Sitta formosa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa

Sitta formosa
Ilustración de Sitta formosa feita por  John Gould e H. C. Richter
Ilustración de Sitta formosa feita por John Gould e H. C. Richter
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: Sitta
Especie: S. formosa
Nome binomial
Sitta formosa
Blyth, 1843

Sitta formosa, é unha especie de aves da familia Sittidae, chamados todos gabeadores. É un gabeador grande, que mide 16,5 cm de lonxitude, que non presenta dimorfismo sexual. As partes superiores son de cor negra e azul celeste, con liñas brancas e azul claras na cabeza e coas plumas remeiras flanqueadas coas mesma cores. As partes inferiores son laranxas e a zona sobre os ollos e a gorxa son de cor ocre. Unha liña escura irregular salienta os seus ollos. A ecoloxía desta especie non está totalmente descrita, pero sábese que se alimenta de pequenos insectos e larvae que encontra nos troncos e pólas cubertas de plantas epífitas. A reprodución ten lugar de abril a maio; sitúan o niño en ocos de carballos, rododendros ou outras árbores grandes. O niño está feito de material vexetal e pelo de mamíferos e nel poñen normalmente de catro a seis ovos.

Aínda que a especie se encontra na maioría dos países do sueste asiático continental, pero parece ser escaso ao longo da súa área de distribución, e a súa poboación está moi localizada en determinadas zonas. A ave aniña principalmente en bosques de montaña a alturas desde os 950 m ata os 2 300 m, con algúns axustes de altura estacionais, baixando ata os 300 m en inverno. A súa localización aparente na súa área fai difícil estimar a súa poboación, pero o seu hábitat está ameazado pola deforestación e a especie parece estar en declive. Foi clasificada como especie vulnerable pola IUCN.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Os gabeadores constitúen o xénero Sitta de pequenas aves paseriformes da familia Sittidae,[2] caracterizados por teren ás curtas e comprimidas, colas cadradas de 12 plumas, un corpo compacto, peteiros bicudos e alongados, dedas fortes con garras longas, e en comportamento, teñen unha característica forma de baixar os troncos cabeza abaixo. A maioría dos gabeadores teñen partes superiores grises ou azuladas e unha liña negra no ollo.[3][4]Sitta deriva do nome grego que se lle daba aos gabeadores, σίττη, sittē.[5] O xénero pode ser subdividido en sete subxéneros,[6] e S. formosa é situada soa no subxénero propio Callisitta (Bonaparte, 1850),[7] e a especie é denominada ás veces Callisitta formosa.[8]

S. formosa foi descrita inicialmente en 1843 polo zoólogo británico Edward Blyth, a partir dun espécime que examinou en Darjeeling.[8][9] O seu parentesco con outros membros do xénero non está claro. A vistosa cor azul da súa plumaxe invita a comparalo con Sitta azurea, ou outros gabeadores predominantemente azuis como S. frontalis, S. solangiae e S. eonochlamys, pero a súa distribución está centrada nos Himalaias orientais, pero as características únicas da súa plumaxe son un argumento en contra desa idea.[10] Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional e o ornitólogo Alan P. Peterson, non se identificou ningunha subespecie.[11][12]

En 2014, Eric Pasquet, et al. publicaron unha filoxenia baseada no exame do ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores.[4][13] A posición de S. formosa dentro do xénero non foi establecida con certeza, xa que ten unha asociación estatística moito máis baixa que outras especies no modelo. Non obstante, segundo o descuberto, a especie parece estar moi próxima evolutivamente a tres clados de gabeadores: dous gabeadores que prefiren ambientes rochosos, S. neumayer e S. tephronota; especies do grupo "europaea", incluíndo S. europaea, S. arctica, S. nagaensis, S. cashmirensis, S. castanea, S. cinnamoventris e S. neglecta; así como S. himalayensis, e, por tanto, S. victoriae. Estes tres grupos de parentes próximos son todos xeralmente especies que pechan a entrada do seu niño con lama.[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

