Sinfonía nº 8 (Sibelius)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Jean Sibelius, fotografado en 1939, cando posiblemente cesara todo o seu traballo na Oitava Sinfonía, aínda que continuou a manter durante anos que era aínda un proxecto viable.

A Sinfonía nº 8 de Jean Sibelius foi o seu último gran proxecto compositivo, que o ocupou de xeito intermitente entre mediados da década de 1920 ata arredor de 1938, aínda que nunca a publicou. Durante este tempo Sibelius viviu o punto máis alto da súa fama, unha institución nacional na súa Finlandia natal, e un compositor de talle internacional. Cando chegou a compoñer da Oitava Sinfonía é unha incógnita: Sibelius negouse repetidas veces a liberala para que se interpretara, aínda que continuara a afirmar que estaba a traballar nela mesmo despois de que abandonara o traballo. Segundo informes posteriores da súa familia, queimou a partitura e o material relacionado en 1945.

Gran parte da reputación de Sibelius, durante a súa vida e posteriormente, derivara do seu traballo como sinfonista. A súa Sétima Sinfonía de 1924 ten sido amplamente recoñecida como un fito no desenvolvemento da forma sinfónica, e no seu tempo non había motivos para supoñer que o fluxo das obras orquestrais innovadoras non continuaría. Con todo, despois do poema sinfónico Tapiola, finalizado en 1926, a súa produción limitouse a pezas relativamente menores e a revisións de obras anteriores. A estrea da Oitava Sinfonía foille prometida a Sergei Koussevitzky e á Boston Symphony Orchestra en varias ocasións, mais cando a data estaba próxima Sibelius puxo reparos, alegando que a obra non estaba lista para ser interpretada. O compositor fíxolle promesas similares ao director de orquestra británico Basil Cameron e ao finlandés Georg Schnéevoigt, que tamén se mostraron ilusorias.

Despois da morte de Sibelius en 1957, fixéronse públicas as novas sobre a destrución da Oitava Sinfonía, e asumiuse que a obra se perdera para sempre. Non foi ata a década de 1990, cando se catalogaron moitos cadernos e bosquexos do compositor, que os estudosos propuxeron a posibilidade de que parte da música da sinfonía perdida podía ter sobrevivido. Recentes investigacións conduciron á identificación provisional de varios pequenos bosquexos manuscritos que están relacionados coa sinfonía, tres dos cales (que comprenden menos de tres minutos de música) foron gravados pola Helsingin kaupunginorkesteri en 2011. Mentres uns poucos musicólogos especularon que, se puidesen identificarse outros fragmentos, sería posible reconstruír a obra completa, outros suxiren que isto é pouco probable dada a ambigüidade do material existente. A propia interpretación pública da música que o propio Sibelius rexeitara foi tamén cuestionada.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Ainola, a casa de Sibelius dende 1904 ata a súa morte.

Jean Sibelius naceu en 1865 en Finlandia, dende 1809 un gran ducado dependente do Imperio Ruso, tendo estado anteriormente baixo dominio sueco durante varios séculos.[1] O país estaba dividido entre unha minoría culturalmente dominante de fala sueca, á que pertencía a familia de Sibelius, e unha maioría cunha mentalidade máis nacionalista e de fala finlandesa, ou "Fennoman".[2] En torno a 1889 Sibelius coñeceu á súa futura muller, Aino Järnefelt, que viña dunha familia de Fennoman acérrimos.[3] A asociación de Sibelius cos Järnefelt axudou a espertar e desenvolver o seu nacionalismo; en 1892, o ano do seu matrimonio con Aino, compuxo a súa primeira obra abertamente nacionalista, a suite sinfónica Kullervo.[4] Ao longo da década de 1890, cando o control ruso sobre o ducado se tornou cada vez máis opresivo, Sibelius compuxo unha serie de obras que reflectiron a resistencia finlandesa á dominación estranxeira, que culminaría co poema sinfónico Finlandia.[5]

O talle nacional de Sibelius foi recoñecido en 1897, cando lle foi concedida unha pensión estatal para que se puidera dedicar máis á composición.[6] En 1904 el e Aino instaláronse coas súas fillas en Ainola, unha casa de campo que construíran na beira do lago Tuusula en Järvenpää, onde viviron durante o resto das súas vidas.[7] Aínda que a súa vida en Ainola non foi sempre tranquila e sen preocupacións -Sibelius tiña débedas con frecuencia e era propenso a episodios de consumo abusivo de alcohol- arreglouse durante os seguintes 20 anos para compoñer unha gran produción de obras orquestrais, música de cámara, pezas para piano e cancións, así como música máis lixeira.[8] A súa popularidade estendeuse por Europa e os Estados Unidos onde, durante unha xira triunfal en 1914, foille concedido un doutoramento honorífico pola Universidade de Yale.[9] No seu país o seu status era tal que as celebracións do seu 50 aniversario en 1915 foron un evento nacional, sendo a peza central destas celebracións a estrea en Helsinqui da súa Quinta Sinfonía.[10]

