Tributo das cen doncelas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Tímpano da Batalla de Clavijo, na Catedral de Santiago de Compostela. Obsérvense as doncelas que se representan diante e detrás do Apóstolo.

O Tributo das cen doncelas é unha lenda popular de raíces moi antigas que se estabelece na Península Ibérica de varias formas, a mais común é que no tempo dos reis "folgazáns", Aurelio, Silo e Mauregato, que sucederon a Afonso I, pagábase ós sultáns de Córdoba un tributo de cen doncelas, 50 nobres e 50 plebeas, para os haréns dos xefes árabes.

Coa vitoria da tamén ficticia batalla de Clavijo, os cristiáns teríanse sentido o bastante fortes para se negaren a pagar tan vergoñoso tributo.

A primeira mención da lenda aparece no século XIII[1] referíndose a feitos supostamente acontecidos catro séculos antes, o que é evidencia do seu carácter espurio. O feito aparece na crónica de Ximénez de Rada, onde tamén se fai referencia por primeira vez á batalla de Clavijo. Esta lenda deixo numerosas influencias na literatura, dando lugar a moitas versións populares e locais, sendo a mais coñecida a das sete doncelas de Simancas (Valladolid).

O Tributo das cen doncelas en Galicia[editar | editar a fonte]

Na parroquia de Sarandós, en Abegondo, hai dous lugares chamados Bordel e Bordelle, relacionados con esta lenda. Na mesma parroquia tamén existe a torre de Peito Bordelo ou Pazo das Torres de Bordel, torre na que, segundo a lenda, concentraban as cen doncelas antes de envialas como tributo á corte do califato de Córdoba.

Os irmáns Figueroa (Figueroa é outra parroquia limítrofe coa de Sarandós) reveláronse contra este tributo e mataron ós mouros cando viñan recoller as mozas utilizando como armas paus de figueira, suprimindo así o sometemento ó que viña sometida Galicia e garantindo ás mozas da comarca á súa protección. Por tal motivo, o escudo de armas do marquesado de Figueroa loce cinco follas de figueira.

A mesma lenda recóllese noutros puntos de Galicia e do norte de Portugal, onde xa en 1609 o monxe de Alcobaça Bernardo Brito recolleu en Beira o Romance de Figueiral, e tamén era representada polo pobo en varios sitios, como en Quintela de Leirado.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Las cien doncellas: trayectoria de una leyenda M. Manzanares de Cirre PMLA, Vol. 81, No. 3 (Jun., 1966), pp. 179-184 doi:10.2307/460802

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Tributo_das_cen_doncelas&oldid=4811399"