Vasili Eroshenko

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Vasili Eroshenko
Eroshenko Vassili 001.jpg
Nome completo Vasili Iakovlevitx Eroshenko
Nome de nacemento Василий Яковлевич Ерошенко
Nacemento 12 de xaneiro de 1890
  23 de decembro de 1952 (72 anos)
Falecemento 23 de decembro de 1952
  Oblast de Belgorod
Nacionalidade Imperio Ruso
Ocupación poeta, escritor, esperantista, mestre, tradutor e catedrático de universidade
editar datos en Wikidata ]
Retrato de Vasili Eroshenko, óleo de Tsune Nakamura (1920, Museo Nacional de Arte Moderna de Toquio)

Vasili Iakovlevitx Eroshenko (en ruso Василий Яковлевич Ерошенко, en ucraíno Василь Якович Єрошенко), nado en Obukhiv o 12 de xaneiro de 1890 e finado o 23 de decembro de 1952, foi un esperantista, músico, escritor, lingüista e pedagogo ruso.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia labrega e quedou cego con catro anos por mor do xarampón. Estudou nunha escola de Moscova para nenos cegos (1899 - 1908). Entre 1907 a 1914 foi violinista na orquestra de Moscova para cegos e comezou no movemento esperantista entre 1908 e 1910. En 1912 viaxou ao Reino Unido, e alí estudou nun instituto para cegos e coñeceu a Piotr Kropotkin achegándose ao anarquismo. Grazas ao contacto con esperantistas xaponeses marchou ao Xapón e estudou masaxe nunha escola para cegos de Toquio; difundiu o esperanto entre os alumnos cegos. Tamén se interesou pola Fe Bahá'í e traduciu [1] ao esperanto a obra de Bahá'u'lláh Kalimát-i-Maknúnih que apareceu ao longo de varios números de La Orienta Azio en 1915. Tras dous anos de estadía en Toquio marchou a Siam onde fundou unha escola para cegos. Nunha viaxe á India expulsárono por consideralo bolxevque. No verán de 1919 fuxiu por Shanghai ao Xapón. Nese país escribiu e publicou en xaponés moitos contos para mozos.

O primeiro de maio de 1921 participou na manifestación de traballadores e no congreso da federación socialista xaponesa. Detido e expulsado a Rusia, onde se amosou crítico cos bolxeviques [2] marchou a China e viviu en Harbin durante tres meses, e logo, entre outubro de 1921 e febreiro de 1922 traballou no instituto de idiomas de Shanghai. Alí coñeceu o escritor chinés Lu Xun, quen traduciu unha colección de historias de Erosshenko ao chinés. En 1922 estivo en Pequín dando cursos de lingua e literatura rusa na Universidade de Pequín e nun colexio para mulleres. Tamén nese ano participou no 15º Congreso de Esperanto en Helsinqui, Finlandia.

En Europa e na Unión Soviética[editar | editar a fonte]

En 1923 estableceuse en Europa. En 1923, no Congreso Universal en Nürnberg gañou un premio pola súa boa pronuncia recitando o seu poema "Ciganino". E en 1924 participou no 16º Congreso de Esperanto en París, e mais tamén no Congreso de esperantistas cegos en Viena. Despois regresou a Moscova.

De 1924 a 1927 traballou como tradutor na universidade comunista para o pobo traballador do leste. Traduciu obras de Marx, Engels e Lenin ao xaponés. E en 1929 e 1930 estivo en Chukotko, onde estableceu unha escola para nenos cegos. E en 1932 traballou en Nizhnii Novgorod como un profesor de matemáticas, braille e de lingua rusa, e logo volveu a Moscova.

En 1935 fundou a primeira escola para cegos en Serhetabat, Turcomenistán, onde permaneceu ata 1945. De 1946 e 1948 ensinou inglés na escola de nenos cegos de Moscova e entre 1949 e 1951 viviu en Tashkent. Volveu á súa localidade natal en 1952 e alí traballou no seu derradeiro libro ata a súa morte o día 23 de decembro.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Yoake mae no uta (1921, en xaponés)
  • Sago no tameiti (1921, en xaponés)
  • Rakontoj de velkinta folio (1922, escrito orixinalmente en esperanto pero publicado primeiro en chinés)
  • La Ĝemo de unu soleca animo (1923, único libro que publicou en vida en esperanto)
  • Lumo kaj ombro (1979)
  • La tundro ĝemas (1980)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Agnes Baldwin Alexander History of the Bahá'í Faith in Japan 1914-1938
  2. Schor, Esther Bridge of Words: Esperanto and the Dream of a Universal Language, Henry Holt and Company:New York, p. 173
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Vasili_Eroshenko&oldid=4700093"