Cara a mediados da década de 1920 Sibelius acadara o status de monumento nacional vivo e foi o principal embaixador cultural do seu país, independente dende 1917.[11] De acordo co seu biógrafo Guy Rickards, el investiu "a súa inspiración máis importante" nas súas sete sinfonías que compuxo entre 1898 e 1924.[12] O estudoso de Sibelius James Hepokoski considera a compacta e escrita nun único movemento Sétima Sinfonía, que Sibelius rematou en 1924, o logro sinfónico máis remarcable do compositor, "a realización consumada da súa reconsideración da forma no seu estilo tardío".[10] Esta foi seguida en 1926 por Tapiola, un poema sinfónico no que, di Rickards, Sibelius "levou recursos orquestrais a rexións bastante novas ... Tapiola estaba trinta ou corenta anos por diante do seu tempo".[13]

Composición[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

A primeira referencia á Oitava Sinfonía no diario de Sibelius data do 12 de setembro de 1926: "traballando na nova".[14] Con todo, algunhas das ideas iniciais para a nova sinfonía foron establecidas case con toda seguridade antes, xa que era costume de Sibelius deixar de lado temas e motivos para empregalos en proxectos posteriores. Polo tanto, un dos bosquexos existentes para a súa Sétima Sinfonía, na que estivo ocupado entre 1923 e 1924, contén un motivo rodeado e marcado como "VIII".[15] Cara ao outono de 1927 Sibelius foi quen de informar ao crítico musical do New York Times Olin Downes —un dos seus maiores admiradores— de que escribira dous movementos no papel e que compuxera o resto na súa cabeza.[16]

A principios de 1928 Sibelius realizou unha das súas visitas regulares a Berlín, para enchouparse da vida musical da cidade e compoñer. Enviou informes do seu traballo en progreso a Aino: a sinfonía, dixo, será "marabillosa".[16] De volta a casa en Ainoa en setembro, díxolle a súa irmá: "estou a escribir unha nova obra, que será enviada a América. Aínda precisará de tempo. Mais sairá ben".[17] En decembro de 1928, non obstante, cando o seu editor dinamarqués Wilhelm Hansen lle preguntou cómo estaba a desenvolverse o traballo, Sibelius foi menos explícito; a sinfonía existía, dixo, só na súa cabeza. Dende aquela os informes de Sibelius sobre o progreso da sinfonía tornáronse equívocos, ás veces contraditorios, e difíciles de seguir.[16]

Progreso e mentira[editar | editar a fonte]

O director de orquestra Sergei Koussevitzky, a quen Sibelius lle prometeu a estrea da Oitava Sinfonía en numerosas ocasións.

Probablemente por instigación de Downes, Sibelius prometeu a estrea mundial da súa nova sinfonía a Sergei Koussevitzky e á Boston Symphony Orchestra.[18] Durante varios anos, nunha prolongada correspondencia co director e con Downes, Sibelius vacilou e mentiu. En xaneiro de 1930 dixo que a sinfonía "non estará lista pronto e non podo dicir cando estará lista", mais en agosto dese mesmo ano díxolle a Koussevitzky que a interpretación na primavera de 1931 era posible. Nada resultou disto.[19] No verán de 1931 Sibelius díxolle a Downes que non só estaba a Oitava Sinfonía case lista para as imprentas, senón que tamén tiña outras novas obras pendentes.[20] Polo tanto alentado, en decembro de 1931 Koussevitzky empregou o Boston Evening Transcript para anunciar a obra para a tempada 1931–32 da orquestra. Isto levou un rápido telegrama de Sibelius, para informar de que a sinfonía non podería, despois de todo, estar lista para esa tempada.[19]

