Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2018

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Ourense, catedral, portico Paraíso 03-01.JPG

O Pórtico do Paraíso da catedral de Ourense é o conxunto escultórico que dá acceso, pola portada principal ó templo. Foi construído na primeira metade do século XIII, en tempos do bispo Lourenzo (1218-1248), que foi quen rematou as obras da catedral, e en calquera caso despois de 1230. Cómpre destacar a policromía que conserva, do século XVIII, e que foi restaurada en 2013, pero hai que advertir que a contraportada carece de cor. Ignórase quen foi o autor ou autores do pórtico. Ángel del Castillo atribúeo a un mestre chamado Juan Evangelista. En realidade, esta inscrición, "Juan Evangelista fecit", figura nun anxo trompeteiro hoxe conservado no museo da catedral e que nada ten que ver co pórtico, tal como acreditan expertos como Serafín Moralejo, Ramón Yzquierdo Perrín, Xosé Carlos Valle Pérez e Eduardo Carrero Santamaría, polo que xa ninguén apoia esa atribución.

Os especialistas concordan en que é moi probable que estes escultores pertenceran ó taller do Mestre Mateo ou, polo menos, estaban influídos por el, pois reproduciron a disposición de apóstolos e profetas que este dispuxo en Compostela e a técnica utilizada nas estatuas-columna e na ornamentación do arco menor é tamén similar, pero aínda así e a pesar do feito de que o pórtico de Ourense sexa posterior ó de Santiago, a realidade é que o estilo do Pórtico do Paraíso é máis románico có da Gloria. Outros autores ven, tamén, a influencia dos talleres de Amiens e París, que chegaron ata aquí a través da catedral de Burgos.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Wikipedia:Sobre_Galicia/marzo_2018&oldid=4560034"