu temperamento desgustou á fracción da nobreza que o elixiu e axiña se puxo a mal con Zamoyski, cuxa actitude paternalista o desgustaba.[3] Os intentos do chanceler de reformar as eleccións de soberano para axilizalas e evitar as eleccións dobres que podían acabar en choques militares fracasaron pola falta de apoio.[3] Aínda que non pretendeu disolver o Parlamento e gobernar de maneira absolutista, parte da nobreza sospeitaba que así era, e os intentos do rei de reformar o sistema político foron rexeitados polas dietas.[4] Sexismundo, tras dúas décadas de reinado, tratou en van de que o Parlamento permitise crear un exército permanente sufragado con impostos adecuados, apresurar os procedementos das Cámaras e celebrar a elección do herdeiro ao trono sen esperar á morte do rei.[4] As dietas, que temían o reforzamento do poder real e perder autonomía, tenderon cada vez máis a entorpecer a acción gobernamental.[4] Segundo avanzou o reinado, os choques co Parlamento creceron; Sexismundo tratou de aprobar medidas por maioría, de subornar os adversarios e mesmo de amañar as medidas aprobadas grazas ao control que tiña da comisión de edictos.[5] Aínda que era o desexo de fortalecer política e militarmente o país o que motivaba as súas accións, estas desgustaron a parte da nobreza e contribuíron a frustrar toda reforma do sistema político.[6]

A principal fracción opositora volveuse cada vez máis irada trala morte de Zamoyski en xuño de 1605, cando pasou a encabezala Mikołaj Zebrzydowski.[6] Este chegou a acusar o rei na sesión parlamentaria de marzo de 1606 de desexar abolir a Constitución polaco-lituana e en 1607 alzouse contra o rei.[6] As tropas reais esmagaron os rebeldes na batalla de Guzów o 7 de xullo pero, falto de apoios, o rei tivo que contentarse co sometemento dos rebeldes, que dominaron a Cámara Baixa até o final do reinado.[6] A corrente política que avogaba por un maior control político da nobreza foi gañando adeptos.[6] En 1631, o ano antes da súa morte, tratou infrutuosamente de que se aprobase o antigo plan de Zamoyski de que a elección do soberano se fixese por maioría.[7] Para obter o permiso para que os seus fillos herdasen as súas terras, tivo que confirmar a prohibición de que a elección do seguinte rei se fixese en vida do monarca.[7]

A pesar dos continuos choques entre o rei e a nobreza, o Parlamento funcionou mellor durante o reinado de Sexismundo que en ningún outro da historia da Unión polaco-lituana.[7] A clave diso foi a hábil actividade do Senado, que foi gañando poder e serviu como eficaz intermediario entre o monarca e a Cámara Baixa.[7]

Relixión e Contrarreforma[editar | editar a fonte]

Mediante a mediación da curia pontificia, tentáronse mellorar as relacións con Austria. Sexismundo casou en Cracovia con Ana de Habsburgo, filla do arquiduque Carlos II de Estiria, o mes de maio de 1592.[4] A partir de entón, as relacións cos Habsburgo foron cada vez máis estreitas, o que xerou descontento entre a nobreza polaca inimiga dos austríacos.[4] Sexismundo levou unha política represiva contra os seus adversarios políticos.

O seu intenso catolicismo provocou a rápida reconciliación coa xerarquía católica, que se opuxo á súa elección.[8] Aínda que respectou o xuramento de tolerancia relixiosa que fixera ao asumir a coroa, mostrou unha clara preferencia pola nobreza católica tanto no nomeamento de cargos como na concesión de grazas.[8] Cando Sexismundo chegou ao trono, no Senado había trinta e oito protestantes, mentres que á súa morte, debido á preferencia real por nomear católicos para os postos que dependían do monarca, só quedaban dous.[8]