Koussevitzky entón decidiu interpretar todas as sinfonías de Sibelius na tempada 1932-33 da Boston Symphony Orchestra, coa estrea mundial da Oitava Sinfonía como culminación. En xuño de 1932 Sibelius escribiulle a Koussevitzky suxeríndolle que a Oitava fora programada para finais de outubro. Unha semana despois retractábase: "Estou moi perturbado ao respecto. Por favor non anuncies a interpretación".[19] Máis promesas, para decembro de 1932 e xaneiro de 1933, non levaron adiante partituras. Koussevitzky estaba agora coa esperanza perdida, a pesar de todo preguntoulle unha vez máis, no verán de 1933. Sibelius foi evasivo; non fixo ningunha promesa de entrega mais quería "volver ao asunto con posterioridade". No que se refire a Koussevitzky e á Boston Symphony, o asunto rematou aí.[16] Sibelius chegara a acordos con outros directores; prometera a estrea europea a Basil Cameron e a Royal Philharmonic Society,[17] e a primeira interpretación finlandesa a Georg Schnéevoigt, que asumira recentemente a dirección da Helsingin kaupunginorkesteri.[21] Estes acordos estiveron, con todo, suxeitos á ilusoria estrea de Boston, e así naceron mortos.[17] Posteriormente nesa década, pénsase que Eugene Ormandy, un fervente admirador de Sibelius que dirixiu a Philadelphia Orchestra dende 1936, tivo feito unha forte presión polo dereito a dirixir a estrea, se a sinfonía aparecera no seu momento.[22]

Durante as súas dilacións con Koussevitzky, Sibelius continuou a traballar na sinfonía. En 1931 pasou novamente unha tempada en Berlín, escribindo a Aino en maio dese mesmo ano que "a sinfonía está a avanzar con pasos rápidos". O progreso interrompeuse a causa dunha enfermidade, mais cara ao final do ano Sibelius afirmou con confianza que "estou escribindo a miña oitava sinfonía e estou cheo de xuventude. Como podo explicar isto?"[23] En maio de 1933, mentres seguía a refusar a Koussevitzky, Sibelius escribiu no seu diario que estaba profundamente inmerso na composición: "É como se volvera a casa ... Estou tomándome todo doutro xeito, máis profundamente. Un xitano dentro de min. Romántico."[23] Posteriormente ese verán informou a un xornalista que a súa nova sinfonía estaba próxima a ser rematada: "Será o cómputo de toda a miña existencia - sesenta e oito anos. Probablemente será a miña última. Oito sinfonías e un cento de cancións. Ten que ser abondo".[17]

Nalgún momento dese verán comezou a copia formal da sinfonía. O 4 de setembro de 1933 Paul Voigt, o copista de Sibelius durante moito tempo, enviou unha factura por facer unha copia en limpo dos primeiros movementos -23 páxinas de música-. Sibelius informoulle -a carta sobrevive- que o manuscrito completo sería de en torno de oito veces máis longo que este extracto, o que indica que a sinfonía podería ser dunha escala maior que calquera das súas sete predecesoras.[20] Aino Sibelius recordou posteriormente outras visitas a Voigt ese outono no que Sibelius, cuxo estado de ánimo ela describiu como sombrío e taciturno, entregou novas pilas de manuscritos con música ao copista.[16]

Limbo[editar | editar a fonte]

A miña nai e máis eu frecuentemente falabamos de ti, e ela preguntoume outra vez sobre a Oitava sinfonía. [Ela di] 'Dille ao Sr. Sibelius que non estou moi preocupada ou ansiosa sobre a súa Oitava Sinfonía que sei que rematará no seu debido tempo, igual que a súa Novena. Debe coroar a súa serie de obras deste xeito cunha novena sinfonía que representará o cumio e síntese de todo o seu logro'
—Olin Downes, escribindo a Sibelius en 1937[24]

Varias referencias parecen confirmar que a estrea da sinfonía era inminente. O compositor finlandés Leevi Madetoja mencionou en 1934 que a obra estaba virtualmente completa;[25] un artigo do xornalista sueco Kurt Nordfors indicaba que dous movementos estaban completos e o resto esbozado.[16] A medida que a presión para realizar a sinfonía medraba, Sibelius retirouse cada vez máis e mostrouse menos disposto a falar do seu progreso. En decembro de 1935, durante unha entrevista no marco das celebracións polo seu 70º aniversario, sinalou que decartara o traballo de todo un ano; isto apuntaba a unha revisión a grande escala da Oitava.[26] Con todo, cando o correspondente de The Times preguntou por detalles do progreso da obra, Sibelius irritouse. Estaba furioso cando Downes continuou a acosalo para obter información, nunha ocasión ao berro de "Ich kann nicht!" ("Non podo!").[18][27]