Debuxo que mostra as principais características morfolóxicas da especie

A especie foi descrita por Erik Matthysen no seu tratado de 1998 The Nuthatches, no que salientaba que tiña[14] unha distintiva plumaxe. A súa parte superior é negra e azul celeste, e a inferior laranxa. O seu píleo e manto superior son negros, con liñas azul claras e brancas. A zona escapular, dorso e cadeiras son azuis celestes. As plumas coberteiras maiores e medias son negras, cunhas finas beiras brancas, formando dúas barras estreitas nas ás; as plumas remeiras son negras e máis ou menos con liñas azul claras. O sobrancello e gorxa son brancas e beis e os ollos están salientados por unha liña ocular escura irregular. Baixo a á, a base branca das coberteiras primarias contrasta fortemente coas coberteiras grises de debaixo da cola, un trazo distintivo cando se observa a á en voo. O iris é marrón avermellado ou marrón escuro e o peteiro é negro excepto a base da mandíbula inferior, que é abrancazada. As partes inferiores son xeralmene de cor laranxa. As patas e pés son marróns amarelados, marróns oliváceos ou marróns agrisados.[15]

Non hai dimorfismo sexual nesta especie.[16] Os inmaturos son moi similares aos adultos, pero as liñas no manto son azuis en vez de brancas. As coberteiras primarias dos inmaturos están tamén máis densamente aliñadas de azul, e as partes inferiores son claras en conxunto, especialmente no peito. Os adultos realizan unha muda completa despois da tempada reprodutora, mentres que os inmaturos só presentan unha muda parcial, nas cales substitúen un número variable de plumas temoneiras.[16]

É unha ave grande en comparación con outros membros do xénero Sitta, que mide 16,5 cm de lonxitude.[16][17][18] A corda alar mide de 98 a 109 mm nos machos e de 97 a 100 mm nas femias. A cola é de 48 a 60 mm nos machos e de 52 a 56 mm en femias. O peteiro mide entre 20 e 24,9 mm e a lonxitude do tarso está entre 19 e 22 mm. O peso non se coñece.[16]

Ecoloxía e comportamento[editar | editar a fonte]

Vocalización[editar | editar a fonte]

As vocalizacións de S. formosa[19] non se coñecen ben, pero o seu canto descríbese como "de ton grave e doce".[16] A súa chamada é a típica dos gabeadores, e similar á do gabeador azul (Sitta europaea), pero menos estridente.[16]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Pólas de árbores en Bután cubertos de epífitas.

Esta especie aliméntase en solitario, en pares ou en pequenos grupos de catro ou cinco individuos,[20] aínda que tamén se observou unha agrupación pouco común de 21 individuos nunha árbore en Bután.[21] A miúdo forman parte de bandadas de alimentación de varias especies,[20] e foi observado alimentándose xunto coas especies Cutia nipalensis e a Sitta frontalis, que buscan comida nos troncos das árbores. Outros socios nas bandadas detectados son Psarisomus dalhousiae, Dicrurus remifer, Oriolus traillii e Pomatorhinus schisticeps.[21]

S. formosa aliméntase en toda a metade superior do tronco das árbores, explorando o tronco e as pólas cubertas de plantas epífitas (liques, musgos, orquídeas), procurando pequenos insectos, pero tamén buscan nas pólas exteriores. En Laos, os individuos observáronse alimentándose nas grandes pólas de Fokienia hodginsii, unha árbore que está frecuentemente cuberta de epífitas.[21] Esta especie foi ás veces descrita como a máis tímida dos sítidos.[16] Busca alimento da maneira típica de moitos outros membros do seu xénero, ás veces cabeza abaixo e actuando moi de vagar.[21][10] Os contidos estomacais de espécimes recollidos en China consistían en escaravellos e larvas de insectos.[21]

Reprodución[editar | editar a fonte]

