Xoán Montes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Xoán Montes
Xoán Montes Capón.jpg
Nome completo Xoán Montes Capón
Nacemento 13 de abril de 1840
  Lugo
Falecemento 24 de xuño de 1899
Nacionalidade España
Ocupación director de orquestra, compositor e pianista
editar datos en Wikidata ]

Xoán Montes Capón, nado en Lugo o 13 de abril de 1840 e finado o 24 de xuño de 1899, foi un compositor, organista e director de música galego, famoso especialmente por ser o autor da versión musical do poema "Negra Sombra" de Rosalía de Castro.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ingresa con dez anos como interno no Seminario Conciliar de Lugo, onde estuda a carreira sacerdotal (Latinidade e Humanidade, Filosofía e Teoloxía, obtendo as máximas cualificacións). Foi un músico eminentemente autodidacta, xa desde a adolescencia, cando a supresión no Seminario da cátedra de solfexo o obriga a realizar pola súa conta os estudos de música, que simultanea cos relixiosos co consentimento dos seus profesores. O vicerreitor encoméndalle a creación dun coro de seminaristas, e empeza a compoñer as súas primeiras pezas: glosas, pregarias, himnos, motetes; entre eles Las siete palabras de Cristo en la Cruz, da que posteriormente (1889) fará un preludio instrumental.

Oposita á praza de organista da Catedral de Mondoñedo (1862), aínda que, ao non ter a idade requirida, só pode concursar a merito, isto é, sen dereito a praza.

Remata os estudos eclesiásticos no 1863 e renuncia á vida espiritual para dedicarse enteiramente á música, como pianista, compositor ou director, sendo con certeza un caso único en toda a historia da música galega, tanto pola cantidade como pola cualidade e variedade dos seus traballos.

Foi mestre de capela interino e organista da Catedral de Lugo, director da Escola de Música do concello, e, tras reorganizala, da banda municipal da cidade, coa que deu infinidade de concertos, divulgando a música sinfónica, a de cámara e a coral.

IES Xoán Montes de Lugo.

Fundou en 1879 o ''Orfeón Lucense'', posteriormente chamado Orfeón Galego, co que acadou grandes éxitos dentro e fóra de Galiza interpretando obras compostas por el mesmo sobre textos de poetas galegos como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, e que dirixiu até a súa morte.

En 1886 foille concedida a condecoración de Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica, distinción que recusou con humildade. No final da súa vida aínda levou a termo a organización por encomenda do bispo da Schola Cantorum do Seminario.

Faleceu na cidade de Lugo dunha hemorraxia cerebral na madrugada do 24 de xuño de 1899.

Obra[editar | editar a fonte]

Placa na praza de Santo Domingo, onde estaba a casa na que viviu e morreu.

Entre os títulos máis importantes da súa vastísima obra religiosa pódese destacar: Oficio de Defuntos, Te Deum (para catro voces e orquestra), Misa de réquiem (a tres voces e orquestra ou órgano) ou Ofertorio-marcha sobre o himno 'Ave Maris Stella', así como varias misas, pregarias, gozos, xaculatorias, invitatorios, himnos e motetes.

Entre as obras profanas merecen especial mención as seis Baladas Galegas (“As lixeiras anduriñas”, “Doce sono” e “Negra sombra”, sobre textos de Rosalía de Castro, “Lonxe da terriña” e “O pensar do labrego” con letra de Aureliano J. Pereira e “Unha noite na eira do trigo” sobre o poema de Curros Enríquez) para canto e piano.

Por outro lado, Montes compuxo tamén unha Alborada galega para banda, Himnos a Calderón de la Barca e a Gutenberg, Serenata (a catro voces), O bico e Rapaciña se quixeres (muiñeiras para orfeón), Pasodobre de trompetas (para banda e orquestra), un arranxo para sexteto da Alborada, Habanera (para piano a seis mans) e o pasodobre Aires populares de Galicia, entre moitas outras pezas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cañada, Silverio (ed.) Gran Enciclopedia Galega.
  • Diccionario de la música española e hispanoamericana. Sociedad cultural de autores y editores.
  • Varela de Vega, Juan Bautista. Cinco séculos de música na Catedral de Lugo.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Xoán_Montes&oldid=4821865"