Permitiu ademais as persecucións que os católicos levaron a cabo dos protestantes en diversos puntos do reino e prohibiu en ocasións a celebración de reunións do clero protestante.[9] Durante o seu reinado tamén empeorou a sorte dos xudeus e dos tártaros musulmáns.[9]

Sexismundo foi un férreo promotor da contrarreforma que permitiu a rápida expansión da rede educativa xesuíta polo país, de gran calidade e prestixio.[9] Os colexios xesuítas, aos que en ocasións asistían protestantes e ortodoxos, pasaron de vinte e cinco en 1608 a corenta e dous en 1634.[9]

Durante o seu reinado aconteceu tamén a Unión de Brest, entre a Igrexa católica e unha parte da ortodoxa, entón en crise.[10] Aínda que a unión mellorou a curto prazo a situación da xerarquía ortodoxa e reforzou o poder do catolicismo, a longo prazo acentuou o enfrontamento entre católicos e ortodoxos.[10] Ante o amplo rexeitamento que suscitou a unión por parte dos ortodoxos, Sexismundo mantivo unha actitude moderada para suavizar a oposición ortodoxa á medida e evitar problemas políticos.[11]

Sexismundo III de Polonia de a cabalo

Rei de Suecia[editar | editar a fonte]

En 1592, faleceu o seu pai, o rei Xoán III de Suecia, e Sexismundo recibiu permiso do parlamento polaco para partir rumbo a Suecia, coa condición de regresar en certo prazo establecido e de ceder Estonia a Polonia. Sexismundo desembarcou en Estocolmo o 30 de setembro de 1593 en compañía da súa esposa e de varios xesuítas, así como do nuncio da Santa Sé Germanico Malaspina. A súa chegada espertou inquietude entre a nobreza sueca, encabezada polo seu tío o duque Carlos, debido ao fervor católico do herdeiro.[12] Sexismundo, pola súa banda, prometeu a liberdade de culto en Suecia. Foi coroado o 19 de febreiro de 1594[11] na catedral de Upsala. Para obter a coroa, tivera que recoñecer o luteranismo como relixión de Estado e conceder o goberno do país a un consello de rexencia presidido polo seu tío durante os períodos nos que el se atopase ausente.[11]

Sexismundo contara con poder ceder Livonia oriental a Polonia-Lituania e compensar a Suecia con territorios arrebatados aos rusos.[13] O tratado de Teusina, asinado en 1595 polo consello de rexencia sueco para conservar as conquistas que o país realizara ata ese momento, frustrou os plans de Sexismundo.[13]

En xullo de 1594, presionado polo parlamento polaco, regresou a Polonia. Tentou gobernar Suecia dende ese país, deixando o goberno sueco en mans dun goberno interino que rexese no seu nome. O goberno foi deixado de maneira nominal en mans do consello e do seu tío o duque Carlos, mais Sexismundo deixou lugartenentes que favoreceron os seus intereses e os da Igrexa católica, o que provocou irritación entre os suecos.

Conflito co duque Carlos e derrocamento en Suecia[editar | editar a fonte]

En Suecia, o apoio que Sexismundo concedera á contrarreforma, fixo que se temese o regreso do reino á autoridade da Igrexa católica. Apoiado neste argumento, o duque Carlos levantouse contra o goberno de Sexismundo e logrou en pouco tempo controlar a maior parte do país. Sexismundo, pola súa banda, planeou unha expedición armada a Suecia, e recrutou mercenarios polacos e buques prusianos. O Parlamento polaco outorgoulle o permiso para viaxar novamente a Suecia, pero formalmente Polonia mantívose neutral no conflito. Sexismundo tentou gañar o apoio das cidades e príncipes do norte de Alemaña para realizar un bloqueo económico a Suecia, mais unicamente obtivo o da dinastía Hohenzollern, que gobernaba o ducado de Prusia.

