Wikipedia:Artigo destacado/novembro 2017

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Stamps of Hungary, 001-07 (cropped).jpg

Laika (ruso: Лайка c. 1954 – 3 de novembro de 1957) foi unha cadela que participou no Programa Sputnik soviético, converténdose nun dos primeiros animais en saír ao espazo e o primeiro en orbitar a Terra. Laika foi atopada nas rúas de Moscova sen dono e foi seleccionada para ser a ocupante do Sputnik 2, lanzado ao espazo o 3 de novembro de 1957.

Anteriormente á súa misión non se tiñan datos do impacto dos voos espaciais nos seres vivos e a tecnoloxía para saír de órbita non se desenvolvera aínda, polo que os científicos non esperaban que Laika sobrevivira á misión. Porén, consideraban esta misión coma un paso previo necesario ás misións tripuladas por seres humanos. Laika faleceu ás poucas horas a causa dunha hipertermia causada por un fallo na separación dun dos módulos, que á súa vez provocou que o control de temperatura non funcionase ben. Os informes oficiais inicialmente indicaron que se lle practicara a eutanasia por medio de envelenamento na súa comida antes de que quedase sen osíxeno, e posteriormente deuse a versión de que falecera ao quedar sen osíxeno o sexto día. A verdadeira data e causa da súa morte non se fixeron públicas ata o 2002.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Artigo_destacado/novembro_2017&oldid=3935171"