Wikipedia:Cousas que non se deben facer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atallo:
WP:NONF
O editor debutante na Galipedia pode ás veces sentirse como un mariño collido entre Escila e Caribdis, entre o risco de violación dos dereitos de autor e o risco de «Traballo inédito».
Pero afortunadamente, as Páxinas de axuda están alí para socorrelo.

A Wikipedia é un proxecto feito en colaboración. Isto significa, obviamente, que só funciona se ti colaboras construtivamente no seu desenvolvemento. Para que iso aconteza, hai algunhas normas de conduta a ter en conta, que deben ser lidas por todos e todas. O que segue non dispensa a consulta das normas de conduta, só é un resumo rápido dos erros máis frecuentes e do motivo polo cal son erros.

Nunca copies na Wikipedia material doutras fontes[editar a fonte]

Excepto se se trata de material no dominio público ou se ten a autorización expresa do autor, nunca copies na Wikipedia material doutras fontes. O motivo é simple: os dereitos de autor están protexidos pola lexislación adoptada por todos os países do mundo, e se un autor se sente lesionado nos seus dereitos pode demandar a Wikipedia, o que pode provocar danos moi serios ao proxecto.

Diferencia entre o que está protexido polos dereitos de autor e o que é a expresión persoal desa información. Isto significa que podes empregar a información obtida de fontes externas sempre e cando a redactes coas túas palabras. É dicir: non podes copiar os textos pero si podes reutilizar a información contida neles.

Non entres en guerras lingüísticas[editar a fonte]

Esta Wikipedia é de lingua galega e grafía galega. Non intentes mudar ou utilizar a grafía portuguesa, para iso está a Wikipedia portuguesa.

Non uses imaxes colocadas en servidores externos[editar a fonte]

As imaxes colocadas noutros servidores non están, moi probablemente, no dominio público e por iso o seu uso é ilegal e incompatible coa licenza da Wikipedia. Á parte diso, quen usa imaxes que están noutros servidores gasta largo de banda de terceiros e prexudícaos. As imaxes usadas na Wikipedia deben ser cargadas previamente no servidor da Wikipedia ou de Commons. Isto tamén se refire á descarga da base de datos para o seu uso fóra deste servidor.

Non borres: corrixe e aumenta[editar a fonte]

Agás en casos de violación dos dereitos de autor, nunca debes borrar información coa que non concordes. En vez diso, corríxea e complétaa e, en caso que che pareza que a alteración que te propós facer pode levantar polémica, propona primeiro na páxina de discusión do artigo en cuestión.

Isto non significa, naturalmente, que non poidas (e debas) mover información que penses que encaixa mellor noutro sitio, ou nunha páxina de seu (salvo que as normas desta Wikipedia digan o contrario).

Tampouco discutas na propia páxina dos artigos. Para as discusións existe unha páxina apropiada, a páxina de conversa.

Nunca fagas proselitismo[editar a fonte]

Non utilices a Wikipedia como tribuna para as súas crenzas persoais. A Wikipedia é unha enciclopedia, e por tanto debe ser receptáculo de información o máis obxectiva posible (vexa Punto de vista neutral). Os artigos propagandísticos non son benvidos e é bo que sexas consciente de que o teu texto propagandístico rematará axiña profundamente alterado por outros usuarios, transformado en algo que a tal vez xa non che gustaría ler.

Por iso, reflexiona antes de colocar na Wikipedia textos abertamente parciais.

Non experimentes coas páxinas normais[editar a fonte]

Existe unha páxina propia para facer probas e coller experiencia á que chamamos Zona de probas. Cun sitio tan bo para facer probas, para que estragar o traballo dos outros wikipedistas, ou para que crear páxinas sen contido?

Non fagas publicidade[editar a fonte]

Non utilices a Wikipedia para publicitar os teus produtos, os teus servizos, as túas páxinas web preferidas ou o teu canal de IRC. A Wikipedia é unha enciclopedia, non unha páxina de anuncios. Anunciantes que usan a Wikipedia para publicitar os seus produtos están a abusar da enciclopedia e están a prexudicar o proxecto porque aumentan a relación sinal/ruído. É moi importante para a credibilidade do proxecto que un visitante da Wikipedia atope só artigos relevantes.

Non crees páxinas de opinión[editar a fonte]

Sendo unha enciclopedia, os artigos da Wikipedia deben conter feitos. As persoas que consultan enciclopedias están interesadas esencialmente en feitos e datos.

Claro que en algúns artigos é necesario escribir sobre opinións. Nese caso, non debes publicar as túas opinións, senón as opinións de autoridades na materia ou de correntes de opinión importantes. Estas opinións deben ser sempre atribuídas aos seus autores de acordo co Punto de vista neutral.

Non crees entradas de dicionario[editar a fonte]

A Wikipedia non é un dicionario. A Wikipedia debe compilar o coñecemento humano. Cada artigo debe resumir o coñecemento humano sobre un determinado tema. Por iso, non deben ser creadas páxinas que se limitan a explicar o significado dunha palabra. Nin todas as palabras corresponden a unha área do coñecemento humano. Por exemplo, a Wikipedia non debe ter ningunha entrada sobre ollar, ollou, ver ou visualizar, pero debe ter un artigo sobre visión humana. E o contido dunha páxina non debe ter o formato dun dicionario. Os artigos da Wikipedia deben seguir o seu libro de estilo.

Non asines os teus textos[editar a fonte]

Como calquera texto da Wikipedia pode ser alterado por calquera outra persoa, e iso é inevitable que aconteza, cada artigo da Wikipedia remata por ter varios autores. Estes autores quedan gardados na base de datos automaticamente, desde que o autor está rexistrado. Podes consultar a listaxe de autores de cada artigo no seu historial. Por iso, non asines as túas contribucións no artigo.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Cousas_que_non_se_deben_facer&oldid=4432901"