Urbano R. Moledo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Urbano R. Moledo
Urbano Rodríguez Moledo.jpg
Nome completoUrbano Rodríguez Moledo
Nacemento1902
 Marín
Falecemento10 de decembro de 1936
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
editar datos en Wikidata ]

Urbano Rodríguez Moledo,[1] nado en Marín en 1902 e finado en Vigo o 10 de decembro de 1936, foi un sindicalista e escritor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Activista sindical, comprometido coas Juventudes Socialistas de Marín, colaborou en La Raza e Nueva Aurora. Instalado en Vigo, durante a Segunda República foi dirixente da UXT. Animador societario e cultural no concello de Lavadores, presidiu o Ateneo Deportivo Obreiro, onde dirixiu o cadro de declamación "Máximo Gorki", que interpretou algunhas das súas pezas dramáticas.

Escritor en lingua galega, baixo o influxo das Irmandades da Fala, cunha gran vocación teatral, manifestada dende 1921 como actor, director e autor de media ducia de pezas entre elas Orfo do mar, un monólogo dramático, que foi publicado en Nueva Aurora e púxose en escena nunha función teatral organizada pola Juventud Socialista coa dirección de Antonio Blanco Porto[2], e A volta da perdida (traxedia rural estreada en 1933 pola sociedade La Aurora de Sárdoma -a obriña de teatro inédita, incautada cando Moledo foi detido foi utilizada como proba inculpatoria na súa causa de guerra-). É autor dunha zarzuela O Pirmeiro amor con música de Ángel Teijeiro, estreada no Teatro García Barbón. En 1928 publicou o poemario Dolmen, influenciado por Ramón Cabanillas e Amado Carballo; dedicoulle unha serie de poemas a Manuel Antonio e mantivo contacto literario con Amado Carballo e Losada Diéguez. A súa lírica achégase ao costumismo. Tamén escribiu dúas novela curtas (Maruxa e Francisco José, en castelán, inédita).

Coa sublevación do 18 de xullo de 1936 foi detido, xunto a outras vinte e cinco persoas, tras o asalto realizado o 22 de xullo de 1936, por parte de membros da resistencia popular, ao chalé de Estanislao Núñez Barrios no Seixo, no que o empresario foi asasinado. Xulgado en consello de guerra, foi sentenciado a pena de morte o 26 de novembro de 1936, culpado por ser "Presidente de la Sociedad Comunista Ateneo Cultural de Lavadores, en cuyo local se repartían armas a los revolucionarios". Foi executado o 10 de decembro nas inmediacións do castelo do Castro.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Orfo do mar, monólogo dramático, 1921.
  • Dolmen (Versos Gallegos), adicados a M. Ventura Balañá, 1927.
  • A volta da perdida, Ediciós do Castro, 2007. Edición e estudo biográfico e literario de Rexina Vega.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nas obras de consulta adoita aparece pola "M" de Moledo, vid. DEGU, EGU
  2. Marco, Aurora (2003). Ramiro Paz Carbajal 1891-1936. Unha vida segada pola barbarie. Noia: Toxosoutos. p. 44. ISBN 84-96259-03-X. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Urbano_R._Moledo&oldid=4767129"