Wikipedia:Artigo destacado/xuño 2017

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edward Elgar.jpg

Sir Edward William Elgar nado nunha pequena localidade de Lower Broadheath, no condado de Worcestershire o 2 de xuño de 1857 e finado o 23 de febreiro de 1934 en Worcester, foi un compositor británico. Entre as moitas das súas obras que entraron a formar parte do repertorio clásico de concertos figuran as coñecidas Enigma Variations, as Pomp and Circumstance Marches, os concertos para violín e violonchelo, e dúas sinfonías. Tamén compuxo obras corais, entre as que cómpre sinalar The Dream of Gerontius, música de cámara e cancións. Foi nomeado Master of the King’s Musick en 1924. Aínda que Elgar é visto con frecuencia como un compositor tipicamente inglés, a maioría das súas influencias musicais non proviñan de Inglaterra, senón da Europa continental. Víase a si mesmo como un forasteiro, non só musicalmente, senón tamén socialmente.

Nos círculos musicais dominados por académicos, el era un compositor autodidacta; na Gran Bretaña protestante, o seu catolicismo era visto con receo en certos sectores; e na clasista sociedade vitoriana e eduardiana británica, era moi sensible sobre as súas orixes humildes mesmo despois de ter conseguido recoñecemento. Elgar foi descrito como o primeiro compositor en tomar en serio o uso do gramófono. Entre 1914 e 1925, dirixiu unha serie de gravacións das súas obras. A introdución do micrófono en 1925 posibilitou unha reprodución máis fiel do son, e Elgar fixo novas gravacións das súas principais obras orquestrais e de fragmentos de The Dream of Gerontius. Estas gravacións foron reeditadas en LP na década de 1970 e en CD na década de 1990.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Artigo_destacado/xuño_2017&oldid=4366183"