Un recibo atopado entre os papeis de Sibelius refírese a unha "Symphonie" sendo encuadernada pola firma de Weilin & Göös en agosto de 1938. Se ben non está establecido que esta transacción estea relacionada coa Oitava, o estudoso de Sibelius Kari Kilpeläinen sinala que ningunha das partituras de sinfonías anteriores leva o título "Symphonie" sen numerar, e pregunta: "Puido el ter omitido o número para evitar que as novas sobre a agora completa Oitava se difundiran? Ou non lle deu número á obra, porque non estaba satisfeito con ela?"[16] A filla do compositor Katarina falou da falta de confianza que aflixiu ao seu pai nesa época, agravada pola expectación continua e o alboroto que rodeaban á Oitava Sinfonía. "El quería que fora mellor que as outras sinfonías. Finalmente converteuse nunha carga, a pesar de que gran parte dela xa fora escrita. Ao final non sei se tería aceptado o que escribira".[26]

Sibelius permaneceu en Finlandia durante a Guerra de Inverno de 1939-40, a pesar das ofertas de asilo nos Estados Unidos. Despois de que a guerra finalizara en marzo de 1940 trasladouse coa súa familia a un apartamento no distrito de Kammiokatu de Helsinqui, onde permaneceron durante un ano. Durante este tempo foron visitados polo pianista Martti Paavola, que foi quen de examinar o contido da caixa forte de Sibelius. Paavola posteriormente informou ao seu alumno Einar Englund que entre a música gardada alí estaba unha sinfonía, "moi probablemente a Oitava".[28]

Destrución[editar | editar a fonte]

De volta en Ainola, Sibelius ocupouse facendo novos arranxos de vellas cancións. Con todo, a súa mente regresou frecuentemente á agora aparentemente moribunda sinfonía. En febreiro de 1943 díxolle ao seu secretario que esperaba finalizar unha "grande obra" antes da súa morte, mais culpou á guerra da súa incapacidade para avanzar: "Non podo durmir polas noites cando penso niso."[28] En xuño falou da sinfonía co seu futuro xenro Jussi Jalas e proporcionou outra razón para a súa non realización: "Para cada unha das miñas sinfonías desenvolvín unha técnica especial. Non pode ser algo superficial, ten que ser algo que foi vivido aínda. Na miña nova obra estou loitando precisamente con esas cuestións". Sibelius tamén lle dixo a Jalas que todos os bosquexos e borradores deberían ser queimados despois da súa morte; non quería que ninguén etiquetara estes restos desbotados como "Sibelius letzten [sic] Gedanken" (últimos pensamentos de Sibelius).[28]

Nalgún momento a mediados da década de 1940, probablemente en 1945, Sibelius e Aino queimaron xuntos un bo número de manuscritos do compositor na estufa do salón de Ainola. Non hai rexistro do que se queimou; mentres que a maior parte dos comentaristas asumen que a Oitava Sinfonía estaba entre as obras destruídas, Kilpeläinen observa que houbo polo menos dous manuscritos da obra -o orixinal e a copia de Voigt- así como bosquexos e fragmentos de versións anteriores. É posible, di Kilpeläinen, que Sibelius non tivera borrado todos eles.[16] Aino, que encontrou este proceso moi doloroso, lembrou posteriormente que a queima pareceu aliviar a mente de Sibelius: "Despois disto, o meu home parecía máis calmado e a súa actitude foi máis optimista. Foi un tempo feliz."[29] A interpretación máis optimista da súa acción, segundo o crítico musical de The Philadelphia Inquirer David Patrick Stearns, é que el se desfixo de antigos borradores da sinfonía para limpar a súa mente para un novo comezo.[22] En 1947, despois de visitar Ainola, o director de orquestra Nils-Eric Fougstedt afirmou ter visto unha copia da Oitava no estante, con partes corais separadas. O musicólogo Erkki Salmenhaara sinala a idea de dúas queimas: a de 1945 que destruiu os materiais iniciais, e outra despois de que Sibelius recoñecera que nunca podería finalizar a obra á súa satisfacción.[16]

