Valentí Almirall i Llozer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Valentí Almirall")
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Valentí Almirall i Llozer
Almirall.jpg
Nome completo Valentí Almirall i Llozer
Nacemento 8 de marzo de 1841
  Barcelona
Falecemento 20 de xuño de 1904
  Barcelona
Soterrado Poblenou Cemetery
Nacionalidade España
Educado en Universidade de Barcelona
Ocupación político, escritor e xornalista
Coñecido/a por sen etiquetar
editar datos en Wikidata ]

Valentí Almirall i Llozer, nado en Barcelona o 8 de marzo de 1841 e finado o 20 de xuño de 1904,[1] foi un avogado, xornalista e político, considerado un precursor do nacionalismo catalán[2][3], o moderno, e, máis en concreto, a crenza na esquerda federalista.[4] O seu labor como periodista e articulista supera os oitocentos artigos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Educación[editar | editar a fonte]

Era fillo dunha familia de comerciantes de drogas e colonias, con moitas propiedades, tanto urbanas coma no campo (entre elas, o castelo do Papiol, dos cales foron baróns, título que Valentí rexeitou sempre empregar).[4] Estudou na Escola de Belas Artes de Barcelona, pero tivo que deixala logo de criticar ao profesor Claudi Lorenzale. Sabía falar grego, latín, francés, inglés, italiano e alemán, feito que lle permitiu viaxar e coñecer a actividade cultural e intelectual da Europa do momento.[4]

Estudou filosofía na Universidade de Barcelona, entre 1854 e 1857, e despois dereito entre 1857 e 1863, ano no que se graduou, mais rara vez practicou a avogacía.[4] Participou a miúdo nas tertulias da trastenda do escritor Frederic Soler Pitarra (con que comezou o teatro moderno en lingua catalá) e onde entrou en contacto con outros intelectuais tales como Gonçal Serraclara, Conrad Roure, Anselm Clavé, Josep-Lluís Pellicer, Inocencio López, Josep Feliu i Codina...[5]

Vida política[editar | editar a fonte]

A súa situación económica acomodada e a escasa vocación que tiña para exercer como avogado empurrárono á política activa. Participou na preparación e nos acontecementos da Revolución de 1868 en Barcelona; dirixiu O Federalista e colaborou na Revista Republicano-Federal, desde a que publicou obriñas bastante radicais como a Guerra a Madrid! e Bases para la Constitución federal de la Nación Española y para la del Estado de Cataluña. Observaciones sobre el modo de plantear a confederación en España.

Declarouse contrario a todo entendemento cos monárquicos e tivo unha participación importante no pacto de Tortosa (18 de maio de 1869), asinado entre representantes de entidades republicanas de Cataluña, o País Valenciano, Illas Baleares e Aragón.[4]

Entre 1868 e 1881, militou no Partido Republicano Democrático Federal (PRDF) no cal foi o principal líder federal intransixente de Barcelona, un grupo minoritario dentro da república e do republicanismo federal, que estaba organizado ao redor do Club dos Federalistas (1868-1869), do que foi elixido primeiro presidente, e do xornal El Estado Catalán (1869-1870 e 1873).

Entre 1868 e 1869, orientou a publicación El Federalista,[4] que se caracterizaba polo seu dogmatismo, intransixencia, maximalismo e o idealismo. Querían transformar o estado centralista e uniformizador español nun estado federal e descentralizado, cunha revolución federal de abaixo cara arriba, derivada da iniciativa das clases populares; unha revolución federal que implica a división da soberanía española entre as rexións históricas e o goberno da federación. Por iso, en 1868, publicou unhas Bases para la Constitución federal de la Nación Española y para la del Estado de Catalunya.

En maio de 1869, participou no denominado Pacto de Tortosa entre republicanos de Cataluña, o País Valenciano, illas Baleares e Aragón e, ese mesmo ano, foi cando fundou o xornal federalista El Estado Catalán.[4] En setembro de 1869, tomou parte na revolta federal de Barcelona. Foi detido e internado nas Baleares, pero xunto con outros prisioneiros conseguiron escapar e fuxiu para Alxer e de alí para Marsella, onde viviu ata a concesión dunha amnistía. De novo en Barcelona, presentouse ás eleccións como alcalde, pero rexeitou un xuramento incompatible co republicanismo e non foi capaz de ocupar a posición. Participou tamén na revolta contra o servizo militar obrigatorio en abril de 1870 con seus artigos en La Campana de Gràcia.[4] En 1871, o entón presidente do consello provincial de Barcelona, Anselm Clavé, foi nomeado director da Casa de Caridade da capital, onde traballou con criterios racionalistas e humanistas (e da que renunciaría máis tarde, no momento en que caeu a República).[4]

