Xosé Ramón Fernández-Oxea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xosé Ramón Fernández-Oxea
Medalla Castelao Icona vectorial.svg

Ben-Cho-Shey
Ben-Cho-Shey, en la casa familiar de Ourense, en 1936.jpg
Na casa familiar de Ourense, en 1936.[1]
Nacemento 5 de abril de 1896
  Ourense
Falecemento 2 de maio de 1988
  Madrid
Soterrado Cemiterio de San Francisco de Ourense
Nacionalidade España
Ocupación mestre
Pai Pío Ramón Oxea
Cónxuxe Isabel Algarra Díaz
Fillos María Isabel Ramón Algarra
Xéneros ensaio, poesía, narrativa
Organización Irmandades da Fala
Seminario de Estudos Galegos
Partido Galeguista
Premios Medalla Castelao
editar datos en Wikidata ]

Xosé Ramón Fernández-Oxea, nado en Ourense o 5 de abril de 1896 e finado en Madrid o 2 de maio de 1988, foi un escritor, mestre e investigador galego tamén coñecido como Ben-Cho-Shey ou Xan Fouciño, un intelectual de obra poliédrica que abarca dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación literaria.

Pra min, despois de Cuevillas e Castelao, o que mellor coidou da súa fala e o que máis directamente pode chegar ás novas xentes

—   Isaac Alonso Estraviz, Madrid, 4 de xaneiro de 1977.[2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Influenciado polo ambiente familiar —era fillo de Pío Ramón Oxea, militante nacionalista e mestre da escola normal, e neto de Elixio Oxea quen presidira a Asamblea Rexionalista Galega— Ben-Cho-Shey participou activamente moi novo nos movementos galeguistas como as Irmandades da Fala, sociedade na que aparece entre os membros fundadores en Ourense. Nesta época son habituais as colaboracións no xornal voceiro da organización A Nosa Terra, asinadas co pseudónimo Xan Fouciño e móvese dentro do círculo do Grupo Nós.

Anuncio de La Zarpa.

En 1920 foi destinado a Marrocos onde adoptou o pseudónimo de Ben-Cho-Shey para asinar as crónicas de guerra que enviaba ao diario ourensán La Zarpa. Estes textos, posteriores ao Desastre de Annual de 1921, foron logo recompilados e publicados co título de Crónicas de Marruecos: tras la Rota de Annual.

En 1925 é mestre nacional por oposición, pois xa en 1915 tiña acadado a reválida de mestre de ensino primario con premio extraordinario. Exerceu o seu labor en Cariño e na parroquia ourensá de Santa Marta de Moreiras (O Pereiro de Aguiar). Para este último lugar elaborou un modélico estudo, porén a súa publicación se demoraría ata 1968.

A finais da década de 1920 viaxou por Francia e Bélxica cunha bolsa polas deputacións galegas para perfeccionar a súa formación pedagóxica. Alí comprobou de primeira man o emprego de novas metodoloxías e apreciou a realidade socio-lingüística daqueles países, o que o levará a reflexionar sobre a necesidade da presenza da lingua galega no ensino primario.

En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos. Dous anos despois fórmase con Manuel Gómez Moreno en Arte e Arqueoloxía. No ano 1931 é un dos membros fundadores do Partido Nazonalista Republicán de Ourense. En 1935 ingresou por oposición na Inspección do Ensino Primario. É destinado a Lugo onde vai presidir o Partido Galeguista.

Cargos contra José Ramón Fernández. Primero: es galleguista…

Pola súa traxectoria galeguista ao comezo da guerra civil as novas autoridades suspendérono nas súas funcións en 1937, e foi desterrado a Cáceres. Despois da guerra civil viviu en Madrid. Desde alí impulsou numerosas iniciativas culturais a prol de Galicia. Participou activamente no Centro Galego daquela cidade, mesmo impartindo conferencias en lingua galega, actitude insólita naquel tempo. Así, en novembro de 1952, disertou sobre a vida e obra do polígrafo ourensán Arturo Vázquez Núñez no centenario do seu nacemento.

A Real Academia Galega nomeouno membro correspondente en 1943.[3] Foi correspondente, tamén, da Real Academia de la Historia, do Instituto de Coimbra e da Sociedade de Geografia de Lisboa. No 1981 foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.[4]

Humorista e literato, é moi coñecido pola maior recolleita feita nunca sobre o barallete, a fala dos afiadores, e máis polo seu epitafio, localizado no cemiterio de San Francisco, en Ourense:

O señor D. Xosé Ramón Fernández Oxea (Ben-Cho-Shey). Gran cruz de Montealegre, colector de Barallete, Preboste do Tangaraño. Ten o gusto de lles ofrecer aos seus amigos o seu novo domicilio no cumio do cimiterio de Ourense, onde os agardará ata que o boten de alí os ediles de turno. A súa dona e a súa filla préganlle encomenden a Deus a súa ánima. NOTA.- Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan.

Obra[editar | editar a fonte]

En galego[editar | editar a fonte]

Ensaio
  • O baldaquino en Galicia denantes do arte barroco, 1930, con Xosé Filgueira Valverde.[5]
  • Arturo Vázquez Núñez e o seu tempo, 1952, Editorial Monterrey.[6]
  • Santa Marta de Moreiras. Monografía dunha parroquia ourensán (1925-1935), 1968, Castrelos.[7]
  • O barallete, 1969, Edicións Castrelos.
  • Catón galego, 1969 (escrito na súa maior parte en 1936).
Nunha terra, como a nosa, onde a Lei escrita ten mais forza que a razón e que o senso común, pódense calificar como acontecementos extraordinarios ocurridos no ano 1970 o da aprobación polas Cortes Españolas do uso das lingoas vernáculas en tódolos grados do ensiño…

Galicia ano 70, Celta, Lugo, 1971. Galicia no corazón.

Poesía
  • Berzas, 1953, edición do autor.
  • A ducia do frade, 1966, edición do autor.
Narrativa
  • Andrómenas, 1954, Editorial Monterrey.
  • Contos do fiadeiro, 1973, Castrelos.
Edicións
  • Cancioneiro e refraneiro de Corme, 1951, Madrid.
  • As cartas de Galicia de Prosper Henri-Devos, 1968, Galaxia.

En castelán[editar | editar a fonte]

Ensaio

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

A súa figura foi recoñecida co Premio José Cornide do Centro Gallego de Buenos Aires (1960), unha homenaxe no Ateneo de Ourense (1977). o premio vitalicio da Fundación Pedro Barrié de la Maza (1978)[9] e a Medalla Castelao (1986).[4]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

En Tetuán en 1922. 
Nos seus anos de mocidade. 
Suspensión de emprego e soldo, inhabilitación e traslado. 1937. 
Folla de servizos. Escalafón de Inspectores de Enseñanza Primaria

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Xosé_Ramón_Fernández-Oxea&oldid=4959410"