Aínda que Sibelius informou ao seu secretario de que a sinfonía fora queimada, o asunto mantívose en segredo confinado ao círculo privado do compositor. Durante os restantes anos da súa vida, Sibelius deu a entender de cando en vez que o proxecto da Oitava Sinfonía estaba aínda vivo. En agosto de 1945 escribiu a Basil Cameron: "Rematei a miña oitava sinfonía varias veces, mais aínda non estou satisfeito con ela. Estarei encantado de entregarlla a vostede cando chegue o momento".[16] De feito, logo da queima el abandonara por completo a composición creativa; en 1951, cando a Royal Philharmonic Society pediu unha obra para conmemorar o Festival of Britain de 1951, Sibelius negouse.[30] Aínda en 1953 díxolle ao seu secretario, Santeri Levas, que estaba a traballar na sinfonía "na súa mente"; só en 1954 admitiu, nunha carta á viúva do seu amigo Adolf Paul, que nunca podería ser completada.[31] Sibelius morreu o 20 de setembro de 1957; ao día seguinte a súa filla Eva Paloheimo anunciou públicamente que a Oitava Sinfonía non existía. A queima do manuscrito adquiriu notoriedade xeral con posterioridade, cando Aino revelou o feito ao biógrafo do compositor Erik W. Tawaststjerna.[20]

O silencio de Sibelius é o estrondo da súa beatificación. O Estado finlandés que elevou a Sibelius ao nivel de heroe nacional tamén xogou un papel importante na paralización da súa creatividade. A nación non só atopou ao seu heroe, logrou silencialo. O silencio foi, de feito, a única resposta lóxica que Sibelius podía facer á súa deificación por parte do Estado finlandés.
—Mark McKenna, "Who Stopped the Music?" (November 2012)[18]

Críticos e comentaristas téñense preguntado as razóns polas que Sibelius finalmente abandonou a composición da sinfonía. Ao longo da súa vida Sibelius foi propenso á depresión[32] e frecuentemente sufriu crises de confianza en si mesmo. Alex Ross, en The New Yorker, cita unha entrada do diario do compositor de 1927, cando a Oitava Sinfonía estaba presuntamente en curso: "O illamento e a soidade están levándome á desesperación ... estou maltratado, só, e todos os meus amigos reais están mortos. O meu prestixio aquí no presente é mínimo. Imposible traballar. Se só houbera un xeito de sair".[33] Hai escritores que sinalaron ao tremor das mans, que lle dificultaba escribir, e ao alcoholismo que o aflixiu en numerosas etapas da súa vida.[22] Outros argumentan que o estado exaltado de Sibelius como heroe nacional o silenciou con eficacia; volveuse temeroso de que calquera outra obra maior non estivera á altura das expectativas da nación que o adoraba.[18] Andrew Barnett, outro dos moitos biógrafos do compositor, apunta a unha intensa autocrítica de Sibelius: el debeu reter ou suprimir calquera cousa que non cumprira coas súas normas autoimpostas: "Foi esta actitude a que levou á destrución da Oitava Sinfonía, mais o mesmo trazo o forzou a revisar a Quinta ata que foi perfecta".[34] O historiador Mark McKenna concorda en que Sibelius quedou sufocado por unha combinación de perfeccionismo e o aumento da auto-dúbida. O mito, prolongado durante máis de 15 anos, de que Sibelius estaba aínda a traballar na sinfonía foi, segundo McKenna, unha ficción deliberada: "Admitir que parara por completo sería admitir o impensable: que xa non era compositor".[18]

Descubrimentos[editar | editar a fonte]

Despois da súa morte Sibelius, se ben se mantivo como un compositor popular entre o público en xeral, foi frecuentemente denigrado polos críticos que encontraron a súa música anticuada e aburrida.[35]René Leibowitz, un defensor da música de Arnold Schoenberg, publicou un folleto describindo a Sibelius como "o peor compositor do mundo";[36] outros refírense a el como irrelevante no que se percibiu durante moito tempo como un irresistible movemento cara á atonalidade.[37] Este clima diminuíu a curiosidade sobre a existencia de material dunha posible Oitava, ata finais do século XX, cando o interese crítico no compositor reviviu. En 1995 Kilpeläinen, que publicara un estudo sobre os manuscritos de Sibelius da Biblioteca da Universidade de Helsinqui, escribiu que todo o que podía estar relacionado sen dúbida coa Oitava Sinfonía era unha única páxina dun borrador dunha partitura e o fragmento da melodía rodeada marcada como "VIII" nos bosquexos da Sétima Sinfonía. Engadiu, con todo, que a biblioteca contiña máis bosquexos de Sibelius de finais da década de 1920 e principios da de 1930, algúns deles semellantes ao fragmento rodeado e que poderían ter sido concibidos para ir destinados á Oitava Sinfonía. Kilpeläinen tamén revela que "só recentemente varios documentos saíron á luz sen que ninguén soñara mesmo que existiran. Quizais hai aínda algúns indicios de que a 8ª sinfonía está escondida e esperando por algún estudoso para descubrila".[16]

