Wikipedia:Artigo destacado/agosto 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Trinity shot color.jpg

O Proxecto Manhattan foi un proxecto de investigación e desenvolvemento levado a cabo durante a segunda guerra mundial que produciu as primeiras armas nucleares, liderado polos Estados Unidos co apoio do Reino Unido e do Canadá. Dende 1942 ata 1946 o proxecto estivo baixo a dirección do xeneral Leslie Groves, mentres que o físico nuclear Robert Oppenheimer foi o director do Laboratorio de Los Alamos no que se deseñaron as propias bombas nucleares. Desenvolvéronse dous tipos de bombas atómicas de forma concorrente durante a guerra: unha arma de fisión de tipo balístico relativamente sinxela e unha arma nuclear de implosión de maior complexidade. O deseño de fisión da bomba Thin Man resultou ser pouco práctico para o seu uso con plutonio, polo que se desenvolveu unha arma máis sinxela denominada Little Boy que utilizaba uranio-235, un isótopo que constitúe só o 0,7% do uranio en estado natural.

O primeiro artefacto nuclear detonado foi unha bomba de implosión na proba Trinity. Dúas outras bombas de tipo Little Boy e Fat Man utilizáronse respectivamente un mes despois no bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Nos anos inmediatamente posteriores á guerra o Proxecto Manhattan levou a cabo varias probas de armamento no atol Bikini como parte da operación Crossroads, desenvolveu novas armas, promocionou o desenvolvemento da rede de laboratorios nacionais, apoiou a investigación médica sobre a radioloxía e cimentou as bases da armada nuclear. O proxecto mantivo o control sobre a investigación e produción de armas nucleares estadounidenses ata a formación da Comisión da Enerxía Atómica dos Estados Unidos en xaneiro de 1947.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Artigo_destacado/agosto_2018&oldid=4777400"