Wikipedia:Artigo destacado/xullo 2017

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Iyul'skaya 1917 demonstraciya v Petrograde.jpg

As Xornadas de Xullo de 1917 foi o nome que recibiron as protestas armadas apoiadas polos anarcocomunistas e os bolxeviques, finalmente fracasadas, que trataron de derrocar ao Goberno Provisional Ruso e traspasar o poder aos soviets (consellos) en xullo dese ano. Estas protestas producíronse ao mesmo tempo que tiña lugar unha crise gobernamental pola dimisión dos ministros kadetes do Goberno, o que deixou a xestión da crise en mans dos dirixentes defensistas do Soviet de Petrogrado, principalmente dos menxeviques. As protestas, debidas a unha mestura de descontento polo empeoramento da situación económica, axitación radical e oposición á reanudación das operacións militares entre outros factores, producíronse no medio dunha crise gobernamental desencadeada pola dimisión dos ministros kadetes. As manifestacións foron un síntoma do amplo descontento co desempeño do Goberno de coalición social-liberal e do desexo de que o soviet tomase a iniciativa na aplicación de reformas.

O esmagamento do intento de golpe de Estado supuxo un debilitamento temporal do partido de Lenin que, con todo, rexurdiu con forza a finais de verán e quedou rehabilitado durante o golpe de Kornílov a comezos de setembro. O Soviet de Petrogrado, cúspide do sistema de consellos do país instaurado durante a Revolución de Febreiro e controlado polos socialistas moderados, negouse a tomar o poder como esixían os manifestantes, contribuíndo decisivamente ao fracaso da tentativa. O resultado das protestas supuxo unha vitoria pírrica para os defensistas, que gozaban aínda dun apoio maioritario para as súas posicións nas provincias; ante a falta de reformas e a imposibilidade de formar unha nova coalición que as puxese en marcha, a súa forza foise tornando en debilidade ao longo do verán e do outono.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Artigo_destacado/xullo_2017&oldid=3881936"