En 2004, nun artigo titulado "On Some Apparent Sketches for Sibelius's Eighth Symphony", o teórico musical Nors Josephson identifica arredor de 20 manuscritos ou fragmentos custodiados na Biblioteca da Universidade de Helsinqui como relevantes para a sinfonía e conclúe que: "Dada a abundancia de material preservado desta obra, un espera con grande expectación unha reflexiva, meticulosa finalización de toda a composición".[25] Outro estudoso de Sibelius, Timo Virtanen, examinou o mesmo material e é máis moderado, concluíndo que aínda que algúns dos bosquexos poden relacionarse coa Oitava Sinfonía, non é posible determinar con exactitude cales, se algún o é. Mesmo o fragmento sinalado "VIII", sostén, non se pode dicir con certeza que se relacione coa sinfonía, xa que Sibelius frecuentemente empregou tanto números romanos como árabes para referirse aos temas, motivos ou pasaxes ao longo dunha composición. Virtanen proporciona unha nova nota de precaución: "Debemos ser conscientes de que [os fragmentos] son, despois de todo, borradores: inacabados como música, e representan só unha certa etapa na planificación dunha nova composición".[38]

A pesar das súas reservas, en outubro de 2011 Virtanen participou xunto con outro estudoso, Vesa Sirén, na preparación de tres dos máis desenvolvidos fragmentos para ser interpretados. Os bosquexos foron copiados e ordenados, mais nada non escrito por Sibelius foi engadido ao material. Obtívose a autorización dos titulares dos dereitos de Sibelius, e John Storgårds, director principal da Helsingin kaupunginorkesteri, aceptou tocar e gravar estes extractos nunha sesión de ensaio da orquestra o 30 de outubro de 2011. As pezas comprenden unha parte introdutoria de en torno a un minuto de duración, un fragmento de oito segundos que pode formar parte dun scherzo, e un recorte final novamente de música orquestral de en torno a un minuto de duración. Sirén describe a música como "extraña, poderosa, e con audacia, harmonías picantes, un paso ao novo despois de Tapiola e a música para The Tempest".[39] Stearns dá unha visión máis detallada: "O primeiro fragmento é o clásico anuncio de Sibelius dun primeiro movemento. Hai un trono orquestral refinado que abre a porta a un mundo harmónico que é de Sibelius só, mais ten estrañas disonancias a diferenza de calquera outra obra. Outro reflexo soa como o principio dun scherzo, sorprendentemente como primavera cun solo de frauta optimista. Outro fragmento ten un solo de fagot clásico en Sibelius, o tipo que fala das cousas primarias e vai a un inframundo escuro, invernal".[40]

Especulación[editar | editar a fonte]

Despois do último poema sinfónico, en 1926, non había máis obras maiores ... O silencio de esfinxe parecía o resultado dunha traxectoria inexorable. Sibelius agora elevado non como un mero monumento nacional finlandés, senón como a encarnación do duro norte, xeado, inescrutable, castigado. A súa autoridade, especialmente nos anos 1920s e 1930s, foi enorme. ... Case non había un compositor de sinfonías durante esta época, especialmente en Gran Bretaña e América, que non estivera profundamente -e frecuentemente de xeito aberto, mesmo con reverencia- en débeda co seu exemplo. A Primeira Sinfonía (1931-5) de ... William Walton ... podería ter pasado facilmente pola Oitava de Sibelius."
—Richard Taruskin: Music in the Nineteenth Century (2010)[41]

Aínda que só o primeiro movemento, copiado por Voigt, está plenamente aceptado que foi completado, a escala prevista e o carácter xeral da Oitava Sinfonía poden inferirse de varias fontes. A correspondencia de Sibelius con Voigt e cos seus encadernadores, en 1933 e 1938 respectivamente, indican a posibilidade dunha obra dunha notable grande escala.[20] Hai máis probas -á parte da visita durante a posguerra de Fougstedt a Ainola, onde viu un borrador da sinfonía con partes corais- que mostra que en efecto podería conter elementos corais; unha carta nos arquivos da familia Voigt, evidentemente escrita por Sibelius, contén a indicación "Bitte weder den Titel noch chortext zu schreiben" (Por favor non escribir o texto do coro ou o título da obra). Isto pode referirse á Oitava, ou posiblemente a unha das súas obras corais anteriores que el puido ter estado revisando.[42]

