Suite Lemminkäinen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de Jean Sibelius en 1892, obra de Eero Järnefelt.

A Suite Lemminkäinen, Op. 22, é unha obra composta polo compositor finlandés Jean Sibelius, escrita orixinalmente entre 1893 e 1895.[1] Está baseada na epopea nacional finlandesa do Kalevala e supuxo o retorno do compositor ás obras orquestrais a gran escala despois da crise que viviu en torno á composición dunha ópera.

Historia[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Pintura de Akseli Gallen-Kallela do Symposium realizada en 1894. Dende a esquerda: Akseli Gallen-Kallela, Oskar Merikanto, Robert Kajanus e Jean Sibelius.

Jean Sibelius naceu en 1865 en Finlandia, dende 1809 un gran ducado dependente do Imperio Ruso, tendo estado anteriormente baixo dominio sueco durante varios séculos.[2] O país estaba dividido entre unha minoría culturalmente dominante de fala sueca, á que pertencía a familia de Sibelius, e unha maioría cunha mentalidade máis nacionalista e de fala finlandesa, ou "Fennoman".[3] En torno a 1889 Sibelius coñeceu á súa futura muller, Aino Järnefelt, que viña dunha familia de Fennoman acérrimos.[4]

Logo de dous anos estudando en Berlín e Viena, en 1891 Sibelius regresou a Finlandia, onde o 10 de xuño do ano seguinte casou con Aino Järnefelt.[5] A asociación de Sibelius cos Järnefelt axudou a espertar e desenvolver o seu nacionalismo; o mesmo ano do seu matrimonio con Aino, compuxo a súa primeira obra abertamente nacionalista, a suite sinfónica Kullervo.[6] Tralo enlace a parella pasou a súa lúa de mel preto de Lieksa grazas a unha bolsa de estudos que lle concederon para estudar interpretación de kantele e canto rúnico en Carelia, onde Sibelius profundou na tradición popular finlandesa e atopou tempo para comezar a compoñer En Saga e para revisar as cancións sobre textos de Runeberg Under strandens granar, Kyssens hopp e Till Frigga.[5] Ao longo da década de 1890, cando o control ruso sobre o ducado se tornou cada vez máis opresivo, Sibelius compuxo unha serie de obras que reflectiron a resistencia finlandesa á dominación estranxeira, que culminaría co poema sinfónico Finlandia.[7]

En outono de 1892 a parella estableceuse en Helsinqui, onde Sibelius retomou a súa amizade rota con Robert Kajanus e Axel Gallén, comezando as sesións do Symposion, nas que os tres artistas debatían cuestións fundamentais da arte. Nesa época ensinaba teoría e violín no Instituto de Música Wegelius e na Escola Orquestral de Kajanus.[8]

En marzo de 1893 produciuse un duro golpe para o compositor logo de que a súa obra Kullervo recibira malos comentarios por parte do crítico do Uusi Suometar, que despois de escoitala dirixida polo propio compositor atopou a obra incomprensible, longa, monótona e aburrida. Ese mesmo mes nacería a primoxénita da parella, Eva, e ao mes seguinte chegou un novo éxito para Sibelius, cando a súa obra coral Väinämöisen venematkaa se estreou con éxito. Nesta época comezou unha etapa wagneriana, e ese mesmo verán planeou a composición dunha ópera baseada nas runas 6 e 16 do Kalevala, e no verán seguinte viaxou ao festival de Bayreuth para somerxerse máis no estilo wagneriano, mais o estudo da Sinfonía Fausto de Liszt:[8]

Concepción[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Veneen luominen.

A obra foi orixinalmente concibida como unha ópera mitolóxica, que levaría por título Veneen luominen (A construción do barco), a unha escala similar á das óperas de Richard Wagner. Posteriormente Sibelius cambiou as súas metas musicais e a obra converteuse nunha peza orquestral en catro movementos. Pouco sobreviviu dos bosquexos da ópera, da que se perdeu o primeiro acto completo, mentres que do segundo consérvanse algunhas escenas, como ocorre co último acto. A visión do argumento como pouco axeitado para a súa dramatización fixo desistir a Sibelius do seu intento por compoñer unha ópera ao estilo wagneriano, e a súa viaxe ao Festival de Bayreuth fixo que se replantexara a súa carreira como compositor tras escoitar as abrumadoras óperas do seu admirado compositor alemán Parsifal e Tristan und Isolde.[9]

