Wikipedia:Sobre Galicia/abril 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ecce Homo dos Franceses.jpg

A Semana Santa de Viveiro é unha celebración católica que ten lugar de xeito anual, na cidade galega de Viveiro. É unha das celebracións relixiosas máis antigas de Galicia, que se vén realizando de modo ininterrompido dende o século XIII. Nesta conmemórase a paixón, morte e resurrección de Xesús de Nazaret a través dos diferentes actos, celebracións e procesións que realizan as confrarías. Ademais do seu carácter relixioso, a Semana Santa de Viveiro é tamén considerada coma un acontecemento cultural, popular e de atracción turística.

A Semana Santa de Viveiro é un dos principais reclamos turísticos da localidade conseguindo ano a ano atraer a miles de visitantes que chegan chamados polo carácter único destas celebracións. Como reflexo da súa importancia, a celebración da Semana Santa de Viveiro alcanzou a declaración de Interese Turístico Internacional, recoñecemento que logrou no ano 2013. Esta Semana Santa destaca polo gran valor artístico da imaxinería e ourivaría, ademais de ter un carácter xeralmente sobrio e austero, que fai que se asemelle máis á Semana Santa castelá, en comparación con exemplos quizais máis soados como a Semana Santa andaluza. Os actos centrais da Semana Santa de Viveiro dan comezo o Venres de Dores e a súa celebración prolóngase durante máis dunha semana, finalizando o Domingo de Resurrección. Nela participan un total de oito Confrarías e Irmandades que compoñen a Xunta de Confrarías, encargada de coordinar os diferentes actos e desfiles procesionais que representan a Paixón de Cristo.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Sobre_Galicia/abril_2018&oldid=4743371"