Sexismundo ocupou o porto de Kalmar, e dende aí enviou emisarios para negociar con Carlos. As negociacións non levaron a ningún acordo. O 8 de setembro de 1598 Sexismundo inflixiu unha derrota a Carlos na batalla de Stegeborg. Con todo, pouco despois, Carlos triunfou de forma decisiva trala batalla de Stångebro o 25 de setembro do mesmo ano.[13] Sexismundo foi apresado na lide e, para recobrar a liberdade, entregou a Carlos aos seus principais partidarios que, tras ser xulgados polo Parlamento, foron axustizados en 1600.[13] En Estocolmo, Sexismundo foi formalmente deposto do goberno sueco o 24 de xullo de 1599.

A sesión do Parlamento de 1600 que condenou os seguidores de Sexismundo derrocou a este, mais permitiu que o seu fillo Vladislao obtivese o cetro real a cambio de trasladarse de inmediato a Suecia e converterse ao protestantismo.[13] Cando Vladislao rexeitou as condicións que se lle impuñan, Carlos asumiu a coroa como Carlos IX.[13]

Sexismundo rompeu a negociación, e partiu de Kalmar rumbo a Danzig. En Polonia, novamente realizou accións diplomáticas para bloquear economicamente a Carlos, e recrutou un exército para evitar a caída de Kalmar. Con todo, a cidade foi tomada antes de que Sexismundo puidese regresar, e pouco despois caeu Finlandia.

Sexismundo non renunciou ás súas reivindicacións sobre Suecia, e a súa posición repercutiu en varios conflitos e guerras entre Polonia e Suecia que non finalizaron ata a Gran Guerra do Norte.[13] Ambos os reinos enfrontáronse pola posesión de Livonia e pola influencia en Rusia.[13] Formalmente, Sexismundo anexouse Livonia, pero non puido arrebatarlla completamente aos suecos, a pesar das vitorias militares que logrou, como a de Kircholm, en que o hetman lituano dominou un exército sueco nas proximidades de Riga.[13] A contenda continuou sen un vencedor claro ata 1608, cando as dúas nacións decidiron porlle fin para intervir en Rusia.[13]

Política expansionista de Polonia[editar | editar a fonte]

En 1596 creou a Unión de Brest, un pacto que tentaba atraer parte dos fieis ortodoxos bielorrusos e ucraínos á Igrexa católica. Ese mesmo ano, trasladou a capital polaca de Cracovia a Varsovia (en memoria de tal acto o seu fillo, Vladislao IV, mandou construír enfronte do Castelo Real a columna que leva o seu nome). En 1598 faleceu a raíña Ana e Sexismundo casou coa irmá desta, Constanza de Habsburgo en 1605, a pesar de que parte dos seus asesores e o propio chanceler Zamoyski llo desaconlleraron.[4]

No seu goberno libráronse as Guerras Moldavas dos Magnates que enfrontaron a Confederación Polaco-Lituana contra o Imperio Otomán pola posesión de Moldavia. O resultado foi a derrota dos polacos.

Política rusa[editar | editar a fonte]

No seu afán de ampliar a súa influencia, inmisciuse no Período Tumultuoso no tsarato ruso; brindou apoio a Dimitri I, pretendente ao trono ruso en oposición a Basilio IV, aínda que Polonia se mantivo neutral no conflito.[13] Á morte de Iván IV, Rusia sumiuse nunha gravísima crise, que Sexismundo creu poder aproveitar.[13] O falso Dimitri, convertido secretamente ao catolicismo, contou co respaldo das xesuítas e de varios nobres lituanos, en especial de Jerzy Mniszech, que casou con el a súa filla Marina e prestoulle as súas tropas para apoderarse do trono moscovita.[13] O caos ruso favoreceu a Dimitri, que foi ben recibido por campesiños e cosacos e, á morte de Boris Godunov, obtivo tamén o respaldo dos boiardos, que en abril de 1605 o proclamaron tsar.[13] Foi coroado en Moscova en xuño, pero en maio do ano seguinte un levantamento acabou coa súa vida e coa influencia dos xesuítas e dos polacos na corte rusa.[13]

Situación territorial trala Paz de Deulino de 1618-1619. Sexismundo non logrou apoderarse do trono moscovita, pero si obter extensos territorios do tsarato ruso.