A Suite Lemminkäinen foi a cuarta obra orquestral de Sibelius despois dos seus estudos no Conservatorio de Viena entre 1890 e 1891.[1] Na primavera de 1892, ao seu regreso de Viena, Robert Kajanus comunicoulle a Sibelius que os efectivos necesarios para interpretar Kullervo dificultarían as súas posibilidades de levala a cabo. Isto motivou que o compositor comezara a escribir unha composición orquestral que puidera empregarse dun xeito máis flexible, que se convertería no seu primeiro poema sinfónico, En Saga, que foi estreado ao ano seguinte na capital finlandesa.[10]

Pouco despois da recepción pouco entusiasta de En Saga, Sibelius leu o ensaio de Richard Wagner Oper und Drama, que convenceu ao compositor de que a música sen palabras non podía satisfacer á humanidade, polo que planeou compoñer unha ópera mitolóxica sobre un libreto de J. H. Erkko baseado nas runas 8 e 16 do Kalevala e que levaría por título Veneen luominen (en galego A construción do barco). No verán de 1893, finalizou na súa residencia estival de Ruovesi a abertura da ópera, que posteriormente tomaría como movemento da suite baixo o título Tuonelan joutsen.[9] A composición da ópera interrompeuse polo encargo da Música Carelia feito pola Asociación de Estudantes de Viipuri.[8] Cara a finais dese mesmo ano Sibelius presentou o bosquexo do libreto á que daquela era unha das figuras máis influentes nos círculos teatrais e operísticos finlandeses Kaarlo Bergbom, quen porén considerou que o motivo non era o suficientemente dramático para poñer en escena.[9]

Interpretacións e revisións posteriores[editar | editar a fonte]

Caricatura do compositor do Tuonelan joutsen (Cisne de Tuonela), por Alex Federley en 1898.

A principios de abril de 1896, Sibelius comezou os ensaios da Suite Lemminkäinen coa orquestra, mais de novo a orquestra encontrou a obra difícil e case se revelou como xa pasara anteriormente cos ensaios de Kullervo e En Saga, provocando as bágoas da muller do compositor detrás do escenario.[9]

A obra foi estreada o 13 de abril de 1896 en Helsinqui pola Orquestra da Sociedade Filharmónica de Helsinqui baixo a dirección do propio compositor.[9] A primeira e a terceira lendas (Lemminkäinen ja saaren neidot e Lemminkäinen tuonelassa) deixaron perplexos aos oíntes o día da estrea e desagradaron aos críticos, mentres que a segunda e a cuarta (Tuonelan joutsen e Lemminkäisen kotiinpaluu) tiveron un éxito inmediato e foron publicadas con revisións menores en 1900.[11] O crítico Karl Flodin escribiu que "Sibelius conseguiu evitar que o gran infortunio se repetira" e valorou positivamente que a obra se alonxara do "estilo finlandés", porén considerouo solo de corno inglés de Tuonelan joutsen era "estupendamente longo e aburrido". Flodin tamén cuestionou a forma na que Sibelius "cativa aos oíntes coa atmosfera, a modulación e a violencia hipnótica". Porén, o crítico de fala finlandesa Oskar Merikanto loou a atmosfera finlandesa da obra coas seguintes palabras: "En Lemminkäinen admiramos a un compositor maduro, un artista que alcanzou a mestría en todos os sentidos, e unha composición, que debe ser recoñecida no primeiro posto entre as nosas composicións, tanto respecto á súa forma como no seu contido".[9]

Se ben a xente quedou sorprendida polos eloxios de Flodin, Sibelius non quedou completamente convencido co resultado da obra, polo que traballou nos movementos máis longos entre 1896 e 1897 para poñelos ao lado dos outros dous.[9][11] Logo de reescribir parte da obra dirixiu a estrea da nova versión o 1 de novembro de 1897, novamente coa orquestra da Sociedade Filharmónica da capital finlandesa, ante unha sala ateigada de espectadores que ovacionaron ruidosamente ao compositor. Merikanto escribiu posteriormente sobre o concerto:[9]

Foi como se o público tivera, por primeira vez, axitado a man do noso máis brillante compositor cunha calidez real, e lle dixera: grazas polas súas obras de xenio; agora o comprendemos e estamos orgullosos de vostede!