Sobre a natureza da música, tanto Virtanen como Andrew Mellor de Gramophone detectan indicios de Tapiola, particularmente no primeiro dos tres extractos.[38][43] Kilpeläinen apunta a algunhas das obras menores de Sibelius, en particular as Cinco Esquisses para piano Op. 114 (1929), como evidencia de que nos seus anos finais como compositor Sibelius foi "progresando cara a unha linguaxe máis abstracta: imaxes claras e eternas pouco tocadas polas paixóns humanas".[16] Máis orixinalidade, di Kilpeläinen, encóntrase na música para órgano de Surusoitto, composta en 1931 para o funeral do amigo de Sibelius Akseli Gallen-Kallela, unha obra que Aino Sibelius admitiu que podía ter estado baseada en material da Oitava Sinfonía: "A nova sinfonía", pregunta Kilpeläinen, "polo tanto representa tamén un son moderno a diferenza do seu estilo anterior, con sombríos, tons abertos, e disonancias non resoltas?"[16] Despois da gravación dos fragmentos, Storgårds puido recoñecer o estilo tardío do compositor, engadindo que "as harmonías son tan salvaxes e a música tan excitante que me encantaría saber como continuou con isto".[39] O único comentario conservado de Sibelius sobre a música en si, a diferenza dos seus informes ocasionais sobre o progreso da obra, é un comentario a Schnéevoigt en decembro de 1932: "Non tes idea do intelixente que é".[23]

