Transilvania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Transilvania (en romanés Transilvania ou Ardeal; en húngaro Erdély; en alemán Siebenbürgen) é unha rexión composta pola zona occidental e central de Romanía. Foi unha formación estadal quasi independente no século X, e novamente un principado dende 1570 e ata 1699 cando se incorporou oficialmente aos territorios da Coroa Habsburga, si ben mantivo un estatuto separado do Reino de Hungría ata 1867.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa de Romanía; a Transilvania, en laranxa

O territorio que forma a Transilvania está no centro da actual Romanía. A chaira transilvana, ten unha altitude entre 300 e 500 m sobre o nivel do mar, e por ela circulan os ríos Mureș, Someș, Criș e Olt, entre outros afluentes do río Danubio. Cluj-Napoca (Kolozsvár; Klausenburg) a cidade principal da zona posúe unha poboación de 318.027 habitantes, outras cidades importantes son: Brașov (Brassó; Kronstadt) (283.901), Sibiu (Nagyszeben; Hermannstadt) (155,045), Târgu Mureș (Marosvásárhely; Meumarkt am Mieresch) (149.577).

Historia[editar | editar a fonte]

A rexión, parte da provincia romana de Dacia, foi anexada polo Reino de Hungría en 1003. En 1526, trala derrota húngara ante os turcos otománs, pasou ser parte da Hungría controlada polo rei Xoán I Zápolyá, e no 1570 co fiilo deste, Xoán II Sexismundo, converteuse nun principado autónomo, baixo a protección do sultán turco.

O rei e príncipe Xoán Sexismundo de Transilvania aceptou o unitarismo, e ditou o primeiro Edito de Tolerancia relixiosa na historia moderna de Europa, en 1568, para permitir a libre práctica relixiosa no seu país, incluído o catolicismo. Neste Edito, non obstante, a relixión ortodoxa, profesada polas clases máis humildes, (en xeral de orixe romanesa), non foi incluída, malia ser a relixión maioritaria.

Durante o reinado do príncipe Gabriel Bethlen (1613–1629), Transilvania converteuse nun centro cultural de Centroeuropa. Bethlen, como príncipe protestante, participou na guerra dos Trinta Anos.

Austria, que reivindicara anteriormente Transilvania, obtivo a posesión do principado polo Tratado de Karlowitz de 1699, que puxo fin á guerra con Turquía.

En 1704 Francisco Rákóczi II foi elixido príncipe de Transilvania e reinou ata a derrota da guerra de independencia húngara en 1711.

En 1765 a rexión converteuse nun principado gobernado por Austria e Hungría. Despois da derrota das revolucións romanesas e húngaras (como parte da Revolución xeral europea de 1848) en 1849 converteuse nun territorio da coroa austríaca. Con todo, os austríacos decidiron crear unha monarquía dual austro-húngara, e os gobernantes húngaros intentaron "hungarizar" ós habitantes de Transilvania, a través das súas leis e decretos discriminatorios. Foi unha práctica común a tódolos territorios controlados entón polos húngaros.

En decembro de 1918 (despois da participación romanesa na primeira guerra mundial) os habitantes de Transilvania votaron a unificación con Romanía, feito que obtivo recoñecemento internacional o 4 de xuño de 1920, tralo Tratado de Trianon.

Hungría mantivo as súas reivindicacións sobre o territorio (causa de inestabilidade na rexión), e, en 1940, durante a II Guerra Mundial, a parte setentrional de Transilvania, unha superficie de 44.030 km², cunha poboación de 2.700.000 habitantes, foi devolta a Hungría polo Ditado de Viena das potencias do Eixo do 30 de agosto.

Trala segunda guerra mundial, o territorio cedido polo Eixo foi devolto a Romanía. Trala caída do réxime de Ceausescu, Transilvania converteuse na rexión máis dinámica do país desde o punto de vista económico, social e político.

Economía[editar | editar a fonte]

A rexión da Transilvania contén numerosos recursos minerais, principalmente lignito, ferro, chumbo, manganeso, ouro, cobre, gas natural, sal e xofre. Posúe grandes industrias siderúrxicas, químicas e téxtiles. Outras ocupacións importantes da poboación son as explotacións madeireiras a produción de viño e o cultivo de árbores froiteiras.

Poboación[editar | editar a fonte]

Castelo da Orde Teutónica de Bran.

De acordo co censo do 2002, a rexión tiña unha poboación de 7.221.733 persoas, cunha maioría romanesa (75% do total da poboación). Tamén existen importantes grupos de fala húngara, (20% do total da poboación), xitanos (3,5%) e alemáns (1,5%).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome de Transilvania foi utilizado por primeira vez nun documento en latín no 1075 chamado Ultra Silvam, que significa «máis aló dos bosques». O nome evolucionou en «Transilvania», que conserva o mesmo significado.

O nome alemán Siebenbürgen significa «sete castelos». O nome romanés Ardeal e o nome húngaro Erdély non teñen unha orixe precisa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Transilvania&oldid=4878171"