Wikipedia:Artigo destacado/setembro 2017

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Узники быховской тюрьмы.jpg

O golpe de estado de Kornilov foi un errado intento de golpe de estado contrarrevolucionario levado a cabo polo comandante en xefe do Exército ruso, o xeneral Lavr Kornilov, en setembro de 1917. O Goberno Provisional Ruso e os soviets recibiron o apoio maioritario da poboación e fixeron que o golpe fracasase aos poucos días do alzamento militar.

Tralo fracaso da Ofensiva de Kerenskii en xullo, o novo primeiro ministro, Aleksandr Kerenskii, nomeou o xeneral Lavr Kornilov novo comandante en xefe do Exército ruso; desde o comezo xurdiron roces entre ambos os dous polos desexos do xeneral de aplicar unha serie de reformas conservadoras e opostas aos consellos, que na súa opinión, debían servir para mellorar a situación militar. A mediados de agosto, Kornilov presentou un plan de reforma que equivalía á implantación dunha ditadura militar e que Kerenskii rexeitou, a pesar do apoio do viceministro de Defensa, o socialrrevolucionario Boris Savinkov. Kornilov prefería aplicar as súas medidas coa colaboración do Goberno, pero preparouse para facelo incluso na súa contra; Kerenskii, pola súa banda, desexaba tratar con el desde unha postura reforzada pola Conferencia Estatal de Moscova, pero fracasou pola crecente polarización política.

Kornilov creu que Kerenskii aceptara plenamente os seus plans e este que Kornilov lle presentaba un ultimato e pretendía apartalo do poder. Forzou entón a rebelión aberta do xeneral ao destituílo e a marcha da capital resultou un fracaso, desbaratada pola resistencia non tanto do impotente goberno coma dos consellos e, especialmente, dos bolxeviques, que se recuperaron politicamente do revés sufrido nas Xornadas de Xullo. O errado golpe acrecentou o desprestixio e a debilidade de Kerenskii, desacreditou a dereita e acelerou os preparativos bolxeviques para tomar o poder.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Artigo_destacado/setembro_2017&oldid=4513454"