A reprodución desta especie non foi ben estudada. No nordés da India, a tempada reprodutora vai de abril a maio. O niño está situado lonxe do chan, entre dous e oito metros de altura, e a miúdo constrúeno nun oco dun carballo (vivo ou morto) ou rododendron, ou ás veces noutras árbores grandes. Para construír os niños usan follas e codias, uníndoos con pelos, xeralmente de ratas do bambú (Rhizomyini). Se a abertura do niño é demasiado grande, a ave ceméntao con lama para reducir o tamaño da entrada. A ave xeralmente pon de seis a oito ovos brancos con pintas vermellas, que miden 20,8×15,3 mm.[10] Os dous sexos comparten por igual os traballos da construción do niño e a incubación.[22]

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Distribución aproximada no sueste de Asia, elaborada por Simon Harrap (1996)[23]

Esta especie vive no leste do Himalaia, e en varios sitios espallados do sueste asiático, no noroeste de Vietnam e en Laos central. O seu rango esténdese ao oeste ata o noroeste da India, onde se detectou en Darjeeling en Bengala Occidental, pero non se volveu a ver alí desde 1933.[21] Está presente en Bután, e nos estados indios de Sikkim (na cidade de Rangpo), en Meghalaya (nas Montañas Khasi), en Assam (no distrito Dima Hasao), no sur de Arunachal Pradesh, e en Manipur e Nagaland. A súa presenza en Bangladesh é incerta pero encóntrase no norte de Birmania, no estado Chin (nos bosques de montaña das montañas Chin-Arakan Yoma), na rexión de Sagaing do estado Kachin e no estado Shan. Os datos sobre esta ave en Laos son erráticos, pero hai informes de avistamentos ao norte de Phou Kobo, e de grandes cantidades de individuos que pasan o inverno no centro do país na natureza virxe da zona de Nakai–Nam Theun. Hai tamén informes de avistamentos no sueste da provincia chinesa de Yunnan, no norte de Tailandia e noroeste de Vietnam.[16] A súa área residencial e reprodutora estímase que cobre uns 376 000 km2.[24]

A ave no seu hábitat natural en Bután

S. formosa habita normalmente no interior e zonas lindantes de bosques de montaña perennes ou semiperennes, aínda que no norte de Birmania aniñan en árbores espallados en áreas abertas.[16] No centro de Laos, a ave atopouse asociada coas Fokienia perennes.[24] Xeralmente vive a altitudes desde 950 m a case 2 300 m durante as estacións cálidas pero poden realizar migracións verticais estacionais. En India, por exemplo, a especie pasa o inverno entre os 1 500 e os 2 100 m de altura, pero observouse durante o inverno a só 335 m en Sikkim, e no nordés de Arunachal Pradesh a 460 m e entre os 600 e os 800 m. En Birmania, foron observados entre os 975 e os 1 830 m, na China entre os 350 m e os 1 975 m, en Laos entre os 1 950 e os 2 000 m e en Tailandia, a única observación da especie foi a unha altura de 2 290 m.[16]

Ameazas e protección[editar | editar a fonte]

