Vila romana de Cambre

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Balneum e latrinae.
Balneum.

A vila romana de Cambre é un sitio arqueolóxico localizado na vila de Cambre e integrado na Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Por mor dunhas obras atopáronse no ano 1998 os restos do que no tempo da Gallaecia romana foi unha villa rural, que pode datarse entre os séculos II e IV, asentada nun dos diferentes niveis da terraza fluvial. Tal situación deberíase ás boas condicións do terreo para a explotación agrícola.

O Centro de Interpretación e Museo Arqueolóxico de Cambre[editar | editar a fonte]

Maqueta que reproduce o balneum e as latrinae.

Con motivo dunha actuación arqueolóxica previa á construción dun bloque de vivendas nun lugar situado entre un asentamento castrexo e o mosteiro bieito do que formaba parte a igrexa, atopáronse unha serie de restos arqueolóxicos de época romana correspondentes a unha parte dunha villa tardorromana.

Os restos atopados foron desprazados do lugar do achado, fronte a igrexa románica de Santa María, e musealizados nun centro de interpretación integrado na actualidade no Museo Arqueolóxico de Cambre.

O museo divídese en dous espazos: un primeiro con paneis explicativos e vitrinas con restos dos achados (restos cerámicos de terra sigillata, tégulas...) e principalmente os restos pictóricos. Os paneis sitúan ao visitante no contexto histórico, comezando con apartados sobre "A presenza romana en Galicia", a "Reconstrución dunha vila romana" e "As pinturas e o seu proceso de restauración". Nun segundo espazo atopamos os restos trasladados acompañados de maquetas representando a villa e os elementos reconstruídos.

O balneum e as latrinae[editar | editar a fonte]

O achado consistiu no baño (balneum) e as latrinas (latrinae) da villa. Os muros son de cachotería irregular con abundante recheo (opus incertum).

  • O balneum: polos restos atopados dedúcese que se trataría dunha estancia rectangular cuberta con bóveda de canón e unha cuberta a dúas augas con tellado composto por tellas (tegulae) e ímbrices. Trátase dun frigidarium, e dicir un baño frío. Á bañeira acédese mediante escaleiras de tixolos recubertos por morteiro impermeabilizante de cascote de ladrillo (opus signinum) e os ángulos rematados por burletes de estanquidade do mesmo material. O morteiro recóbrese cunha capa de cal de cor branca co fin de acentuar a visión a través do reflexo da pintura de temas mariños cos que se decoraba a bóveda.
  • As latrinae consérvanse en peor estado nunha estancia contigua, pero pódese interpretar que se trataban de elementos de uso colectivo. Baixo de cada ringleira de asentos había unha canle. Os residuos descorrían cara a outra canle feita de tixolos na que había unha arqueta de decantación para depurar as augas residuais.

As pinturas murais[editar | editar a fonte]

Restos das pinturas

Estas pinturas son o descubrimento mais importante xa que nelas se fai unha das poucas mostras de pintura mural na que se representa o mar desde unha óptica mimética, e dicir unha representación non idealizada do mar. Da representación pictórica da bóveda consérvanse anacos que representan nun fondo azul distinta fauna mariña como peixes, un polbo (ou mais ben parte dos seus tentáculos) e unha vieira.

A excepcionalidade destes restos fan que non teñan comparanza na Península Ibérica e poucas no resto do mundo romano (principalmente Pompeia e Herculano), xa que a representación romana do mar (tanto en pinturas como en mosaicos) adoitaba facerse desde unha visión mitolóxica (presentando un mar cheo de fauna marítima e fauna terrestre modificada e deuses vinculados á temática marítima)

Restos de cubrición (tégulas)

ou ben gastronómica (como mostra ideográfica para os hóspedes dos manxares que lles ofrece o anfitrión), e non, como semella neste caso, como intento de plasmar dun xeito naturista o propio medio, efecto ao que axudaba o propio reflexo das augas frías da piscina.

Para algúns autores o estudio comparativo das pinturas de Cambre con algunhas recentemente atopadas en Lugo e A Coruña fan supor a existencia dun taller localizado en terras galegas de pintura romana.

As paredes estarían decoradas con pinturas sobre estuco con figuras xeométricas, casetóns con rombos, circos e triángulos e motivos vexetais.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boga Moscoso, Ramón. ¿Valorización do patrimonio? O caso do "Xacemento Romano de Cambre". Artigo editado no Boletín nº 5 da Asociación Cultural Amigos do Arqueolóxico (A Coruña).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Vila_romana_de_Cambre&oldid=4464512"