Á morte de Demetrio I, xurdiu un novo pretendente ao trono, Dimitri II, en 1607, que de novo contou con axuda polaco-lituana e alcanzou as murallas de Moscova; aburado polo falso Dimitri e polas revoltas nas provincias, Basilio asinou un tratado militar con Suecia, ao que Sexismundo respondeu cunha alianza con Dimitri II.[13] Entón Sexismundo entrou abertamente en guerra contra Rusia: na batalla de Klushino de xullo de 1610, o seu exército esmagou o dos rusos.[13] En abril de 1611 e tras un longo asedio, apoderouse de Smolensk.[14] Para tratar de acabar coas revoltas, os boiardos rusos decidiron en agosto de 1610 aceptar a Vladislao como tsar.[14] No seu nome, o hetman polaco ocupou o Kremlin de Moscova, prometeu a conversión de Vladislao ao credo ortodoxo, respectar a relixión ortodoxa, devolver os territorios arrebatados ao tsarato e axudar a este para loitar con Suecia.[14] Sexismundo rexeitou o acordo alcanzado polo seu hetman e os nobres rusos e tratou de facerse el mesmo co cetro do tsarato e impor o catolicismo en Rusia.[14] Isto desbaratou o acordo e orixinou unha reacción en Rusia.[14] Os partidarios do segundo falso Dimitri asasinárono cando este sufriu unha derrota militar, e os rusos formaron novos exércitos que en novembro de 1612 se apoderaron de Moscova.[14] En febreiro de 1613, o Zemski Sobor elixiu tsar a Miguel I de Rusia.[14] A guerra entre rusos e suecos continuou ata 1617, cando o tratado de Stolbovo deixou a costa báltica en mans suecas e o interior nas rusas.[14] O conflito entre polaco-lituanos e rusos perdurou máis, até 1619, cando o tratado de Deulino concedeu varios territorios a Polonia-Lituania e permitiu que Vladislao mantivese a súa reclamación ao trono ruso.[14] Este armisticio durou catorce anos.[14]

Últimos anos como monarca polaco[editar | editar a fonte]

En Polonia ocorreron en 1606 levantamentos populares contra o seu goberno absolutista, que foron reprimidos. Sexismundo asinou en 1613 unha alianza formal entre Polonia e Austria.

Faleceu o 30 de abril de 1632 no castelo de Varsovia e está sepultado na catedral de Cracovia.

Familia[editar | editar a fonte]

Fillos con Ana de Habsburgo:

  1. Ana María (1593-1600).
  2. Catarina (1594).
  3. Vladislao (1595-1648). Rei de Polonia-Lituania. Tsar de Rusia.
  4. Catarina (1596-1597).
  5. Cristovo (1598).

Fillos con Constanza de Habsburgo, irmá da súa primeira muller:

  1. Xoán Casimiro (1607-1608).
  2. Xoán Casimiro (1609-1672). Rei de Polonia-Lituania.
  3. Xoán Alberto Vasa (1612-1634). Bispo de Cracovia.
  4. Carlos Fernando Vasa (1613-1655). Duque de Opole.
  5. Alexandre Carlos Vasa (1614-1634).
  6. Ana Constanza (1616).
  7. Ana Catarina Constanza Vasa (1619-1651).
Rei de Polonia
Gran Duque de Lituania

Segue a:
Ana e Estevo
Sexismundo III de Polonia
Precede a:
Vladislao IV
Vasa
Rei de Suecia

Segue a:
Xoán III
Sexismundo III de Polonia
Precede a:
Carlos IX
Vasa

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Stone, Daniel (2001). A history of East Central Europe. 4 : The Polish-Lithuanian state, 1386-1795. University of Washington Press. ISBN 9780295980935. 
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Sexismundo_III_de_Polonia&oldid=4942542"