Xoán (nome)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Xoán, ou a variante[1]Xan[2], (feminino Xoana) é un nome de pía masculino en galego. Vén do hebraico יוחנן (Yôḥānnān), que quere dicir 'O fidel a Deus'. Do hebraico orixinario pasou a outras linguas. Ιωάννης (Ioannis) é a versión de Yôḥānnān que pasou ao grego. De aí evoluíu até chegar ao galego-portugués: Iohanne > Johan e de aí ao galego moderno Xoham > Xoán, de feminino: Xoana. Xan era un diminutivo común en Galiza hai pouco tempo como demostra a toponimia e a lingua oral: ser un Xan, Xan de Outeiro[3].

O patronímico de Xoán ou Iohan deu en Galiza Iohannis: 1177:Pedro Iohannis, usado como xenitivo, formaranse despois varios resultados diferentes: Anes (1262: Pedre Anes; 1454: Maria Anes,) Eans, Eanes, Enes, Ennes, Ianes, Yanes (1385: Afonso Yanes Traveso; 1273: Eldora Yanes, que en 1276 aparece como Eldora Eanes; 1275: Laurenço Ianes d'Ourense; 1396: Eynes Ianes), Oanes (1082: Tota Joanis; 1272: Migael Joanes; 1279: Gonzaluo Oanes). Hoxe é común o castelanizado: Yáñez ('fillo de Xoán o Iohan'). En inglés é Johnson ('fillo de John') e Evanson ou Evans ('fillo de Ewan').

Un nome equivalente a Xoán é Iván, que vén da versión rusa do nome, e que transliterado conserva maior semellanza coa grafía antiga.

Galiza[editar | editar a fonte]

No galego antigo aparece grafado de diferentes xeitos, sendo os máis comúns: Iohan e Johan: 1248: Iohannes Chascus; 1258: Iohanne Albo; 1268: Johanne Topete; 1285: Iohan do Frade; 1294: Johan Casado; 1296: Jhoâ Alegre; 1306: Johan Sennor; 1364: Johan de Novoa; 1419: Iohan Sutil1; 1420: Juan Agulla; 1430: Iohan Seoane; 1433: Johan Leal; 1454: Johan Tomé; 1454: Johan da Ynsoa; 1468: Iohan Feixoo; 1485:Juan Tato; S. XV: Johan Cabaneiro; 1500: Juan de Saas.

Xoán e Xoana eran dos nomes máis comúns en Galiza dende a Idade Media. Manuel Ferreiro, a partir dos padróns da cidade de Ourense, acha que no século XV, Xoán (Johan) estaba entre os trece nomes persoais máis utilizados. A partir do século XV xa existe un maior influxo castelán (nos padróns dos anos 1483, 1487 e 1490 hai unha clara preponderancia do nome Juan fronte Johan, no que tamén interfire o feito de que o primoxénito dos Reis Católicos foi o príncipe Juan). Porén o diminutivo familiar de Xan (antes Jan) conservouse até o século XX.

A forma Xohán (feminino Xohana), foi moi usada por moitos intelectuais galegos dende o Rexurdimento.

Usos e variantes[editar | editar a fonte]

O alcume Xan era moi usado. Nos documentos e dicionarios galegos do século XIX e anteriores aparece grafado coma Jan, Jhan ou Jân[4]. Martín Sarmiento xa falaba tamén de Jan, referíndose á toponimia, concretamente a un padroeiro de Figueirido: Jâm de Figueyrido. Jàn, de Joannes. Figueyrido (San Andrés de) es feligresía una legua al medio día de Pontevedra, junto a Vilaboa.

Coloquialmente dise que un xan é unha persoa boa e inocente ou infeliz.

  • Un Xan, un Xan da cona ou un Xan de elas: coloquialmente é o home dominado pola muller[5].
  • Xan tamén é o nome familiar que dan á raposa nos contos dos vellos. Nalgúns lugares ao lobo[6].
  • Xan da bota: lucecú [5].
  • Xan d’Arzúa: boneco de palla que era levado polos propietarios das buxarías, dacabalo dun boi atado polos cornos na fronte da procesión do Corpus Christi.[7].

En xeral, San Xoán é un topónimo común en Galiza (véxase San Xoán). San Xoán é tamén o mes de xuño, en honra á noite de San Xoán:

  • Fogos de San Xoán: lumes, foguetes e cacharelas que se preparan na noite de San Xoán.
  • Herbas de San Xoán: herbas e plantas recendentes que se poñen en auga na véspera de san Xoán para, ao outro día, a modo de rito, lavarse con esa auga. En especial hai unha especie que recibe o nome de herba de San Xoán. Martín Sarmiento fala dela: herba de San Joan, chaman así cara Baiona á artemisa menor ou matricaria ou herba de Santa María (herba de Nosa Señora), que ten folliñas coma as do pirixel. [8]. Marcial Valladares Núñez en 1884 no seu Diccionario gallego-castellano, fala de dúas especies que reciben este nome: Hypericum quadrangulum e Hypericum perforatum . Esta última, tamén chamada abeloura semella a que máis veces se denomina herba de San Xoán. Tamén a herba das feridas ( Prunella vulgaris e Tanacetum parthenium (L.) Schultz) reciben este nome.
  • Carrascas de San Xoán: Diotis candidissima. Planta de raíz e flores amarelas, cuberta dunha borra abrancazada, florece de xuño a agosto nos areais da Lanzada.[9]. Tamén reciben este nome Helichrysum italicum (Roth) G. Don fil.; Helichrysum stoechas (L.) Moench; e Otanthus maritimus (L.) Hoffm. et Link.
  • Xoaniña: chaman así tamén á maruxiña: insecto da familia dos coccinélidos (Coccinella septempunctata), de forma arredondada, con élitros de cores vivas, xeralmente vermellos, con sete puntos negros.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Eligio Rivas Quintas[10] di que Xoán é un nome moi socorrido no folclore galego.

  • A auga de San Xoán, leva o viño e non deixa pan.[11]
  • Cásate, Xan, en domingo:/ estarás o luns de voda/ e o martes traballarás/ para manter a túa noiva.[12]
  • Janeiro giadeiro, febreiro escarabanadeiro, marzo amoroso, abril chuvioso, maio ventoso, San Joan caloroso, que fai o ano formoso[13].
  • Lus e martes son dous días,/ cuarta e quinta xa o saberás,/ venres non comerás carne/ e sábado ir á montería e Domingo á Misa,/ esa é a vida de Xan.
  • Lus marcha, martes chega,/ cuarta aguza, quinta talla,/ sesta carga e sábado chega/ meu primo Xan cun carro de leña.[14]
  • Maio airoso fai o pan garvoso.
  • Marzo espigarzo, abril penderil, en maio granado, en San Joan segado.
  • Marzo espigarzo, abril pendoril, maio granado, San Joan segado, Santa Mariña a airiña.
  • O que paga a Xan e debe a Andres, ten que pagar outra vez [15].
  • San Xoan craro coma ollo de galo (referíndose a que polo mes de xuño adoita ir bo tempo)
  • Tres Jàs e un Pedro fan estar o burro quedo[16]

Santoral[editar | editar a fonte]

Personaxes[editar | editar a fonte]

Celebres a nivel mundial[editar | editar a fonte]

  • O apóstolo Xoán, xeralmente identificado con Xoán Evanxelista, a quen se lle atribúe o Evanxeo de Xoán, as epístolas de Xoán e a Apocalipse.
  • Xoán Bautista, curmán de Xesús.
  • Xoán Crisóstomo (347-407), arcebispo de Costantinopla.
  • Xoán Casiano (c. 360-433).
  • Xoán I, papa (ca. 470-526).
  • Xoán Clímaco (ca. 579-649), monxe e escritor grego.
  • Xoán Damasceno (ca. 676-749), padre da Igrexa.
  • Xoán Gualberto (ca. 995-1073) abade italiano.
  • Xoán de Mata (1160-1213), teólogo provenzal, fundador da Orden da Santísima Trindade (Trinitarios).
  • Xoán Nepomuceno (Jan Nepomucký, ca. 1330 ó 1340 - 1393), sacerdote bohemio, confesor da raíña Xoana.
  • Xoán Capistrano (1382-1456), gobernador de Perugia, sacerdote franciscano e inquisidor italiano.
  • Xoán de Cancio, Xoán de Kenty ou Xoán de Kety (1397-1473), sacerdote e teólogo polaco.
  • Xoán de Sahagún (1430-1479), sacerdote e predicador leonés.
  • Xoán Fisher (1469-1535), cardeal humanista inglés.
  • Xoán de Deus (João Ciudad, 1495-1550), soldado portugués. Logo de oír a predicación de San Xoán de Ávila, converteuse, ordenouse sacerdote e fundou a orde dos Irmáns Trinitarios de San Xoán de Deus.
  • Xoán de Ávila (1500-1569), sacerdote e teólogo castelán. Predicou diante de quen máis tarde sería chamado San Xoán de Deus, e foi mestre de San Xoán da Cruz.
  • Xoán Diego Cuauhtlatoatzin ou Xoán Diego, primeiro santo indíxena de América Latina (9 de decembro 1474 - 30 de maio 1548) quen, segundo a tradición católica en México, presenciou a aparición da Virxe de Guadalupe en 1531. Foi canonizado en 2002 por el papa Xoán Paulo II.
  • Xoán de Ribera (1532-1611), arcebispo de Valencia e patriarca de Antioquía.
  • Juan de Yepes Álvarez, chamado Xoán da Cruz, 1542-1591) escritor e relixioso español.
  • Xoán Sarkander, sacerdote moravo.
  • Xoán Francisco Regis (1579-1640), misioneiro xesuíta francés.
  • Xoán Ogilvie (1580-1615), xesuíta escocés.
  • Xoán de Brébeuf (1579-1640), misioneiro xesuíta francés.
  • Xoán Berchmans (1599-1621), novizo xesuíta flamengo.
  • Xoán Eudes (1601-1680), misioneiro francés.
  • Xoán de Lalande (1615-1646), misioneiro xesuíta francés.
  • Xoán Bautista de La Salle (San Xoán Bautista de la Salle, 1651-1719) relixioso e pedagogo francés.
  • Xoán María Vianney (1786-1859), párroco francés.
  • Xoán Neumann (1811-1860), bispo de Filadelfia, EE.UU.
  • Xoán Bosco (Giovanni Melchior Bosco, 1815-1888), sacerdote italiano.