As verbas de Merikanto contrastaban coa devastadora crítica de Flodin, que sentenciou:[9]

Este tipo de música séntese francamente patolóxida e as impresións que deixa son confusas, dolorosas e vagas, xa que teñen moi pouco en común con ese ascético pracer que todas as belas artes e a música en particular deben espertar (...) O feito de que Sibelius é un xenio -isto é algo que el escoitou con suficiente frecuencia para atreverse a empregar o seu dereito a camiñar os seus propios camiños. Que así sexa. Mais unha arte que non pode facer a un humano ser máis nobre ou feliz, aínda que só sexa por un momento, é verdadeiramente balanceada na crista dunha onda e afundirase sen deixar rastro.

A crítica de Flodin deprimiu ao compositor, que non obstante cría no valor de Tuonelan joutsen e Lemminkäisen kotiinpaluu, polo que as mantivo no repertorio. Sibelius non se enganaba, e foron estas dúas partes da Suite, xunto con Finlandia e a súa Primeira Sinfonía, as obras coas que alcanzou o seu éxito internacional a principios do século XX. Por contra, as outras dúas partes da Suite permaneceron esquecidas durante décadas e o compositor nunca máis as dirixiu.[9]

As partituras permaneceron nun caixón ata 1935, case unha década despois de que o compositor rematara oficialmente a súa composición, e en 1939 realizou as revisións "finais", os seus últimos pensamentos para a orquestra.[11] Foi con motivo do centenario do Kalevala o 1 de marzo en 1935 cando Sibelius autorizou interpretacións dos movementos descartados, que desta vez si tiveron unha boa recepción, o que motivou que o compositor revisara a obra autorizara a súa publicación.[9] Porén, o estoupido da Segunda Guerra Mundial atrasou a súa publicación, que finalmente se produciría en 1954, sendo publicada no seu conxunto.[1]

Características e argumento[editar | editar a fonte]

Tres dos poemas da suite están baseados na personaxe de Lemminkäinen, da epopea nacional finlandesa do Kalevala.[1] A obra pode ser tamén considerada unha colección de poemas sinfónicos. A segunda/terceira parte, Tuonelan joutsen (O cisne de Tuonela), é frecuentemente interpretada de xeito independente. A Suite Lemminkäinen non é unha obra de música programática no sentido en que a música segue o argumento narrado.[9]

No primeiro poema sinfónico, o principal suxeito dos grupos en mi bemol maior caracteriza primeiro ao sedutor e posteriormente á música de danza das súas conquistas sen ser especificamente pictóricos, como Richard Strauss fora unha década antes en Don Juan. A estrutura nos poemas primeiro e terceiro é orgánica e non convencionalmente sinfónica, desenvolvendo materiais maleables escoitados ao principio e reelaborados, que conducen a un poderoso e dramático clímax. Na cuarta lenda, Lemminkäinen regresa a casa nun exultante mi bemol maior. O estilo sombrío en la menor de Tuonelan joutsen anticipa a linguaxe da Cuarta Sinfonía, cun inquietante corno inglés que caracteriza ao cisne negro.[11]

A Suite Lemminkäinen é no seu conxunto próxima á sinfonía, cun primeiro movemento en forma sonata, un movemento lento, un scherzo e un final feliz. Nesta natureza sinfónica da obra fixo fincapé Sibelius na súa vellez, afirmando:[9]

En realidade teño nove sinfonías, ya que algúns dos movementos de Kullervo e Lemminkäinen están escritos en pura forma sonata.

Con todo, durante a súa composición non empregou o termo "sinfonía". Por outra banda, o subtítulo "catro lendas" implica que cada movemento pode ser interpretado de xeito independente.[9]

Os distintos poemas que conforman a Suite Lemminkäinen foron obxecto de varias revisións nas que o compositor realizou cambios de maior ou menor envergadura, polo que a obra tal e como a coñecemos na actualidade dista da versión estreada en 1896. Os maiores cambios os realizou nos poemas impares (Lemminkäinen ja saaren neidot e Lemminkäinen tuonelassa), que foron os que menos convenceron ao compositor. Algunhas modificacións destacables da segunda revisión (1897) son a eliminación da pandeireta e o carillón en Lemminkäinen ja saaren neidot, onde engadiu novo material na parte central; outra modificación importante, desta vez en Lemminkäinen tuonelassa, foi a supresión de moitas das elaboracións do material musical.[9]