A primeira república española[editar | editar a fonte]

Cando se proclamou a Primeira República o 11 de febreiro de 1873, trasladouse a Madrid, onde continuou a publicar El Estado Catalán (8 de marzo-11 de xuño de 1873), e foi un propagator do federalismo catalán. Pero despois, en desacordo co desenvolvemento da República, volveu a Barcelona.

A restauración borbónica[editar | editar a fonte]

Durante a Restauración borbónica, a pesar de ser nomeado, en 1878, presidente do Ateneo Libre de Barcelona,[4] diminuíu a súa actividade pública, e intentou adicarse á literatura baixo o pseudónimo A. Z. Baixo. De feito, en 1879, publicou as súas dúas novelas: El alma al diablo e Una autoridad modelo. Historia de un gobernador de orden.[4]

Fundou e dirixiu o Diari Català,[6] primeiro xornal integramente en lingua catalá,[3] que tivo unha curta duración (dende o 4 de maio de 1879 até xuño de 1881), pois suspendeuse a súa publicación trala ruptura con Francesc Pi i Margall e a maioría do Partido Republicano Democrático Federal catalán, a partir do que comeza a súa etapa propiamente catalanista. En 1880, fora un dos organizadores do Primeiro Congreso Catalanista e no que foi elixido presidente por unha maioría de delegados. En 1881, participou na organización do Congreso Catalán de Xurisconsultos, no que rexeitou a unificación do dereito civil[6] mentres defendeu vigorosamente o mantemento do dereito catalán.

En xuño de 1882, creou o Centre Catalá de Barcelona, a primeira entidade catalanista claramente reivindicativa que aínda que pretendía ser, fundamentalmente, unha entidade que espallara o catalanismo e que influira sobre o goberno[7], en 1884 se convertiu nun partido político, do que foi o secretario mentres o seu amigo "Pitarra" era o presidente.[4] En xuño de 1883, organizou o Segundo Congreso Catalanista, onde pretendeu que se debatera un bosquexo de programa do Centre. Porén, os enfrontamentos entre os partidarios de Almirall e os de Pi i Margall impediron a súa aprobación[8] e só conseguiu que se condenara a participación de cataláns nos partidos políticos suxeitos á disciplina de Madrid.

Convertido no líder da reivindicación catalanista, en 1885, foi o redactor do Memorial de greugues, e trasladouse a Madrid integrado na comisión que entregou o documento ao rei Afonso XII, aplicando o principio de presentación, recoñecido na constitución.[9] No memorial denunciábanse os tratados comerciais que estaban a piques de se firmar e as propostas unificadoras do Código Civil.[10]

En 1886, publicou a súa gran obra, Lo catalanisme, a primeira presentación sistemática da doutrina catalanista. Ese ano representou a súa plenitude intelectual e política, e o comezo da súa decandencia, motivada polos problemas de saúde (unha apoplexía) e a escisión que se produciu no Centre Català.[11] En 1887, foi elixido presidente do Centre Catalá, pero a súa actitude hostil fronte ao proxecto da Exposición Universal de Barcelona de 1888 e o alcalde Francesc Rius i Taulet provocou á división dos elementos conservadores máis novos, que fundaron a Lliga de Catalunya ese mesmo ano. Tamén se opuxo ao nomeamento da rexente, María Cristina de Austria, como raíña dos Xogos Florais de 1888, e organizou outros aternativos. A caída da influencia política do Centre Catalá, favoreceu a influencia da Lliga de Catalunya; e, xunto co empeoramento da súa saúde, fixeron que o seu carácter fora, progresivamente, máis arisco e amargado. Finalmente, simpatizou do lerrouxismo.[12]

Foi albacea do falecido Rossend Arús, razón pola cal fundou en 1895, a Biblioteca Arús.[13] De novo, en 1896, foi elixido presidente do Ateneo de Cataluña, e alí pronuciou un notable discurso sobre o rexionalismo e, dende ese cargo chamou a atención sobre o proceso de Montjuïc. Algúns pequenas núcleos republicanos e federalistas, así como Alejandro Lerroux, tentaron recuperalo politicamente, mais el negouse.

