Wikipedia:Artigo destacado/abril 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Stars & Stripes & Hitler Dead2.jpg

A morte de Adolf Hitler tivo lugar o 30 de abril de 1945 no seu Führerbunker en Berlín. Hitler suicidouse dun disparo de pistola, mentres que a súa muller Eva Braun suicidouse con el por medio da inxestión de cianuro. Esa mesma tarde, seguindo instrucións previas de Hitler, os seus restos foron levados fóra do búnker pola saída de emerxencia, e tras botarlles gasolina foron queimados no xardín da chancelería do Reich. Os rexistros soviéticos indican que os seus restos queimados foron recuperados e enterrados sucesivamente en varios lugares ata 1970, cando foron exhumados de novo, incinerados e as súas cinzas foron espalladas.

Os diversos recontos do feito difiren na causa da morte. Un indica que faleceu só por inxerir un veleno mentres que outro indica que faleceu disparándose a si mesmo mentres inxería unha cápsula de cianuro. Os historiadores contemporáneos rexeitaron estes recontos por ser ou ben propaganda soviética ou un intento de compromiso para reconciliar as distintas conclusións. Segundo unha testemuña o corpo tiña sinais de ter recibido un disparo a través da boca, mais isto probouse como pouco probable. Existe tamén unha controversia con respecto á autenticidade dos fragmentos de mandíbula e cranio que foron recuperados. No ano 2009 investigadores estadounidenses levaron a cabo unha análise de ADN no cranio que os oficiais soviéticos crían que era de Hitler. As probas e o exame dos restos revelaron que o cranio pertencía a unha muller de menos de 40 anos de idade, e os fragmentos de mandíbula recuperados non foron analizados.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Artigo_destacado/abril_2018&oldid=4621250"