Movementos[editar | editar a fonte]

Lemminkäinen ja saaren neidot

Lemminkäinen ja saaren neido comeza coas chamadas das trompas, mentres que as cordas imitan o movemento das ondas, e as madeiras anuncian fragmentos temáticos que establecen o marco para o encontro de Lemminkäinen e as doncelas. A "melodía infinita" pode asociarse ao apaixonado Lemminkäinen, ou como sinala Erkki Salmenhaara, o desexo erótico en xeral, un tema que Sibelius xa tratara en Kullervo.[9]

Finalmente os materiais das doncelas e de Lemminkäinen acaban entrelazados, e o ambiente se calma na coda.[9]

Tuonelan joutsen

Este poema é un exemplo espléndido da escura orquestración de Sibelius. O compositor omite as frautas, clarientes e trompetas, e eleva ás cordas ao rexistro agudo, deixando espazo a un longo solo de corno inglés apoiado polas respostas do violonchelo.[9]

Unha das características máis destacadas do movemento é o carácter estático da música, que crea un estado no oínte case de transo, e que influiu en compositores posteriores como György Ligeti, Arvo Pärt e Kaija Saariaho, que tamén empregaron fórmulas estáticas nas súas composicións.[9]

Lemminkäinen tuonelassa

O terceiro poema sinfónico presenta a música máis operística da suite. Mentres que no movemento precedente Tuonela era un lugar de paz e morte, agora os espíritos parecen terse levantado, xa que o heroe atreveuse a ir e collero sagrado cisne de Tuonela. Sibelius crea esta atmosfera infernal empregando un tremolo nas cordas baixas, e o tempo tórnase máis rápico e o motivo do "inferno" soa nos ventos antes volverse sorprendentemente impresionista. Os tremolos son omitidos na secuencia "largamente", que conduce a unha sección media realizada polos violíns e a pandeireta.[9]

O tema adquire un ton máis finlandés e a música describe á nai de Lemminkäinen, representado o amor maternal. Os tremolos nas cordas apoiadas polos metais poden representar a loita ou o espertar dos mortos de Lemminkäinen.[9]

Lemminkäisen kotiinpaluu

O tema inicial de Lemminkäisen kotiinpaluu, tocado polo fagot, inclúe un motivo embrionario de tres notas, que vai variando ao longo de todo o rondó final. Neste poema sinfónico faise evidente que a técnica de desenvolvemento motívico de Sibelius era xa maxistral nesta época.[9]

Argumento[editar | editar a fonte]

Episodio Tradución Sinopse
Lemminkäinen ja saaren neidot Lemminkäinen e as doncelas da illa O primeiro poema sinfónico da suite está baseado na 29ª runa ("Conquistas"[12]) do Kalevala, no que Lemminkäinen viaxa a unha illa e seduce a moitas das mulleres de alí, antes de fuxir da ira dos homes da illa.
Tuonelan joutsen O cisne de Tuonela Baseado na runa 14ª.[13] Este é o máis popular dos catro poemas sinfónicos e frecuentemente é interpretado só en programas orquestrais. Conta cun destacado solo de corno inglés. A música debuxa unha tea de araña, unha imaxe transcendental dun mítico cisne nadando arredor de Tuonela, a illa dos mortos. Lemminkäinen recibiu o encargo de matar ao cisne sagrado, mais no camiño lle disparan unha frecha envelenada que o mata.
Lemminkäinen tuonelassa Lemminkäinen en Tuonela Baseado nas runas 14ª ("Alce, cabalo, cisne"[14]) e 15ª ("Resurrección"[15]). Lemminkäinen está en Tuonela, o reino dos mortos, para disparar ao Cisne de Tuonela para poder pedir en matrimonio á filla de Louhi, señora da Terra do Norte. Con todo, o cego da Terra do Norte mata a Lemminkäinen, cuxo corpo é botado ao río e desmembrado. A nai de Lemminkäinen infórmase da súa morte, viaxa a Tuonela, recupera as partes do seu corpo, as volve unir e devólvelle á vida.
Lemminkäisen kotiinpaluu O regreso de Lemminkäinen A historia da partitura aproximadamente paralela ao final da runa 30 ("Jack Frost"[16]), na que despois das súas aventuras na batalla, Lemminkäinen emprende a viaxa a casa.

