Xeografía de Exipto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A República Árabe de Exipto ocupa o extremo nororiental de África e unha pequena porción de Asia, a península do Sinai, ao outro lado do canal de Suez. A superficie total é de 1.001.449 Km2: 942.246 en territorio africano e 59.203 en territorio asiático, incluíndo os 379 Km2 da faixa de Gaza, ocupada por Israel desde 1967.

Exipto localízase entre os 31° 36' N (delta do Nilo, xusto ao norte de Baltim) e o paralelo 22 N, que vai desde o monte Uweinat, no deserto de Libia, até cabo Hadarba, no mar Vermello. De oeste a leste, os limites son o oasis de Garn el-Brein, na fronteira con Libia, (24° 42' E) e cabo Hadarba (36° 52'). A fronteira que separa Exipto de Libia ten 1.160 km e a e Sudán 1.100 km. Ao norte ten o mar Mediterráneo e ao leste o mar Vermello. A península do Sinaí sitúase entre o golfo de Suez e o golfo de Aqaba, que separa Exipto da Arabia Saudita. Na costa máis interior deste último teñen un pequeno territorio Xordania e Israel.

Distribución da poboación[editar | editar a fonte]

Exipto ten unha taxa de natalidade moi elevada, que durante os anos 70 do século XX chegou a atinxir o 40 por mil e que actualmente se sitúa arredor do 25 por mil. A poboación supera os 70 millóns de habitantes e a densidade aumentou até os 70 habitantes por km2. Por causa do 90% do territorio ser deserto e non estar habitado, a densidade real nas zonas cultivadas e habitadas (o val do Nilo, o delta do Nilo, os oasis e parte da faixa costeira), atinxe valores moito máis elevados: 910 habitantes por Km2 de densidade media e entre 1.000 e 2.000 nas cidades. A alta natalidade débese á xuventude da poboación: máis da metade dos exipcios ten menos de 20 anos e máis de un terzo menos de 12.

O 40 por cento da poboación concéntrase nas grandes cidades, como a capital, O Cairo (que supera xa os 18 millóns de habitantes), Alexandría, na costa mediterránea, (preto dos 5 millóns) e case dúas ducias de cidades de entre 100.000 e medio millón de habitantes, entre as que destacan Port Said e Suez. Un quinto da poboación reside nas catro cidades mencionadas. Concéntrase na parte setentrional do país, na que a cantidade de terras cultivábeis é moi superior, xa que o delta do Nilo está cultivado de maneira intensiva e regado mediante unha densa rede de canais.

Características étnicas, lingua e relixión[editar | editar a fonte]

A poboación do Antigo Exipto era camita, ou sexa, como os actuais libios e bérberes. Sendo territorio de pasaxe entre África e Asia e por causa da súa posición central nas relacións comerciais do Mediterráneo oriental, Exipto foi invadido en numerosas ocasións, sobre todo por pobos árabes (semitas). Os trazos físicos predominantes son os ollos e cabelo negros, a tez morena, nariz recto e cranio dolicocéfalo.

As linguas camitas faladas antigamente desapareceron coa adopción do árabe e só sobrevive o copto, conservado na liturxia copta, que practica un 10% dos exipcios. O 90% restante son musulmáns de rito sunita.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Xeografía_de_Exipto&oldid=4991135"