Wikipedia:Artigo destacado/abril 2017

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cesium.jpg

O cesio é un elemento químico de símbolo Cs e número atómico 55. É un metal alcalino brando de cor prateada-dourada, cun punto de fusión de 28,44 °C (301,59 K), un dos únicos cinco metais elementais que se poden atopar en estado líquido a temperatura ambiente. As súas propiedades físicas e químicas aseméllanse ás do rubidio e ás do potasio. É extremadamente reactivo e pirofórico, reaccionando coa auga a temperaturas de ata −116 °C (157 K). É o elemento químico menos electronegativo e só ten un isótopo estable, o cesio-133. Obtense principalmente da extracción do mineral polucita, mentres que os seus radioisótopos, en especial o cesio-137 que é un produto de fisión, obtéñense dos residuos producidos polos reactores nucleares.

Foi descuberto no ano 1860 polos científicos alemáns Robert Bunsen e Gustav Kirchhoff mediante o método de análise espectral. O seu nome procede do latín caesius, que significa "azul ceo". As primeiras aplicacións a pequena escala deste elemento foron en tubos de baleiro e células fotoeléctricas. En 1967, baseándose na definición da velocidade da luz de Einstein como a dimensión máis constante do universo, o Sistema Internacional de Unidades illou dúas emisións de ondas específicas do espectro do cesio-133 para definir as medidas do segundo e do metro. Dende entón o cesio foi empregado habitualmente en reloxos atómicos de alta precisión.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Artigo_destacado/abril_2017&oldid=3934329"