Os estudosos e críticos están divididos nas súas visións sobre o valor dos fragmentos recuperados. Por unha banda, Josephson está convencido de que existe material suficiente para unha reconstrución da sinfonía completa e espera ansiosamente a realización deste traballo.[25] Esta visión é compartida por Stearns: "Non hai absolutamente ningunha razón para non intentar a conclusión".[40] Outros, con todo, son máis circunspectos: Virtanen, en particular, salienta que aínda que a música é irrefutablemente do Sibelius tardío, non foi establecido nada para a Oitava Sinfonía fóra de toda dúbida.[38] Sirén, que xogou un papel destacado na organización da interpretación dos fragmentos, pensa que a conclusión é imposible coa base dos bosquexos existentes,[39] e estaría pendente de novos descubrimentos.[43] El tamén supón que Sibelius, tendo rexeitado o traballo, non tería desfrutado escoitando os fragmentos interpretados, un punto de vista que McKenna referenda: "Vendo a interpretación en YouTube, non puiden evitar pensar no decepcionado que o compositor se podería ter sentido de escoitar unha interpretación da súa música inacabada".[18] Revisando os extractos gravados en Gramophone, Mellor salienta que mesmo se outros manuscritos deben saír á luz, os titulares dos dereitos de Sibelius terían todo o control sobre o material e decidirían se a interpretación é axeitada. Mellor conclúe: "Tivemos que esperar uns 80 anos para escoitar menos de tres minutos de música, e o misterio da Oitava non está establecido para revelarse máis rapidamente dende aquí".[43]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hepokoski, James. Grove Music Online, ed. "1865–89: early years" (en inglés). Consultado o 2 de agosto de 2013. (require subscrición (?)). 
  2. Rickards, p. 22
  3. Sirén, Vesa; Hartikainen, Markku; Kilpeläinen, Kari; et al. "Sibelius" website: Sibelius the Man, ed. "Studies in Helsinki 1885–1888" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  4. Rickards, pp. 50–51
  5. Rickards, pp. 68–69
  6. Barnett, p. 115
  7. Hepokoski, James. Grove Music Online, ed. "1898–1904: first international successes and local politics" (en inglés). Consultado o 2 de agosto 2013. (require subscrición (?)). 
  8. Hepokoski, James. Grove Music Online, ed. "1905–11: modern classicism" (en inglés). Consultado o 2 de agosto de 2013. (require subscrición (?)). 
  9. Tawaststjerna, Sibelius: 1904–1914, p. 278
  10. 10,010,1 Hepokoski, James. Grove Music Online, ed. "1912–26: late works" (en inglés). Consultado o 2 de agosto de 2013. (require subscrición (?)). 
  11. Rickards, p. 12
  12. Rickards, p. 203
  13. Rickards, p. 171
  14. Barnett, p. 322
  15. Barnett, p. 309
  16. 16,0016,0116,0216,0316,0416,0516,0616,0716,0816,0916,1016,1116,12 Kilpeläinen, Kari (Outubro-Decembro 1995). "Sibelius Eight: What happened to it?". Finnish Musical Quarterly (4). 
  17. 17,017,117,217,3 Sirén, Vesa; Hartikainen, Markku; Kilpeläinen, Kari; et al. "Sibelius" website: Sibelius the Man, ed. "Writing the eighth symphony 1928–1933" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  18. 18,018,118,218,318,418,5 McKenna, Mark (Novembro de 2012). "Who Stopped the Music". The Monthly (en inglés) (84). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  19. 19,019,119,2 Ross 2008, p. 174
  20. 20,020,120,220,3 Hepokoski, James. Grove Music Online, ed. "1927–57: the silence from Järvenpää" (en inglés). Consultado o 2 de agosto de 2013. (require subscrición (?)). 
  21. Jackson and Murtomäki (eds), p. 19
  22. 22,022,122,2 Stearns, David Patrick (3 de xaneiro de 2012). "One last Sibelius symphony after all?". The Philadelphia Inquirer (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  23. 23,023,123,2 "Jean Sibelius's own comments on his Eighth Symphony". Helsingen Sanomat (International Edition) (en inglés). 30 de outubro de 2011. Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  24. Ross 2008, p. 173
  25. 25,025,125,2 Josephson, Nors (2004). "On Some Apparent Sketches for Sibelius's Eighth Symphony". Archiv für Musikwissenschaft (Franz Steiner Verlag) (61): pp. 54–67. ISSN 0003-9292. JSTOR 4145409. (require subscrición (?)). 
  26. 26,026,1 Sirén, Vesa; Hartikainen, Markku; Kilpeläinen, Kari; et al. "Sibelius" website: Sibelius the Man, ed. "At the height of his popularity 1934–1939" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  27. Rickards, p. 185
  28. 28,028,128,2 Sirén, Vesa; Hartikainen, Markku; Kilpeläinen, Kari; et al. "Sibelius" website: Sibelius the Man, ed. "The war and the destruction of the eighth symphony 1939–1945" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  29. Barnes, Julian (Xaneiro-Febreiro de 2012). "Where Sibelius Fell Silent". Intelligent Life (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  30. Rickards, p. 194
  31. Sirén, Vesa; Hartikainen, Markku; Kilpeläinen, Kari; et al. "Sibelius" website: Sibelius the Man, ed. "The silence of Ainola 1945–1957" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  32. Botstein, Leon (14 de agosto de 2011). The Chronicle of Higher Education (online), ed. "The Transformative Paradoxes of Jean Sibelius" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  33. Ross, Alex (9 de xullo de 2007). "Apparition in the Woods". The New Yorker (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  34. Barnett, p. 352
  35. Schonberg, p. 96
  36. Service, Tom (20 de setembro de 2007). "The silence of Sibelius". The Guardian (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  37. Ross 2008, p. 176
  38. 38,038,138,2 Virtanen, Timo (2011). BIS Records: Sibelius edition, ed. "Jean Sibelius's Late Sketches and Orchestral Fragments" (PDF) (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  39. 39,039,139,2 Sirén, Vesa (30 de outubro de 2011). "Is this the sound of Sibelius's lost Eighth Symphony?". Helsingen Sanomat (International Edition) (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  40. 40,040,1 Stearns, David Patrick (16 November 2011). artsjournalblogs, ed. "The Sibelius 8th: Can it be completed?" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  41. Taruskin 2010, pp. 822—3
  42. "Sibelius letters unearthed from document case". Helsingen Sanomat (International Edition) (en inglés). 30 de outubro de 2011. Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  43. 43,043,143,2 Mellor, Andrew (17 de novembro de 2011). "Helsinki Philharmonic plays Sibelius' Eighth fragments". The Gramophone (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

W.gl.Sibelius oitava.png

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barnett, Andrew (2007). Sibelius (en inglés). New Haven, Conn.: Yale University Press. ISBN 978-0-300-11159-0. 
  • Jackson, Timothy L.; Murtomäki, Veijo, eds. (2001). Sibelius Studies (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 0-521-62416-9. 
  • Rickards, Guy (2008). Jean Sibelius (en inglés). Londres: Phaidon Press. ISBN 978-0-7148-4776-4. 
  • Ross, Alex (2008). The Rest Is Noise (en inglés). Londres: Fourth Estate. ISBN 978-1-84115-475-6. 
  • Schonberg, Harold C. (1970). The Lives of the Great Composers (en inglés) II. Londres: Futura Publications. ISBN 0-86007-723-3. 
  • Taruskin, Richard (2010). Music in the Nineteenth Century (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-538483-3. 
  • Tawaststjerna, Erik (1986). Sibelius: 1904–1914 (en inglés). Traducido por Robert Layton. Londres: Faber & Faber. ISBN 0-520-05869-0. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Sinfonía_nº_8_(Sibelius)&oldid=4538499"