Finalmente, morreu só, cedendo a súa casa á cidade de Barcelona para crear unha escola pública, e doou os seus libros para a Biblioteca Arús.[4]

En Vallvidrera mantense a casa onde viviu (no frontis pódese ler "Casa Amirall") e, a carón dela, unha casa onde a súa viúva reuniu a súa biblioteca. A data de 1924 e a decoración estás cheas de simboloxía masónica.[14]

Obras[editar | editar a fonte]

Portada de Lo catalanisme (1886)
  • Idea exacta de la Federación. La República Federal Española. Datos para su organización (1873)
  • El alma al diablo (1878), novela
  • Una autoridad modelo. Historia de un gobernador de orden (1878) novela
  • Escritos catalanistas. El Renacimiento catalán, las leyes forales y el carlismo en Cataluña (1878)
  • La Casa de Caridad de Barcelona (1879)
  • El Tirol federal suizo: descripción de la fiesta en 1883 (1883)
  • La Confederación suiza y la Unión americana. Estudio político comparativo (1884)
  • Los Estados Unidos de América. Estudio Político (1884)
  • Lo Catalanisme. Motius que el legitimen, fonaments científics i solucions pràctiques (1886)
  • Poesia del Regionalisme (1886)
  • España tal cual es (1889)
  • Regionalisme i particularisme (1901)
  • Aspecte polític i social del renaixement català (1901)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Valentí Almirall". Fichero de Autoridades Virtual Internacional. Consultado o 09-05-2018. 
  2. Fradera (2007), p. 103
  3. 3,03,1 De la Granja (2001), p. 62.
  4. 4,004,014,024,034,044,054,064,074,084,094,104,114,12 Mestre (1998), p. 30
  5. «Drama romàntic[Ligazón morta]». Web del museu. Centre de Documentació i Museu de les Arts Escèniques, 2012. [Consulta: 26 octubre 2012].
  6. 6,06,1 Pabón (1999), p. 92
  7. De la Granja (2001), p. 64
  8. Grau, Josep (2006). La Lliga Regionalista i la llengua catalana, 1901-1924. Barcelona: Publicacións de l'Abadía de Montserrat. p. 23. ISBN 84-8415-768-7.
  9. Pabón (1999), p. 95
  10. Claret (2014), p. 88
  11. Pich i Mitjana, Josep (2004). Federalisme i catalanisme. Valentí Almirall i Llozer (1841-1904) (en catalán). Barcelona: Fumo Editorial. p. 305. ISBN 9788497660808. 
  12. Pabón (1999), p. 66
  13. Rocamora, Joan (2007). Rossend Arús i Arderiu (1845-1891): una altra Renaixença. Del teatre com a tribuna política a la premsa lliurepensado. En "La projecció social de l'escriptor en la literatura catalana contemporània" (en catalán) (Lleida: Punctum). pp. 187–198. ISBN 978-84-934802-6-4. 
  14. "La biblioteca de la "muntanya màgica"". exploradors urbans. Consultado o 09-05-2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Claret, Jaume; Santirso, Manuel (2014). La construcción del catalanismo. Historia de un afán político (en castelán). Madrid: Los Libros de la Catarata. ISBN 978-84-8319-898-8. 
  • De la Granja, José Luis; Beramendi, Justo; Pere, Anguera (2001). La España de los nacionalismos y las autonomías. (en castelán). Madrid: Síntesis. ISBN 84-7738-918-7. 
  • Fradera, Josep M. (2007). L'intel·lectual abans de l'intel·lectual. Consideracions vacil·lants sobre el cas català entre la Revolució Liberal i el canvi de segle. En "La projecció social de l'escriptor en la literatura catalana contemporània" (en catalán) (LLeida: Punctum). pp. 67–107. ISBN 978-84-934802-6-4. 
  • Mestre i Campí, Jesús (1998). Diccionari d'Història de Catalunya (en catalán). Barcelona: Ed. 62. ISBN 84-297-3521-6. 
  • Pabón, Jesús (1999). Cambó: 1876-1947. Barcelona: Alpha. ISBN 84-7225-740-1. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Valentí_Almirall_i_Llozer&oldid=4883757"