Wikipedia:Sobre Galicia/agosto 2017

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Ovella. Galiza.jpg

Recóllese a pegada da ovella na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral. Inclúese tamén a información recollida sobre o carneiro ou o año, así como sobre os produtos obtidos da ovella e, finalmente, a referida ó pastor. A ovella, en Galicia, recibe tamén as denominacións de almella, beche e perica (esta, a ovella nova). O carneiro: bidente, perico ou, en Feás, ovello. E o año: andosco, añagoto.

Unha ovella ruín, fraca, que vai perdendo a la, recibe os nomes de carriona, pandorca, rancaña e ranquela. O rabaño de ovellas recibe os nomes de ovellume ou de res (res da aldea cando se aplicaba ó rabaño comunal, formado polas reses dos diferentes veciños), e o pastor que as coida recibe, ademais, os nomes de pegureiro e ovelleiro. Non era infrecuente que se pastoreasen vacas e ovellas mesturadas, recibindo estas o nome de ovella das vacas.

A ovella que dirixe o rabaño, que actúa como guía ou capitá recibe os nomes de ovella mestra ou ovella guía, así como andoriña. Antigamente, os labregos que pastoreaban ovellas pagábanlles ós cazadores unha avinza anual, chamada carneiro do lobo, que consistía nun carneiro ó ano ou o seu valor en diñeiro en contraprestación polos lobos que aqueles mataban. Esta especie de imposto está documentado xa desde 1631, cando se describe "como de tiempo inmemorial", e semella máis un resto dos décimos que pagaban os campesiños ós seus señores.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Sobre_Galicia/agosto_2017&oldid=4743373"