S. formosa sempre foi moi rara e cunha distribución moi localizada,[21] quizais debido aos seus requirimentos específicos ecolóxicos, aínda que isto foi cuestionado, xa que non concorda coa divdersidade de hábitats nos que foi observada a especie.[20][21] Aínda que a especie está menos ameazada en alturas elevadas, o seu hábitat foi reducido pola deforestación, debido ás cortas e retroceso do bosque para ao establecemento e actividades humanas.[16][21] No centro de Laos e no norte de Vietnam, as árbores de Fokienia, que son unha fonte de alimentación e de sitios de nidación para a especie, son cortadas polo seu alto valor comercial.[24] Investigacións realizadas en 2001 indicaron que había unha poboación entre 2 500 a 10 000 adultos, e entre 3 500 e 15 000 individuos totais; estas cifras están en declive. A especie foi clasificada como vulnerable pola Unión Internacional para a Conservación da Naztureza (IUCN).[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 "Sitta formosa". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o May 7, 2014. 
  2. Sibley, David; Elphick, Chris; Dunning, John Barnard (2001). Sibley guide to bird life and behavior. Alfred A. Knopf. p. 434. ISBN 978-0-679-45123-5. 
  3. Hoyo, Josep del; Elliott, Andrew; Christie, David A. (2008). "Sittidae (Nuthatches): Systematics". Handbook of the Birds of the World: Penduline-tits to Shrikes 13. Lynx Edicions (HBW Alive for online version). 
  4. 4,04,14,2 Pasquet, Eric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (April 2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology. doi:10.1007/s10336-014-1063-7. 
  5. Jobling, James A. (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Christopher Helm. p. 357. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Son Callisitta, Poecilositta, Oenositta, Sitta, Mesositta, Micrositta e Leptositta.
  7. Matthysen 2010, pp. 269–270.
  8. 8,08,1 Blyth, Edward (1843). "Mr. Blyth's monthly report for December meeting 1842, with addenda subsequently appended". Journal of the Asiatic Society of Bengal 12 (143): 925–1,011. 
  9. Peters, James Lee (1967). Raymond A. Paynter Jr., ed. Check-List of Birds of the World XII. Museum of Comparative Zoology. p. 128. OCLC 605148103. 
  10. 10,010,110,2 Harrap 1996, pp. 173.
  11. "Nuthatches, Wallcreeper, treecreepers, mockingbirds, starlings & oxpeckers". Version 6.4. International Ornithological Congress (IOC) World Bird List. October 22, 2016. Family Sittidae. Arquivado dende o orixinal o January 7, 2017. 
  12. Peterson, Alan P. (August 21, 2016). "Entry for Sitta formosa in Zoonomen – Zoological Nomenclature Resource". Version 1.018. Passeriformes: Sittidae Lesson 1828 – Listing with subspecies. Arquivado dende o orixinal o January 7, 2017. 
  13. As 21 especies están entre as 24 recoñecidas que constitúen este xénero por Harrap e Quinn en 1996. Destas, o estudo omitiu Sitta castanea, Sitta solangiae e Sitta victoriae. Porén o Congreso Ornitolóxico Internacional recoñecía 28 especies en 2012, baseándose na elevación de catro taxons da categoría de subespecie á de especie, incluíndo Sitta przewalskii e tres especies do grupo europaea.
  14. Matthysen 2010, p. 232.
  15. Harrap 1996, p. 171.
  16. 16,0016,0116,0216,0316,0416,0516,0616,0716,0816,0916,10 Harrap 1996, pp. 172.
  17. En comparación, os gabeadores máis pequenos, os Sitta pusilla de Norteamérica, e o seu parente de Asia Sitta pygmaea miden respectivamente, 105 mm e 110 mm, mentres que Sitta magna, a máis grande do xénero, mide 19,5 cm.
  18. Harrap 1996, p. 130.
  19. Xenocanto
  20. 20,020,120,2 Harrap 1996, pp. 172–173.
  21. 21,021,121,221,321,421,521,621,721,8 Hokkaido Institute of Environmental Sciences and Japan Science and Technology Agency. "Beautiful Nuthatch Sitta formosa" (PDF). BirdBase. Arquivado dende o orixinal (PDF) o March 4, 2016. Consultado o April 29, 2014. 
  22. Hume, Allan Octavian (1890). The Nests and Eggs of Indian Birds (2nd ed.). London: R. H. Porter. p. 146. OCLC 216484499. 
  23. Harrap 1996, pp. 48–49.
  24. 24,024,124,2 Benstead, P.; Gilroy, J. "Beautiful Nuthatch - BirdLife Species Factsheet". BirdLife International. Consultado o 29 de abril de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Sitta_formosa&oldid=4588078"