Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Sobrado dos Monxes")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°02′20″N 08°01′21″O / 43.03889, -8.02250

Mosteiro de Sobrado dos Monxes.

O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes é un mosteiro cisterciense situado no concello de Sobrado, na comarca da Terra de Melide.

Historia[editar | editar a fonte]

Vista do mosteiro.

Posibelmente fundado no ano 952 nun primeiro momento (aparece citado en documentos de finais do século X co nome de "San Salvador"), pouco se sabe sobre os primeiros cento cincuenta anos da súa historia. A principios do século XII o mosteiro está abandonado.

Foi fundado de novo no ano 1142, cando San Bernardo envía desde Claraval (Francia), de onde é abade, unha comunidade de monxes chamados por Fernando Pérez de Traba e a súa sobriña dona Urraca Vermúdez.[1] O 14 de febreiro de 1142 comezou en Santa María de Sobrado a vida monástica cisterciense. Durante o resto do século XII e o século XIII o mosteiro desenvolveu unha grande actividade espiritual e económica. Desta fábrica consérvanse a capela funeraria da Magdalena, a sala capitular e algunhas partes soltas.

Coñeceu despois unha etapa de decadencia que se detén no ano 1498, ao incorporarse a Congregación de Castela. O mosteiro recuperou parte da súa grandeza; a maioría dos edificios conservados comezaron a construírse a partir desta nova época. A monumental igrexa foi rematada a finais do século XVII e consagrouse en 1708.

Santa María de Sobrado sufriu unha nova etapa de decadencia que culminou o 21 de setembro de 1834, cando coa desamortización o mosteiro quedou suprimido por real orde. O mosteiro de Santa María de Sobrado, os seus edificios e posesións foron vendidos. Iniciouse unha deterioración progresiva dos edificios, que acabaron converténdose en ruínas. En xullo de 1836, no marco da primeira guerra carlista, o xeneral Miguel Gómez Damas puxo cerco a un grupo de militares que se refuxiaron no mosteiro. Logo de cinco días de sitio proseguiu o seu camiño cara a Santiago de Compostela pola proximidade das tropas de Baldomero Espartero.[2].

No ano 1954, por encargo do cardeal Quiroga Palacios, Arcebispo de Santiago, o Mosteiro Cisterciense de Viaceli, situado en Cóbreces (Cantabria) comeza a tarefa de reconstrución de Sobrado; e no mes de xullo de 1966 envía unha comunidade de monxes. O 25 de xullo de 1966, comeza de novo a vida monástica cisterciense no Mosteiro.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Facendo arco de entrada ao recinto do mosteiro atopamos a "Casa das Audiencias", chamada así por ser o lugar onde o abade do mosteiro exercía a súa xurisdicción sobre os seus súbitos.

O edificio principal distribúese en tres claustros:

Claustro dos Peregrinos

O de entrada ou dos peregrinos, porque é aquí onde son acollidos.

Claustro dos Medallóns

A seguir deste, o claustro dos medallóns, polos relevos colocados na parte superior. Neste momento acolle a hospedería.

Claustro da Comunidade

O claustro da comunidade, o máis grande de todos, reservado para a vida e actividade da comunidade de monxes.

Igrexa

Acaroada ao edificio principal e con entrada perpendicular á do mosteiro atopamos a igrexa monacal, en estilo cistercience e con fachada barroca.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Claustro dos medallóns. 
Claustro de entrada ou de peregrinos. 
Detalle do Claustro dos medallóns 
Detalle da fachada da igrexa. 
Interior da sala capitular. 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Documentación monástica medieval galega" (PDF). Gallaeciae Monumenta Historica: Consello da Cultura Galega. Consultado o 21 de xuño do 2016. 
  2. Otero Pedrayo, R. (15 de xuño de 1927). "O século XIX. Unha vida". Nós. pp. 6–9. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Mosteiro_de_Santa_María_de_Sobrado_dos_Monxes&oldid=5263344"