Galegos[editar | editar a fonte]

Variantes noutras linguas[editar | editar a fonte]

Albanés Gjon, Gjin
Alemán Hans, Johannes, Johann
Amhárico ዮሐንስ (Yoḥännǝs)
Árabe يحيى (Yaḥyā), يوحنا (Yuḥanna)
Aragonés Chuan
Armenio Հովհանես (Hovhanes)
Asturiano Xuan
Bosníaco Ivan
Bretón Yann
Búlgaro Йоан (Joan), Иван (Ivan)
Castelán Juan
Catalán Joan, Jan[17]
Checo Jan
Chinés 約翰 (Yuēhàn)
Corso Ghjuvanni
Croata Ivan, Ivo, Ive
Dinamarqués Johan, Johannes
Escocés Ian
Eslovaco Ján, Ivan
Esloveno Janez
Esperanto Johano
Estoniano Jaan, Juhan
Estremeño Huan
Éuscaro Jon, Yon, Ion, Manex, Ganix, Joanes, Ibane, Iban
Feroés Jógvan
Finlandés Janne, Johannes, Juha, Juhani
Francés Jean, Jehan
Galés Ioan, Siôn
Galego Xoán, Xan
Guaraní Huã
Grego Ιωάννης (Ioannis)
Hebraico יוחנן (Yôḥānnān)
Neerlandés Jan, Johan, Johannes
Húngaro János
Inglés John, Ewan, Johnny, Jack
Irlandés Seán, Iohán
Islandés Jóhann, Jóhannes
Italiano Giovanni, Gianni
Latín Ioannes
Letón Jānis
Lituano Jonas
Lombardo Giuàn
Macedonio Јован (Jovan)
Malaialam Yoohanon
Maltés Ġwanni
Noruegués Jon, Johan, Johannes
Piemontés Gioann
Polonés Jan
Portugués João
Quechua Juwan
Romanés Ion, Ioan, Ionuţ, Ionel, Ionică
Ruso Иван (Ivan), Ян (Jan), Иоанн (Ioann)
Samoxiciano Juons
Sardo Giuanni
Serbio Јован (Jovan)
Siciliano Giuvanni
Sueco Jon, Johan, Johannes
Turco Yahya, Jan, Gökhan
Ucraíno Іван (Ivan)
Xeorxiano იოანე (Ioane)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ferro Couselo, Xesús Diccionario de nomes galegos, Ir Indo, p. 549
  2. En Dicionario de Dicionarios da Universidade de Santiago de Compostela - http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=Xan&tipo_busca=lema
  3. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
  4. http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=JAN&tipo_busca=lema
  5. 5,05,1 Constantino García González: Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27, 1985
  6. X. Filgueira Valverde, L. Tobío Fernandes, A. Magariños Negreira e X. Cordal Carús (1926): ‘’Vocabulario popular castelán-galego’’ (publicado por entregas en El Pueblo Gallego)
  7. Leandro Carré Alvarellos: Diccionario galego-castelán e Vocabulario castelán -galego, A Coruña, 1979
  8. Martín Sarmiento (1754-1758): Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca en 1986)
  9. Marcial Valladares Núñez (1884): Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar
  10. Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca, 1978
  11. L. Pensado Tomé 1974, pp. 241-267. A agoa de San Joan, levó viño e non deyxó pan.
  12. Marcial Valladares Núñez: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar, 1884. Cásate, Jan, en domingo:/ estarás lunes de voda/ e martes traballarás/ para mante-l-a tua nóvia.
  13. Juan Sobreira Salgado (1792-1797): Papeletas de un diccionario gallego, ed. de J. L. Pensado Tomé (Instituto de Estudos Ourensáns, Ourense 1979).
  14. http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=Xan&tipo_busca=lema
  15. O que paga á Jan e debe á Andres, tèn que pagar outra ves
  16. Juan Sobreira Salgado (1792-1797): Papeletas de un diccionario gallego, ed. de J. L. Pensado Tomé (Instituto de Estudos Ourensáns, Ourense , 1979).
  17. A. M. Alcover y F. de B. Moll. Diccionari català-valencià-balear. Editorial Moll. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Xoán_(nome)&oldid=4784034"