A orde dos movementos de arriba correspóndese coa numeración dentro do Op. 22. Con todo, Sibelius revisou a orde en 1947, trasladando os dous movementos do medio, que é a orde na que son tocados na maioría das interpretacións. Por exemplo, na década de 1890 Lemminkäinen tuonelassa foi interpretado en segundo lugar.[9]

Gondwana, de Tristan Murail, incorpora unha pasaxe substancial directamente modelada sobre Lemminkäinen tuonelassa (Lemminkäinen en Tuonela).[17]

Orquestración[editar | editar a fonte]

A Suite Lemminkäinen está escrita para unha orquestra de mediano tamaño, con corno inglés e arpa no segundo movemento, e tuba no cuarto.[11]

Instrumentación da Suite Lemminkäinen[1]
Madeiras
2 frautas (a segunda dobra con piccolo), 2 óboes (o segundo dobra con corno inglés), 2 clarinetes (o segundo dobra co clarinete baixo), 2 fagots
Metais
4 trompas, 3 Trompetas, 3 trombóns, Tuba
Percusión
Timpani, ferriños, bombo, platillos, glockenspiel, caixa, pandeireta
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos, contrabaixos, arpa

Gravacións[editar | editar a fonte]

As versións orixinais de Lemminkäinen ja saaren neidot e Lemminkäisen kotiinpaluu foron gravadas por Osmo Vänskä á fronte da Sinfonia Lahti (BIS CD-1015)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,11,21,31,4 Los Angeles Philharmonic (ed.). "About the Piece. Lemminkäinen Suite" (en inglés). Consultado o 17 de marzo de 2015. 
  2. Hepokoski, James. Grove Music Online, ed. "1865–89: early years" (en inglés). Consultado o 2 de agosto de 2013.  (require subscrición)
  3. Rickards, p. 22
  4. Sirén, Vesa; Hartikainen, Markku; Kilpeläinen, Kari; et al. "Sibelius" website: Sibelius the Man, ed. "Studies in Helsinki 1885–1888" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2015. 
  5. 5,05,1 sibelius.fi (ed.). "Kullervo and the wedding 1891-1892" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2015. 
  6. Rickards, pp. 50–51
  7. Rickards, pp. 68–69
  8. 8,08,18,2 sibelius.fi (ed.). "The Symposion years 1892-1897" (en inglés). Consultado o 30 de abril de 2015. 
  9. 9,009,019,029,039,049,059,069,079,089,099,109,119,129,139,149,159,169,179,189,199,209,219,22 sibelius.fi (ed.). "Lemminkäinen" (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2015. 
  10. sibelius.fi (ed.). "En Saga" (en inglés). Consultado o 22 de marzo de 2015. 
  11. 11,011,111,211,311,4 Roger Dettmer. AllMusic, ed. "Jean Sibelius. Lemminkäinen Suite: Four Legends from the Kalevala, for orchestra, Op. 22" (en inglés). Consultado o 16 de marzo de 2015. 
  12. Lönnrot (1989), pp. 401-417
  13. Kregor, Jonathan. Cambridge University Press, ed. Program Music (en inglés). ISBN 978-1-107-65725-0. 
  14. Lönnrot, (1989) pp. 155-167. Bosley, trans.
  15. Lönnrot (1989), pp.168-186.
  16. Lönnrot (1989), p. 431.
  17. Grimley, Daniel M., ed. (2004). The Cambridge Companion to Sibelius, p.200. ISBN 978-0-521-89460-9.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lönnrot, Elias (1989)). The Kalevala. Oxford World Classics edition (en inglés) (Oxford University Press). ISBN 978-0-19-281700-6. 
  • Portnow, Alliston (2007). University of North Carolina, ed. Epic Time and Narrativity in Jean Sibelius’s Lemminkäinen Suite (en inglés). 
  • Rickards, Guy (2008). Jean Sibelius (en inglés). Londres: Phaidon Press. ISBN 978-0-7148-4776-4. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Suite_Lemminkäinen&oldid=4245526"