Lagarto arnal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Timon lepidus")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Lagarto arnal
Timon lepidus.jpg
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Orde: Squamata
Suborde: Lacertilia
Familia: Lacertidae
Subfamilia: Lacertinae
Xénero: Timon
Especie: Timon lepidus
Daudin, 1802
Mapa Timon lepidus.png

Subespecies

T. l. ibericus López-Seoane, 1884
T. l. lepidus Daudin, 1802
T. l. nevadensis Buchholz, 1963
T. l. oteroorum Castroviejo & Mateo, 1998

Sinonimia

Lacerta lepida Daudin, 1802

O lagarto arnal[2][3][4] ou lagarto ferreño[4] (Timon lepidus, antes Lacerta lepida), é unha especie de lagarto propio de Europa suroccidental. Vive tamén en Galicia, onde é un dos lagartos de maior tamaño, xunto co lagarto das silvas. Pode chegar aos 70 cm ou máis de lonxitude total contando o rabo. É de cor verde ou moreno e presenta dúas bandas de pintas (ocelos) azuis no dorso. Durante décadas foi considerado como pertencente ao xénero Lacerta.

Descrición[editar | editar a fonte]

O lagarto arnal é un dos principais membros da familia Lacertidae, e o lacértido máis grande de Europa. O adulto mide de 30 a 60 cm de longo contando o rabo e pode alcanzar ata 90 cm (cabeza e corpo de 24 cm como media), cun peso máximo de máis de 0,5 kg (de 130 a 350 g xeralmente[5]).[6] Os neonatos miden de 4 a 5 cm de longo, excluído o rabo.

Parella de Timon lepidus en Serra Nevada.

É un lagarto robusto. O macho ten a cabeza larga, meirande que a das femias, con placas cefálicas grosas e duras, con patas grosas e fortes, e uñas longas e curvadas. A cor dorsal é xeralmente verde, pero ás veces pode ser gris ou marrón, especialmente na cabeza e o rabo. A isto superponse un punteado negro. A parte inferior é de cor amarelada ou verdosa. O macho é máis brillante que a femia e ten manchas azuis nos seus flancos. Os individuos novos son de cor verde, gris ou marrón, con partes amareladas ou brancas con manchas por todas partes.

Bioloxía e ecoloxía[editar | editar a fonte]

O lagarto arnal é unha especie característica do suroeste de Europa, asociada aos ecosistemas mediterráneos. Encontrámolo distribuído na península Ibérica, sur de Francia, noroeste de Italia e noroeste de África. Na Península só está ausente na parte máis ao norte de Galicia e algunha comarca fría do interor (pero si aparece no resto de Galicia, incluídas as illas atlánticas), na vertente norte da Cornixa Cantábrica, País Vasco e norte de Navarra. Dentro do hábitat mediterráneo parece non depender demasiado dos factores climáticos e pódese encontrar en condicións moi diferentes, pero non se atopou en zonas por debaixo dos 6 °C de temperatura media anual.

Detalle da testa.

É unha especie ubicua, que ocupa toda clase de biótopos, agás aqueles completamente humanizados; encóntrase en terreos con toda clase de cultivos e bosques mediterráneos e de montaña. En xeral, o lagarto arnal é unha especie que prefire áreas con cobertura vexetal non moi elevada, posto que así ten espazos abertos onde poder tomar o sol e refuxios para poderse agochar. En Galicia atopámolo en moi diversos hábitats: claros en bosques, cultivos, dunas, serras, cantís costeiros, pero sempre prefire zonas abrigadas e cálidas. En Galicia está activo de marzo a outubro e despois en inverno agóchase entre pedras ou en galerías ou furas.[7]

Os machos adultos son agresivos e territoriais e o seu período de celo comeza en abril. Os machos loitan ferozmente entre eles e trábanse coas súas fortes mandíbulas. Aparéase coa femia agarrándoa mordéndoa nas costas entre abril e xuño. A femia deposita de 6 a 22 ovos (moi variable) baixo pedras ou en galerías, que tardan en eclosionar de 66 a 88 días (a 25-30 °C) e eclosionan en setembro ou outubro.[7]

En Galicia, aliméntase de coleópteros, himenópteros e outros insectos e caracois, e esporadicamente lagartas ou mesmo ratos, e consome tamén froitos (amoras, uvas etc.). Os seus depredadores son cobras e aves. Nalgunhas partes de España, como Extremadura, cómese, pero nunca en Galicia.[7]

Distribución[editar | editar a fonte]

T. lepidus xuvenil.

É orixinario de Europa suroccidental. Encóntrase en toda a península Ibérica (España e Portugal), e distribúese irregularmente no sur de Francia e no extremo noroeste de Italia. Está dividido en subespecies, que teñen a seguinte distribución:

  • Timon lepidus ibericus - noroeste da península Ibérica (España e Portugal). É a subespecie que se atopa na parte occidental de Galicia e en parte da provincia de Ourense.
  • Timon lepidus lepidus - por toda a Península. En Galicia aparece en zonas do interior de Lugo e Ourense.
  • Timon lepidus nevadensis - sueste de España. Non se atopa en Galicia.
  • Timon lepidus oteroorum - en Galicia na illa de Sálvora.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Juan M. Pleguezuelos, Paulo Sá-Sousa, Valentín Pérez-Mellado, Rafael Márquez, Marc Cheylan, Claudia Corti, Iñigo Martínez-Solano 2008. Timon lepidus. Lista Vermella de Especies Ameazadas da IUCN. Versión 2010.1. <www.iucnredlist.org>. Consultado o 27 de agosto de 2010.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lagarto.
  3. Conde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega.
  4. 4,04,1 Vocabulario forestal, páx. 124, Servizo de Normalización Lingüística, Universidade de Santiago de Compostela, 2012
  5. Silvio, Bruno (1986). Giunti Martello, ed. Guida a Tartarughe e Sauri d'Italia (en italiano). Florence. p. 256. 
  6. http://www.biotropics.com/englisch/html/timon_lepidus.html Arquivado 23 de setembro de 2015 en Wayback Machine..
  7. 7,07,17,27,3 Pedro Galán Regalado, Gustavo Fernández Arias. Anfibios e réptiles de Galicia. Colección Montes e Fontes. Edicións Xerais de Galicia S.A. 1993. Páxinas 288-290. ISBN 84-7507-722-6.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Lagarto_arnal&oldid=5220293"