Tombos da Catedral de Santiago de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os tombos da Catedral de Santiago de Compostela son uns documentos medievais conservados no Arquivo-Biblioteca da Catedral de Santiago de Compostela.

Características[editar | editar a fonte]

Miniatura do rei Afonso VI.
Tombo A, Catedral de Santigo.

Desde o mesmo momento da inventio ou descubrimento no século IX da tumba apostólica, o enorme desenvolvemento político e socioeconómico da nova institución eclesiástica que velaba polo enclave foi impoñendo a conservación, como garante dos seus dereitos, de todo tipo de documentación: real, pontificia, eclesiástica e civil; unha documentación integrada, canda os volumes e códices existentes no thesaurum medieval, recompilados polo primeiro bispo (e despois arcebispo) Diego Xelmírez, na primeira metade do século XII, que foi o primeiro que desenvolveu unha ordenación minimamente arquivística do conxunto, cunha selección de documentación, organización da mesma e copia en novos soportes, dando lugar a volumes como o Tombo A (séculos XII-XIII) na súa primeira fase, cartulario coa documentación rexia dos séculos IX-XIII e cunha galería de miniaturas de reis, raíñas e infantas de Castela e León. Desta centuria destaca tamén o famoso Códice Calixtino, pedra angular da historia medieval xacobea.

É de salientar tamén o traballo desenvolvido, dous séculos despois, no primeiro cuarto do século XIV, polo arcebispo Berenguel de Landoira que, tras sufocar unha revolta urbana en Santiago de Compostela, emprendeu un segundo labor de ordenación, sobre a mesma base de selección, ordenación, organización e copia de documentación para renovar o soporte. Así, prodúcense os tombos B e C, con documentación real, pontificia, eclesiástica e civil. Así, aos poucos, e co paso dos séculos, foise conformando unha masa documental integrada por documentación en tombos, documentos soltos e, posteriormente, atados de época moderna e contemporánea.

Entre os documentos medievais, destacan os seguintes:[1]

  • Os tombos A, B e C, que son os chamados tombos maiores;
  • Os tombos D, E, F, G, H, e os tombiños de Tenzas, Constitucións, Concordias, que son os chamados tombos menores.
  • Compleméntanse cos cadernos e libros de Rendas e Bens da Mitra, do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago; nos libros de Aniversarios e nos libros de Actas Capitulares.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "A documentación eclesiástica galega" (PDF). Gallaeciae Monumenta Historica: Consello da Cultura Galega. Consultado o 9 de marzo de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Tombos_da_Catedral_de_Santiago_de_Compostela&oldid=4815182"